Foto biblioteca

Foto biblioteca

27/06/18

Revista Umbrela nº 23

     Coma todos os anos o IES Illa de Ons elaborou unha revista anual que recompila moitas das actividades realizadas no centro durante o curso. As primeiras páxinas da revista resérvanse para textos escritos polo noso alumnado: relatos, poemas, vivencias persoais... Agardamos que vos guste!

https://drive.google.com/file/d/1TV0-jjrsGNnqN7IJ1NJWBkD22GQ8ejX4/view

24/06/18

Excursión dos clubs de lectura a Celanova

     O pasado venres 22 de xuño fomos de excursión a Celanova os participantes nos clubes de lectura de 1º e 2º ESO: Andrés, Alex, Breixo, Iria, Jesús, Joel, José, Maica, Noa, Pedro, Víctor, Xoán, Alba, Antía, Diana, Gisela, Sara e Víctor, acompañados polas profes Lourdes e Olalla.
     
     A nosa primeira visita en Celanova foi a "Casa dos Poetas", a casa familiar de Manuel Curros Enríquez, formada por dous edificios: un coa estructura dunha casa tradicional galega, onde se conserva a lareira e a cheminea e outro, con características máis urbanas, ao que pertence a fachada.

     Alí guiáronnos por unha exposición que repasa a vida e a obra do autor, e momentos tan importantes como a chegada do tren a Ourense, a emigración a Cuba ou a creación da Real Academia Galega. Na exposición tamén se fai un achegamento a outros autores celanoveses como Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Luis Méndez Ferrín que, xunto a Curros, dan nome ao lugar: "Casa dos Poetas".
     
     Aproveitamos a nosa visita para interpretar todos xuntos a versión "Aí vén o maio" de Luis Emilio Batallán. A guía que nos acompañou sacounos unha fotografía e, ao día seguinte, o Club de Lectura do IES Illa de Ons saiu no xornal por ser o último centro deste curso en visitar a casa de Curros.


MAIO

Aí vén o maio
de frores cuberto ...
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno! ...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero ...

Queredes castañas
dos meus castiñeiros? ...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Manuel Curros Enríquez, Aires da miña terra

     A continuación paseamos pola vila. Achegámonos ata a Praza Maior, na que hai unha fonte do século XVIII, visitamos o claustro barroco do Mosteiro de San Salvador e a capela mozárabe de San Miguel.

     O noso seguinte destino foi Allariz, onde paramos a comer e a refrescarnos no río Arnoia. Este, sen dúbida, foi un dos momentos máis divertidos da xornada onde non faltaron xogos, chapuzóns e moitas risas.

     Para finalizar a nosa viaxe e relaxarnos un pouco fomos ás termas de Outariz, situadas á beira do río Miño, en Ourense. Alí estivemos a remollo nas distintas pozas de auga fría e quente que resultan tan pracenteiras que algún case queda durmido.



   Quedamos todos e todas con desexos de repetir!

18/06/18

I Certame de Fotografía "Obxectivo Bueu"

     O venres 15 de xuño tivo lugar a entrega de diplomas e premios aos autores e autoras das 13 fotografías seleccionadas no I Certame de Fotografía "Obxectivo Bueu": Abel Dopazo (3º PMAR) con dúas fotografías seleccionadas, Iria Villanueva (3º A) con dúas fotografías seleccionadas, María Méndez (3º B) con dúas fotografías seleccionadas, Antía Novas (2º A) con tres fotografías seleccionadas, Iria Rodríguez (1º B) con tres fotografías seleccionadas e Maica Morgado (1º B) cunha fotografía seleccionada.

      
     As imaxes gañadoras ilustrarán un calendario co que o alumnado poderá recadar fondos, o vindeiro curso, para custear distintas saídas educativas propostas polo centro. Os rapaces e rapazas premiados/as asistirán a un Curso de Iniciación Fotográfica na última semana de xuño, impartido por unha fotógrafa profesional.
     A idea de convocar este certame naceu da ANPA do IES Illa de Ons, coa que colaboraron a Biblioteca e o Equipo de Dinamización da Lingua para a creación das bases, a súa promoción e a selección das imaxes gañadoras.
     As seguintes imaxes resumen o acto organizado pola Biblioteca no que María José Arribas, representando á ANPA, participou para facer a entrega dos diplomas.


13/06/18

Concurso de relatos e Certame de Fotografía

    Como xa todas e todos sabedes, no terceiro trimestre deste curso, a Biblioteca e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega colaboraron coa ANPA na organización de dous concursos dirixidos ao noso alumnado. 

     O venres 15 de xuño coñeceremos as fotografías gañadoras do I Certame de Fotografía "Obxectivo Bueu", durante un acto no que se fará entrega aos autores e autoras dunha certificación pola súa participación. Os/as premiados/as recibirán, durante a última semana de xuño, un Curso de Iniciación á Fotografía impartido por unha profesional na materia.

     En canto ao I Concurso de Relatos "Teresa López González", os premios fixéronse públicos a finais do mes de maio. O acto foi presentado por Lourdes Garrido, profesora de Lingua e Literatura Castelá e coordinadora do club de lectura, que estivo acompañada para facer a entrega dos premios por Mª José Arribas Portela, representate da ANPA.


       Os alumnos e alumnas premiadas foron:
  • Na modalidade A: Andrés Paz (1º B), Zaira Ogando (1º A) e Clara Costas (2º A).
  • Na modalidade B: Aarón Santaclara (4º A), Xavier Graña (3º A) e Miguel Leal (3º A).

     A continuación mostrámosvos algúns dos relatos premiados.

Vida de tea
Andrés Paz
     Hai un soño que se repite, que volve e volve, noite a noite. Este soño é:

     Estou co meu irmán facendo un forte de almofadas. Ao entrar a el encontro un coitelo e entro nun mundo máxico feito de mantas e almofadas. Encontrei un pobo, no que os nenos cantaban e os rapaces, adultos e vellos bailaban; pero de pronto apareceu un dragón. Acerqueime e deime conta de que as persoas eran de tea, e o dragón tamén! Leveime unha agradable sorpresa ao descubrir que o lume eran sabas laranxas, así que acerqueime a el, craveille o coitelo, e ao sacalo vexo todo o recheo que sae del, ata que só queda a tea.

     Nese momento quería levantarme do soño, pero non podía! Os nervios apoderáronse de min, sentía que non era capaz de respirar e pensaba que aquilo era real. De repente, noto algo que me toca; eran os aldeáns que me daban as grazas.
     Decidín quedarme, tiven unha muller e dous fillos de almofada. A comida tamén foi de almofada. A min encantábanme as almofadas fritas. A miña muller chamábase Algodón, e os meus fillos Seda e La.

      Ao despertarme foi cando era vello e morría, sempre sentía moita dor, pero  dicíanme: Só foi un soño, pero, e se non foi?

-Avó gustouche o conto?
-Claro, gústanme todos os teus contos.
-Avó...
-Que queres meu fillo?
-Ti vas morrer?
-Pois claro, todos imos morrer.
-Espero que vivas para sempre...
-E eu tamén.

O mundo ten os pés fríos
Clara Costas
     Hai un soño que se repite, que volve e volve, noite a noite. Ese soño recórdame a ese verán, o mellor da miña vida.

     Cada vez que penso nel, vólvome tola. Tan tola que, ás veces non son capaz de recordalo detalle a detalle. Hai veces que quero contarllo á miña nai, pero non consigo contalo ata o final; sempre, cando consigo chegar ao final, dáme vergoña.

     O soño describe o verán perfecto, o que repetiría miles de veces. Prodúceme unha emoción inigualable a outra. A brisa do mar rozando os meus sentimentos, a auga fría, o ceo gris e o meu corazón latexando a mil por hora. Ao meu lado está el, o home da miña vida; e murmúrame ao oído “O mundo ten os pés fríos”.

Aquel terrible pesadelo
Aarón Santaclara
     Hai un soño que se repite, que volve e volve, noite a noite.

     Recordo a miúdo aquela triste historia, a que vivín o 14 de outubro cando espertei nunha casa solitaria do monte.
 
     Foi un feito estraño, xa que eu chegara á casa canso e metérame na cama cedo para durmir. Por desgraza non espertei na miña acolledora cama; nun primeiro momento, cavilei na posibilidade de que se tratara dunha broma de mal gusto feita polos meus “amigos”. 
     A casiña na cal se dá inicio o meu pesadelo era antiga, feita con madeira rillada debido ao paso dos anos e ás continuas choivas; carecía de luz, afloraban nunha escuridade constante; dentro de dita escuridade afondeaban diversos cadros que representaban no seu interior escenas de caza. Aínda que había un, só un, que non seguía a mesma temática, aparecía un home aforcado nunha grande árbore que eu coñecía moi ben. 
     Espertei co son do espertador, botei unha ollada pola ventá e alí estaba, a árbore. Tratábase da segunda vez que me vira inmerso naquel sono, á primeira non lle dera importancia pero esta vez si e prometinme acabar con el, de raíz.      
     Cando compramos a casa hai dous anos, ela xa vivía aquí, levaba moito tempo alí prantada. Segundo o home, o que habitaba a casa antes ca nós, prantáraa o seu avó hai noventa e cinco anos. 
     Decidín comezar a miña búsqueda por aquel home, Miguel Santos Fernández, o vendedor. Rebusquei entre os documentos de compra-venda do inmoble, encontrados na librería do cuarto dos meus pais. Saqueinos con coidado e descubrín un burato do tamaño do meu puño. Dentro del, uns documentos que anunciaban o protocolo dos bombeiros tras un incendio da casa supostamente provocado no 1981. Anunciaba tamén o falecemento dun neno de nome Miguel Santos Fernández. 
     Fiquei sentado aproximadamente durante dez segundos, cavilando, discorrendo, calculando, enlazando os meus pensamentos ata que o medo se apoderou de min e corrín e corrín xunto meus pais e alí estaban, tendidos no chan, como durmindo. 
     O meu impulso foi seguir correndo, tropezando en canto había, coa estraña sensación metida no corpo de que algúen me perseguía, cerca, moi cerca. 
     Botei unha mirada atrás e alí estaba, unha figura negra como a noite, correndo con actitude cazadora cara a min, ao instante de volver a mirada adiante choquei, choquei con gran forza contra a árbore, aquela árbore maldita, e quedei inconsciente. 
     Espertei co son do espertador, botei unha ollada pola ventá e alí estaba, a árbore.
 A vida é un soño
Xavier Graña
     Hai un soño que se repite, que volve e volve, noite a noite...

     Son un pobre Fidalgo, Xoán Xosé chamábanme. Vivo na periferia da cidade de Salamanca, nunha vida humilde e sen responsabilidades. Pero todas as noites soño que me converto no rei do país, Filipo III, e teño esa vida de riquezas e satisfacción.
 
     Son o rei Filipo III, soberano de España, o que leva unha gran responsabilidade. Estou continuamente mantendo o país entre guerras, relixión e crises, pero gustaríame unha vida tranquila de retiro. Por sorte, todas as noites podo descansar, porque soño coa vida dun humilde Fidalgo sen responsabilidades nin preocupacións.
     Espertei moi tarde hoxe. Levanteime, fun a por unas mazás para almorzar e dirixinme á vila a pasear. Por todas partes víase pobreza, e seica isto pasaba en todas as  cidades do país. Os cidadáns estaban fartos do abuso do rei, que non facía máis que investir os poucos cartos en perseguir os infieis, que ao final eran familiares do pobo. Convocáronme para unha reunión. Nela dixeron que para a semana asaltariamos o Castelo para asasinar o rei. Estaba obrigado a ir, non podía poñerme en contra do meu propio bando, pero a idea do asasinato aterroume. Partimos á mañá seguinte; e eu ía nun carro no que me durmín... 
     Entón espertei subitamente, aterrado polo pesadelo. Parecía tan real... E esa tarde chegou unha caravana de carros cun montón de campesiños armados, e asentáronse fronte ao Castelo. O mellor que podía facer era encerrarme no meu dormitorio a escuras e facer que non estaba. Entón no meu dormitorio entrou Manolo, o meu criado, preocupado pola miña actuación. Eu díxenlle que anunciara ao pobo que ía investir os cartos neles en lugar do exército, para calmalos. E durmín...
     Levanteime á tardiña do día seguinte no carro. Cada vez tardo máis en levantarme! Ao asomarme fóra, o rei anunciara que loitaría contra a crise do pobo, así que o pobo volvía satisfeito e non había mortos. Decidín pasear por Madrid, xa que estaba alí, e entón atopeime o rei de costas, e desmaieime... 
     Espertei da sesta na miña caixa de area, e lambínme a miña patiña. Que soño tan
raro! Ou estaría soñando que era un gato?

07/06/18

Emigrantes - Shaun Tan

A última proposta deste curso para o club de lectura é a novela gráfica Emigrantes, de Shaun Tan.

"Esta atípica e extraordinaria novela gráfica desdebuxa as fronteiras entre a realidade e a fantasía para plasmar a experiencia da emigración. O anónimo emigrante parte dunha realidade coñecida (coa cal o lector se identifica) e chega a un mundo no que, unha vez superadas as fronteiras, todo lle parece (e parécenos) novo e estraño. Ao identificar a patria de acollida cun lugar fantástico, Shaun Tan crea unha sensación de estrañeza, incompresión e fascinación que marca o clímax do libro. A simboloxía adquire unha notoria e sutil presenza, e na narración articúlanse distintas voces que constrúen unha imaxe tan impresionante como próxima da emigración." Reseña de Canal Lector
      Para ir abrindo boca, amosámosvos un proxecto de sonorización da primeira parte da novela, realizado por Tomás Mejía Londoño e musicado cunha Gnossienne de Erik Satie.


     Como actividade complementaria á lectura, a coordinadora do club está a organizar unha excursión a Celanova para visitar, entre outras cousas, a Casa Museo de Manuel Curros Enríquez, unha das figuras máis destacadas da emigración galega.

06/06/18

I Festival Internacional de Jazz de Bueu

     A Asociación de Jazz de Bueu e o Concello de Bueu promoven o I Festival Internacional de Jazz de Bueu, que se celebrará do 7 ao 10 de xuño en diversas localizacións da vila e que incluirá un total de sete actividades. 

     
     A programación arranca o 7 de xuño cun concerto a cargo do Cuarteto do cantante e saxofonista Antonio Otero, que se celebrará ás 21:00 no Farol. Xunto a el estarán Álvaro Vieito á guitarra, Juansi Santomé ao contrabaixo e Antón Iglesias á bateria.
     
     O 8 e o 9 celebraranse dous concertos centrais na Praza Massó con acceso de balde. O venres, a partir das 22:00, será a quenda de JUZZ, a banda liderada polo guitarrista galego Virxilio da Silva acompañado por Rosalino Marinello, Álex Salgueiro, Xan Campos, Felix Barth e Iago Fernández. O sábado, tamén ás 22:00, actuará o saxofonista e cantante Antonio Lizana Group.
     
     No programa tamén se inclúen dúas jam sessions e outras de jazz de mediodía en diversos locais hostaleiros da vila. Felipe Villar Trío actuará o 8 de xuño ás 00:00 no B-Living, coa compañía do contrabaixista José Manuel Díaz e o baterista Max Gómez. O sábado tamén ás 00:00 actuarán no Aturuxo o Cuarteto de Sunil López, unha banda formada por Diego Alonso, Álex Touceda e Héctor Agulla,
    En canto ás sesións de jazz de mediodía, M.G.V. Trío (Miguel González, Brais López e Íñigo Azurmendi) actuará o sábado ás 13:00 no Leña Verde e Pablo Sanmamed Trío, con Iago Mouriño e Bruno Couceiro, o domingo en La Perfecta

05/06/18

Regueifeiros e regueifeiras, lumeeeeeee!

     Como xa comentamos a Semana das Letras Galegas, durante o mes de maio desenvolveuse no IES Illa de Ons un Obradoiro de Regueifas. Durante dúas sesións, os días 15 e 28 de maio, o alumnado de 2º ESO aprendeu a compoñer regueifas (composicións cantadas, rimadas e improvisadas), orientados polos regueifeiros Pinto d’Herbón e Luís "O Caruncho". Destas dúas xornadas saíron seleccionados/as sete alumnos e alumnas: Iris Fandiño, Carlos Gómez, Alejandro Rosales, Antía Novas, Sara Soliño, Aridane Moreira e Gisela Pérez, que representaron ao noso centro no II Certame Escolar de Poesía Improvisada do Morrazo o día 31 de maio.

     O certame, que tivo lugar no Auditorio de Cangas, foi organizado polas concellarías de Normalización Lingüística de Moaña, Cangas, Bueu e Vilaboa. Nel participaron os cen finalistas dos diferentes centros do Morrazo e, tras unha primeira quenda, foron seleccionados/as vinte estudantes, entre eles Antía Novas e Aridane Moreira.

   Nesta segunda rolda o xurado, composto por xornalistas, profesorado e profesionais do mundo da música, elixiu os/as catro mellores regueifeiros/as que participaron nunha actuación final, entre eles a Aridane Moreira, alumno do noso centro.


     Noraboa a todos e todas porque non é nada doado improvisar rimas, e moito menos diante de tanto público!