Foto biblioteca

Foto biblioteca

25/03/22

Eva Mejuto e Matilde Bares

O alumnado de 4º ESO está a ler, na materia de Lingua e Literatura Galega, o relato “Matilde”, escrito por Eva Mejuto e baseado na vida da mestra Matilde Bares. 
O 4 de abril a autora visitará o noso centro para falar co alumnado desta obra e da importancia da figura de Matilde Bares.



20/03/22

Día Mundial da Poesía

     Mañá, 21 de marzo, conmemórase o Día Mundial da Poesía
"Unha das formas máis prezadas da expresión e identidade lingüística da humanidade. A poesía, practicada ao longo da historia en todas as culturas e en todos os continentes, fala da nosa humanidade común e dos nosos valores compartidos, transformando o poema máis simple nun poderoso catalizador do diálogo e a paz.
A UNESCO adoptou por primeira vez o 21 de marzo como Día Mundial da Poesía durante a súa 30ª Conferencia Xeral en París en 1999, co obxectivo de apoiar a diversidade lingüística a través da expresión poética e fomentar a visibilización daquelas linguas que se atopan en perigo."

Fonte: es.unesco.org 

     No noso centro, para celebrar esta data, convocamos o concurso de poesía e imaxe O teu mundo é unha poesía. Poetizas? Recordamos a todos e todas aquelas interesadas en participar que o prazo de entrega ampliouse ata o vindeiro xoves 24 de marzo.



16/03/22

O segredo de Al’eume

     Hoxe visitou o noso centro Pilar Ortega Pereiro, autora do libro O segredo de Al’eume, que foi gañador no IV Premio María Victoria Moreno de Literatura Xuvenil, convocado polo Concello de Pontevedra e a editorial Cuarto de Inverno. Os alumnos e alumnas de 1º da ESO inscritos no Club de Lectura leron, durante as pasadas semanas, este entretido libro e, posteriormente, compartiron as súas opinións sobre el nunha xuntanza na biblioteca. 

     Hoxe aproveitaron a visita de Pilar para facerlle preguntas acerca dalgunhas das historias e personaxes que aparecen no libro, ademais doutras curiosidades sobre a súa actividade como escritora.

11/03/22

Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

Un ano máis abre as súas portas o Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que nesta ocasión presenta a súa programación baixo o lema Con moita arte! 

Ata o día 27 de marzo poderemos gozar de máis de trescentas actividades pensadas para todo tipo de públicos. Na seguinte ligazón podedes consultar a programación: SALÓN 22

08/03/22

8M

      Para conmemorar a data de hoxe, Día Internacional da Muller, organizouse no centro unha exposición con distintos traballos realizados co alumnado de 1º ESO nas materias de Xeografía e Historia e Educación Plástica, coa colaboración da Biblioteca. O proxecto HERStory-HA centrouse no estudo de sete mulleres que tiveron grande relevancia na Historia Antiga. 


     As seguintes imaxes mostran un momento da entrega dos premios das cabezudas, o alumnado posando coas súas creacións e a montaxe final da exposición.




06/03/22

Entroido

     O pasado venres 25 de febreiro celebramos no IES Illa de Ons o Benid´Ons Fest, con actuacións musicais e bailes tanto do alumnado coma do profesorado e persoal non docente.


     Ademais convocouse o xa tradicional concurso de cabezudas, centrado este ano na representación de diferentes mulleres da Historia Antiga. Os departamentos de Xeografía e Historia e Educación Plástica e Visual, coa colaboración da Biblioteca, estiveron a traballar co alumnado de 1º ESO arredor da vida e obra de sete mulleres: Enheduanna, Semíramis, Hatshepsut, Cleopatra, Nefertiti, Safo e Hipatia. Con todo o material elaborado montaremos unha exposición o día 8 de marzo da que, polo momento, mostramos as  cabezas das distintas mulleres, creadas polo alumnado con volumes en papel maché.