Foto biblioteca

Foto biblioteca

15/04/18

Casa O’Rei

   
     
     A seguinte lectura do Club será a obra teatral Casa O’Rei de Santiago Cortegoso. O autor propón con este texto un xogo escénico a partir do Rei Lear de William Shakespeare, ambientado aquí nunha típica casa de comidas galega.

     Manolo Rei, vello e enfermo, prepara un cocido e reúne a familia. A comida sempre é unha escusa. Desta vez para repartir a casa entre as súas tres fillas. Pero o cocido sáelle cargado de traizón e desprezo, intragable polo amargor dun mundo novo, acedo e descoñecido, que trae do estranxeiro unha morte preconxelada e adobiada con fel. O tempo, o destino e o Burger King son implacables coa sorte dos mortais que non saben seleccionar os ingredientes axeitados para elaborar as receitas da súa vida.

     Ibuprofeno Teatro está actualmente de xira con esta obra teatral. Miguel Borines, Vitoria Teijeiro, Marián Bañobre, Teté García (profesora de música do noso centro), Víctor Mosqueira e Xosé Manuel Esperante, dan vida aos personaxes baixo a dirección de Santiago Cortegoso.

11/04/18

Concursos "Humanísimos"

     Os concursos “Humanísimos” van dirixidos aos estudantes de Secundaria e Bacharelato de toda Galicia e con eles preténdese brindarlles unha oportunidade para coñecer mellor o Campus de Ferrol e as titulacións que ofrece. Así, convócanse certames de monólogos, de fotografía e de microrrelatos, cada un deles nas categorías de ESO e Bacharelato. Nos tres concursos, o prazo de presentación rematará o 31 de maio. 
Concurso de monólogos 
Os monólogos deberán ser orixinais e de creación propia do autor. Comezarán coa frase 
“No meu primeiro día na Universidade…” e terán una duración máxima de cinco minutos.
  
Concurso de microrrelatos 
O relato, dun máximo de 300 palabras,
terá que comezar coa frase “No meu primeiro día na Universidade…”

 Concurso de fotografía de bibliotecas
 Presentarase unha fotografía por concursante e necesariamente 
deberá gardar relación coa temática das bibliotecas.
 

09/04/18

María Reimóndez visita o noso centro

     O alumnado de 1º e 2º ESO leu, o pasado trimestre, a novela xuvenil “Corredora” da autora María Reimóndez. Esta obra literaria trata a historia de Genet Mullugueta, unha nena etíope á que lle encanta correr pola montaña. A fame, a guerra e a figura do pai obrígana a acompañar a súa nai a pedir esmola nas rúas da cidade. Alí coñece a Abebe, un médico e voluntario da federación de atletismo que lle propón adestrarse e cambiar a súa vida por completo.


    Como actividade complementaria á lectura, e en colaboración co Equipo de Dinamización da Lingua Galega, convidamos a María Reimóndez para comentar a obra e falar das súas experiencias co proxecto Implicadas no Desenvolvemento, a ONG galega que fundou en 1998 e da que foi presidenta durante varios anos.
     


05/04/18

XIX Salón do Libro: “Mulleres de conto”

     Desde o 6 ata o 29 de abril, abre as súas portas o Salón do Libro Infantil e Xuvenil no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Preme na imaxe para acceder á programación 

     O tema desta edición é MULLERES DE CONTO e con ela o Salón do Libro pretende render merecida homenaxe ás mulleres que conforman o mundo da literatura infantil, desde os personaxes dos contos ata as autoras, editoras, ilustradoras, profesoras, bibliotecarias… e, ao tempo, promover unha lectura crítica e reflexiva, con perspectiva de xénero, ao mundo da creación literaria e plástica da Literatura Infantil e Xuvenil.