Foto biblioteca

Foto biblioteca

25/03/13

Visita ao salón do libro de Pontevedra



Este mércores 20 de marzo, para descansarmos un pouquiño de tanto exame seguido, fomos todos os de primeiro ata o Salón do Libro de Pontevedra. A algún o nome parecíalle algo aburrido, pero puidemos entrar nun ordenador xigante, vimos un antiquísimo "camión" de bombeiros, gramófonos, calculadoras "prehistóricas", unha morea de máquinas e engranaxes e ata aprendemos curiosidades sobre a orixe da colocación das letras nos teclados dos ordenadores e dos móbiles. Ah, e fixemos un novo amigo, que sae aquí na foto no momento de chegar a Pontevedra desde a súa casa de Canislupilandia.

Despois viñeron en cirolas Mofa e Befa coa obra Románticos, na que foron desfilando (e facendo monecadas) un montón de escritores desta época: Lord Byron, Mary Shelley co monstro de Frankenstein, Rosalía, Bécquer... Xusto despois fixo a súa aparición o Holandés Errante, surcando os mares do mundo cuns curiosos efectos especiais a base de plástico e ventilador. Ao final, non sei se quedou de todo claro se era máis romántico este mariñeiro eterno ou tomar molladuras indo aos partidos invernais do Racing de Ferrol. Que cadaquén tire a súa conclusión.
A pesar de tanto "traballo", aínda nos quedou algo de tempo para choutar pola Illa das Esculturas e internarse polo seu estreito labirinto.
Crónica: Moisés

13/03/13

Salón do libro

 
Os de primeiro... a toda máquina para Pontevedra! o mércores 20 de marzo.
Desde antigo levan os homes construíndo máquinas que lles faciliten diferentes traballos. Os autobuses lévannos, os guindastres líbrannos de mover pesadas cargas, os móbiles póñennos en contacto coa nosa xente en calquera momento... Mais quen non soñou algún día con dispoñer dalgún trebello tiraburrimentos, outro que nos teletransporte de maneira instantánea ou incluso un que nos cure as feridas se damos un tombo? E un chintófano que nos librase da peluxe de debaixo da cama? Tampouco estaría mal, eh? Veremos, pois, no XIV Salón do Libro de Pontevedra as máquinas que saíron das mentes doutros alumnos que soñaron novas posibilidades, algunhas talvez perfectamente inútiles e outras que quizais nos faciliten a vida. Haberá que descubrilo!


 











E, como o mellor será regresarmos cun sorriso, Mofa e Befa (Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira) subiran ao escenario para representar "Románticos", unha comedia sobre o amor total. Aí mesturarán, cunhas cantas cancións polo medio, o conde Drácula con Rosalía de Castro e ata con algún zombi despistado. Ou é que alguén pensou que os mortos viventes non tiñan dereito a amar? Amor e risos para todos, como debe ser!