Foto biblioteca

Foto biblioteca

29/04/24

Carlos Labraña no IES Illa de Ons

     A biblioteca do centro acolleu hoxe unha actividade teatral arredor da obra O valo, na que tivemos a sorte de contar co autor da mesma, Carlos Labraña. Esta obra dramática, proposta como lectura do club para 1º ESO polo “Día da Paz”, fixo reflexionar ao alumnado sobre a igualdade entre as persoas, os límites irracionais establecidos polo poder e a necesidade urxente de acabar coas inxustizas no mundo. O alumnado caracterizouse e dramatizou, poñéndose na pel dos distintos personaxes da historia, demostrando que o IES Illa de Ons segue a ter unha canteira de artistas!

Encontro con Montse Villar

 O alumnado de 1º ESO tivo unha visita moi especial o pasado venres, a de Montse Villar, poeta e antiga profesora do noso centro. Durante este encontro coñecimos unha parte moi importante da súa obra, solidaria cos máis desfavorecidos e crítica coas desigualdades sociais, falounos de varios dos seus libros nos que trata diferentes inxustizas e aprendimos que os poemas poden ter dúas lecturas, como en Ubuntu, horizontal e vertical, e que incluso se poden bailar.

     O alumnado tamén traballou en grupos deseñando o seu propio libro, ao que irán engadindo distintas creacións literarias elaboradas por eles mesmos durante o que resta de curso.

    Moitas grazas, Montse!

25/04/24

Obradoiro de papiroflexia

    A vindeira semana dará comezo na biblioteca un obradoiro de papiroflexia, dirixido tanto a alumnado como a profesorado do centro, impartido por varios alumnos e alumnas de 1º ESO. Cada martes e xoves do mes de maio, de 11:30 a 11:50, aprenderemos a crear diferentes figuras de papel. 


24/04/24

Día do Libro

     Para conmemorar o “Día do Libro” organizouse, na entrada do noso centro, unha exposición con materiais elaborados polo alumnado de 4º ESO nas materias de Lingua e Literatura Castelá e Tecnoloxía.

   Por un lado, nas  clases de Lingua e Literatura Castelá, o alumnado deseñou libros despregables de distintos títulos lidos durante o pasado trimestre. En Tecnoloxía, tras practicar programación na plataforma COSPACES na 2ª avaliación, o alumnado traballou a realidade aumentada con Merge Cube seguindo a plantilla “Book report”; introduciron información nos cadros de texto, personalizaron a apariencia do cubo e engadiron unha escena do libro elixido. Xa na terceira avaliación crearon carteis en Canva coa portada do libro e o QR para visualizar os traballos en realidade aumentada.



     Por outra banda, alumnado e profesorado do centro colaboraron nunha proposta que consistiu na doazón de libros para compartir coa comunidade educativa e tamén coa xente de Bueu. Alumnos e alumnas de 1º e 4º ESO saíron ás rúas para depositar, en distintas localizacións, unha parte dos libros recollidos e así facer a todo o mundo partícipe deste día tan especial.