Foto biblioteca

Foto biblioteca

26/06/21

Despedimos o curso

     Despois dun duro ano de pandemia, no IES Illa de Ons quixemos despedir o curso ofrecendo ao noso alumnado interesantes e variadas propostas de actividades: sendeirismo, baixada en bicicleta polo monte, obradoiros de ilustración con Luis Davila, Marc Taeger e Joshua Acuña, taller de poesía visual con Lois Gil Magariños, obradoiro de hip-hop impartido por Serxio García, proxección de curtametraxes seleccionadas polo FIC Bueu no Centro Social do Mar, actividade “Orientarse no mar” no Museo Massó e un acto de graduación para despedir ao alumnado de 4º de ESO, que este ano remata a súa etapa educativa no noso centro. 

     O seguinte vídeo resume estas entretidas xornadas.



22/06/21

Adiviña, adiviñanza…

      Mañá comezan as vacacións e desde a biblioteca queremos desexarvos un feliz verán e animarvos a realizar actividades variadas neste tempo de lecer: pasear, ler, facer deporte, ver cinema e teatro, cociñar, escoitar música, escribir, debuxar, xogar e conversar coas amizades e a familia, resolver pasatempos…

     Podedes comezar por atopar as solucións a estas adiviñas, creadas polo alumnado de 2º ESO coa profesora Amalia Graña, a partir de distintos recursos expresivos: comparacións, metáforas, personificacións, paradoxos…






18/06/21

Entrega de libros asinados

      Hoxe foron entregados na Biblioteca, os premios acadados polo alumnado de 2º ESO no Kahoot sobre Xela Arias proposto por Anxo Rajó na súa visita polas Letras Galegas.

   Xoán Rodríguez, coordinador do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, entregou a Gael, Enara, Antón, Lara, Carlota, Rodrigo, Miguel T., Brian, Miguel B., Marta, Sara, Cristina, Inés e Alba cadanseu libro dedicado polo propio Anxo, autor da biografía Xela Arias. Poeta e tradutora.

17/06/21

Actividades remate de curso

     A próxima semana remata o curso escolar e a biblioteca está a colaborar cos demais departamentos e a dirección do centro na planificación dunha serie de actividades para despedirnos. No seguinte cartel mostramos as saídas que faremos e os estupendos artistas que visitarán o Illa de Ons os vindeiros luns e martes. 

    A pasalo moi ben!



14/06/21

Lecturas para o verán

      Lembramos ao alumnado, profesorado e persoal non docente, que a biblioteca fará préstamos para este verán. Aínda que durante o curso emprestamos un máximo de tres exemplares á vez, nas vacacións o alumnado poderá levar ata cinco libros que deberá devolver en setembro.

     Ademais das novidades de temáticas diversas que durante este curso fomos adquirindo, recordámosvos que as seccións de igualdade e inclusión teñen tamén títulos moi recentes e interesantes.

     Entre as lecturas que recomendamos temos estes dous títulos asinados polos propios autores, agasallo da Librería Miranda de Bueu: 

     Visitantes da estrela vermella, de Tomás González Ahola, e A caída de Guiomar, de Alba Rozas, foron presentados nun acto organizado pola Libraría Miranda o pasado día 12 no Centro Social do Mar de Bueu. Estes dous libros forman parte da colección "A miña primeira novela de..." fundada por Contos Estraños Editora. 

Moitas grazas!

10/06/21

Club de lectura con Montse Villar

     As pasadas semanas, o club de lectura centrou a súa actividade arredor da obra poética da súa coordinadora, Montse Villar. Montse, ademais de profesora de Lingua e Literatura Castelá, é unha grande poeta, licenciada en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Portuguesa, profesora tamén de ELE (Español como Lingua Estranxeira), autora de materiais e manuais didácticos, conferenciante e formadora de profesores, tradutora de autores portugueses, colaboradora en blogues e encontros literarios...


       Montse falounos da súa poesía, explicounos algunhas das súas experiencias neste campo e contou anécdotas que viviu nos seus múltiples encontros literarios. Ademais de ler algúns dos seus poemas, os alumnos e alumnas seleccionaron os que máis lles sorprenderon, explicando a continuación a autora a orixe deles. Tamén amosou algúns dos seus poemas obxecto e animou ao alumnado a crear outros para as vindeiras xuntanzas.

     Moitas grazas pola túa xenerosidade!

02/06/21

20 Aniversario de Umbrela

     Aló polo ano 2001 nacía a revista Umbrela da man do Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Illa de Ons. Para celebrar o seu aniversario organizamos unha exposición cunha escolma dalgúns dos materiais publicados durante estes 20 anos, nos que Umbrela rexistrou as vivencias da nosa comunidade educativa. 

     Na editorial do último número da revista, que está a piques de publicarse, Xoán Rodríguez rememora algúns dos episodios da súa historia:

01/06/21

Cartas e fotografías gañadoras nos concursos da ANPA

    Hoxe tivo lugar, na biblioteca do centro, o acto de entrega de premios aos gañadores e gañadoras do I Concurso de Cartas de Amor e Amizade e do IV Certame de Fotografía "Obxectivo Bueu", organizados pola ANPA en colaboración coa Biblioteca. Nesta ocasión foron Mari Nores e Miriam Cabanelas, presidenta e vicepresidenta da ANPA, as encargadas de facer entrega ao noso alumnado dos diferentes premios. 


    Rocío Comedeiro (2º A), Carlota Nores (1º A) e África Álvarez (1º B) foron as autoras das mellores cartas da modalidade A (1º e 2º ESO) e Zulema González (3º A), recibiu o 1º e único premio da modalidade B (3º e 4º ESO).


     No certame de foto resultaron premiadas, na modalidade A, as imaxes de Asier Golobardas (1ºA), Gael Calviño (2ºA), Carla Souto (2ºB), Nuria Rodríguez (1ºA), Alberto Rosales (2ºA) e Alba Otero (2ºC). Na modalidade B os gañadores foron Brais Castro (3ºB), Pablo Loira (3ºA) e Maica Morgado (4ºA).


     Ademais dos xenerosos vales que poderán trocar nos diferentes comercios de Bueu adheridos á ANPA, o alumnado participante no concurso de fotografía recibiu un diploma como recoñecemento ao seu traballo.
     Noraboa a todos e a todas!