Foto biblioteca

Foto biblioteca

28/10/23

Subnormal. Unha historia de acoso escolar.

   Este mes de outubro iniciamos as primeiras actividades dos clubs de lectura lendo a obra de banda deseñada "Subnormal", unha historia real de acoso escolar, guionizada por Fernando Llor e debuxada por Miguel Porto. Iñaki Zubizarreta, ex xogador de baloncesto que sufriu acoso durante a súa etapa escolar, é o protagonista deste durísimo relato ilustrado.

    Tras ler o libro organizamos na biblioteca dúas xuntanzas co alumnado de 1º ESO, nas que realizamos distintas actividades co obxectivo de rachar cos prexuízos e fomentar a empatía. Reflexionamos sobre os alcumes e sobrenomes que damos aos demais, os roles que podemos atopar na maioría de situacións de acoso e como debemos actuar para evitalas ou darlles unha solución. Por último fixemos unha posta en común dos sentimentos que espertou en nós a lectura deste libro.

27/10/23

Semana do terror

    Chega o Samaín ao IES Illa de Ons! 

    Durante os recreos do martes, xoves e venres da vindeira semana celebrarémolo con diversos concursos verdadeiramente terroríficos: disfraces de medo, doces espantosos e relatos arrepiantes. Recordamos ao alummado que os premios son entradas para o cinema e que o luns poden inscribirse en calquera dos concursos propostos.




     Necesitas ideas? Podes pasar pola biblioteca e axudarémoste con recomendacións lectoras para inspirarte na elaboración dun disfraz aterrador, dunha deliciosa receita de aspecto noxento ou dun relato que provoque os nosos peores pesadelos. Anímate a participar!

24 de outubro: Día das Bibliotecas

      Esta semana celebramos no centro o Día das Bibliotecas cunha actividade de formación de usuarios, na que participou o alumnado de 1º ESO. Despois de facer unha presentación dos distintos espazos e seccións e de explicar como facer a procura de exemplares, tanto no espazo físico como virtual, propuxemos un reto por grupos. O alumnado debía atopar unha serie de libros, xogos e películas e recoller nun formulario o nome do seu autor ou autora. Os grupos que acadaron o 1º e 2º posto recibiron como premio libretas de bibliotecas escolares.



16/10/23

Día das escritoras


Para conmemorar o Día das Escritoras, hoxe montamos na entrada do noso centro unha pequena exposición para visibilizar a obra dalgunhas das autoras máis lidas na nosa biblioteca.



O Día das Escritoras é unha iniciativa  organizada entre a Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mujeres Directivas e Executivas Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a asociación Clásicas e Modernas, Asociación para a igualdade de mulleres e homes na Cultura. Ademais, contará coa colaboración de Asociación Colexial de Escritores (ACE)e o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO). Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.

07/10/23

Certames de creación literaria e audiovisual

     Para todo o alumnado e/ou profesorado interesado en participar, publicamos información sobre algúns certames relacionados coa creación literaria e audiovisual: o XXII Concurso de Relato Oral "Tíralle da Lingua", o XIII Certame de Curtas AS-PG e o 6º Concurso de Poesía e Relato Curto "Cambados Mar das Letras 2023". Podedes acceder ás bases completas nas ligazóns vinculadas ás imaxes.