Foto biblioteca

Foto biblioteca

31/05/24

Musical Miserábeis


     Alumnado, profesorado, persoal non docente e familias do IES Illa de Ons, estamos a realizar os últimos ensaios para a posta en escena de Miserábeis. O Musical, un proxecto de carácter interdisciplinario baseado na obra de Víctor Hugo, no que a nosa Comunidade Educativa traballou durante os cursos 18/19 e 19/20 e que foi interrompido pola pandemia. Este ano decidimos poñelo novamente en marcha, trasladando a historia orixinal a unha contorna máis galega de finais do século XIX.


     Durante un acto celebrado esta mañá no concello de Pontevedra, as profesoras Diana Vilas e Teté García, directoras do proxecto, presentaron o musical acompañadas polo edil de Cultura Demetrio Gómez.

Imaxes dos ensaios
     As entradas, con carácter de donativo para sufragar os gastos da posta en escena, están á venda desde o próximo luns día 3 de xuño no IES Illa de Ons de Bueu e no despacho de entradas do auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra.
     
     Non faltedes!


30/05/24

Club de lectura MANGA

 O club de lectura MANGA, formado por alumnado dos diferentes niveis educativos, reuniuse en varias ocasións durante este trimestre para ler e comentar distintos aspectos de Neon Genesis Evangelion. Vol 1, unha adaptación ao manga do anime homónimo creado por Yoshiyuki Sadamoto. 


     Esta semana a biblioteca adquiriu unha serie de títulos para que o alumnado deste club poida elixir lecturas para o vindeiro curso e vaia ideando actividades vinculadas a cada unha delas.


13/05/24

Luísa Villalta

 Un ano máis celebramos o Día das Letras Galegas, nesta ocasión homenaxeando a figura de Luísa Villalta, autora nada na Coruña o 15 de xullo de 1957. 
Recomendamos ler o artigo biográfico Luísa Villalta. "E formo parte", de Ana Romaní, publicado na páxina da Real Academia Galega, así como as distintas biografías publicadas sobre a figura da autora, entre elas a guía escrita por Anxo Rajó Pazó, da editorial Ir Indo.


     No noso centro montamos a exposición cos carteis gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2024: Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta, do CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel de Ourense,  nos que se amosa a autora como un avatar que nos convida a percorrer a súa traxectoria persoal e profesional a través do metaverso, unha realidade virtual na que podemos descubrir imaxes, recursos e actividades interactivas. Esta exposición vén acompañada dunha guía didáctica, que nos permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época da autora.


    Ademais, na materia de Lingua Galega e Literatura, o profesorado dos distintos niveis está a realizar varias actividades arredor da autora homenaxeada.