Foto biblioteca

Foto biblioteca

23/11/24

Premio ás Boas Prácticas en Igualdade

    O xoves 21 de novembro o IES Illa de Ons recolleu, na Deputación de Pontevedra, o I Premio de Boas Prácticas en Igualdade na categoría de Educación. 


     Os traballos presentados ao concurso e que foron desenvolvidos polo noso alumnado no pasado curso académico foron os seguintes:

CABEZUDAS POLO CLIMA (ALUMNADO DE 1º ESO)

     Campaña visual centrada no liderado de mozas de diferentes partes do mundo referentes no activismo climático e a prol da loita polos dereitos humanos. O alumnado acometeu unha fonda investigación sobre ditas activistas, así como sobre as catástrofes naturais acaecidas nas súas zonas de orixe para analizar a súa traxectoria histórica, as súas contribucións significativas no eido dos dereitos humanos, así como o seu impacto e legado para as vindeiras xeracións.


TRANSFORMARTE (ALUMNADO DE 2º E 3º ESO)

     Campaña visual desenvolvida a partir da transformación gráfica de obras de arte históricas reinterpretando o seu significado en relación cos Obxectivos de Desenrolo Sostible. Ao longo do proxecto creativo traballáronse os ODS relacionados directamente coa Igualdade de xénero, mais promoveuse tamén a revisión da pegada de xénero en aqueles ODS e contidos cunha relación indirecta; ademais, promoveuse o traballo a partir de obras de mulleres artistas.



#PELEXA (ALUMNADO DE 3º ESO)

    Proxecto de composición musical ligado á campaña de concienciación sobre as metas propostas polos ODS e a Igualdade, a partir da creación dunha letra e melodía orixinal inspirada na peza musical “Pelea” da artista galega Wöyza


CAMIÑOS NA MEMORIA (1º ESO)

     Esta iniciativa pon o foco na visibilidade da voz e imaxe das mulleres maiores, onde o alumnado preparou entrevistas ás súas avoas e desenvolveu un taller de fotografía para realizar unha exposición a partir dos seus retratos e a descrición emocional das súas figuras.


18/11/24

Novembro. Mes da ciencia en galego.



     Para conmemorar o Mes da Ciencia en Galego, o departamento de Bioloxía e Xeoloxía montou unha exposición na Biblioteca do centro sobre a célula. Os coloridos traballos, elaborados polo alumnado de 1º ESO, representan células animais e vexetais e as súas partes con distintos tipos de materiais.



     A Asesoría de bibliotecas escolares realizou unha recompilación de recursos dixitais, relacionados coa ciencia, en galego: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogs de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc. 

14/11/24

Concursos de terror

     A pasada semana tivo lugar na biblioteca o acto de entrega de premios dos tres concursos de terror convocados para celebrar o Samaín. No seguinte vídeo podedes ver imaxes das actividades realizadas e da entrega dos premios. 

Noraboa a todos/as participantes! 

CONCURSO DE DISFRACES GRUPO:

  • 3º premio: Elena Pastoriza e Yoel Sampedro (1º A).
  • 2º premio: Alexandre Costas e Mar Rodríguez (4º B).
  • 1º premio: Ángela Lino (2º B) e Elena Novas (3º A).

CONCURSO DE DISFRACES INDIVIDUAL:

  • 3º premio: Mario Villanueva (1º A).
  • 2º premio: Xaquín Fernández (1º A).
  • 1º premio: Carmen Rebollo (1º A).

CONCURSO DE DOCES:

  • 3º premio: Saínza Naveira e Iria López Rial (1º B).
  • 2º premio: Elena Pastoriza Cortizo (1º A).
  • 1º premio: Ángela Lino Pequeño (2º B).

CONCURSO DE RELATOS:

  • 1º- 2º ESO 
    • 2º premio: Miguel Vázquez (2º A).
    • 1º premio: Yoel Sampedro, Elena Pastoriza, Noa Gago e Carmen Rebollo (1º A).
  • 3º- 4º ESO 
    • 2º premio: Pablo López (3º A).
    • 1º premio: Elena Novas (3º A).

11/11/24

Biblioteca escolar, a escena!

   O pasado sábado 9 de novembro, a nosa compañeira Teté García presentou o proxecto Miserábeis, o Musical do IES Illa de Ons na Xornada de Bibliotecas Escolares 2024, celebrada no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. Baixo o lema "Biblioteca escolar, a escena!", nas xornadas deste curso falouse do poder do Teatro como soporte para diferentes relatos, da interpretación como linguaxe poderosa, o papel facilitador da biblioteca a través das novas linguaxes e espazos…

24/10/24

Emigrantes no Día das Bibliotecas

 Hoxe, 24 de outubro, celébrase o Día das Bibliotecas. A data foi elixida en memoria do incendio de 1992 que destruíu a Biblioteca Nacional e Universitaria de Bosnia e Hercegovina, coñecida nos medios como Biblioteca de Saraievo.​ A iniciativa naceu para trasladar á opinión pública a importancia das bibliotecas como lugares de encontro das persoas lectoras de todas as idades coa cultura, e como un instrumento de mellora da formación e a convivencia humana, onde os libros están ao alcance de todas as persoas.
Para poñer o noso gran de area na conmemoración desta data, organizamos unha pequena actividade na biblioteca co alumnado de Expresión Artística de 4º ESO arredor dun libro extraordinario, a novela gráfica Emigrantes, de Shaun Tan. Unha historia contada a través dunha serie de imaxes sen palabras que trata o tema da experiencia migratoria.


     Durante a lectura do libro, o alumnado interpretou de distintas maneiras as imaxes, deténdose máis ou menos tempo na súa atención e procurando atopar o significado final da historia, sobre a que tivemos un pequeno debate ao remate da actividade. Ademais, seleccionamos aquelas imaxes que máis nos chamaron a atención do libro e coas que traballaremos posteriormente na aula nunha actividade plástica creativa.

19/10/24

Celebración do Samaín

Achégase a data de celebración do Samaín e no IES Illa de Ons festexarémolo con diversas actividades verdadeiramente terroríficas. O martes 29 de outubro teremos durante o recreo o concurso de doces espantosos Monsterchef, o  mércores 30 de outubro unha sorpresa aterradora e o concurso de disfraces de medo e, finalmente, o luns 4 de novembro o concurso de relatos arrepiantes na biblioteca. Recordamos ao alummado de todos os niveis educativos que a vindeira semana poden inscribirse en calquera das actividades propostas.





17/10/24

Novela gráfica sobre anorexia


     Comiendo con miedo é unha novela gráfica na que Elisabeth Karin narra a súa vivencia persoal na adolescencia cando foi diagnosticada con anorexia nerviosa. A autora cóntanos a súa experiencia co que ela chama “o seu monstro”, esa voz interior que lle vai dicindo que non coma tanto, que faga máis deporte ou que evite as relacións sociais que poidan estorbarlle na consecución do seu plan, que non é outro que verse máis guapa.

     Elisabeth Karin plasma nas diferentes viñetas todo o proceso vivido desde a percepción dos cambios no seu corpo nada máis chegada a puberdade, ata as consecuencias que provocaron que alterase o seu comportamento, especialmente nos hábitos de comida e na relación cos demais. 

    A obra tamén analiza a mala influencia da contorna social co bombardeo continuo de mensaxes asociadas á beleza da delgadez, de modelos de mulleres excesivamente fracas e os impactos de persoas influentes: «Que guapa estás, adelgazaches?». «O meu propósito este ano é adelgazar», «Se queres estar guapa tes que pasar fame», «Agora que vén o verán temos que facer a operación bikini». «Esta influencer di que con esta dieta adelgazas en dúas semanas»…

     O trastorno da conduta alimentaria pode carrexar graves problemas físicos, ademais de alterar o funcionamento psicolóxico e social da persoa. Karin explica detalladamente estes cambios tal e como os viviu ela: a aparición da amenorrea, as consecuencias no seu corpo coas transformacións provocadas polas alteracións hormonais, as mentiras aos médicos, as renuncias ás amizades polo perigo de ter que estar pendente da comida, os conflitos familiares, a negación á deriva de todo iso…

Información obtida da reportaxe de Jordi Ojeda publicada en eldiariodelaeducación.com

13/10/24

Invisible, Redes e Diferente

   As últimas adquisicións da biblioteca son algunhas das obras de Eloy Moreno, autor do que xa contabamos con títulos como El bolígrafo de gel verde ou Invisible.

Invisible (Álbum ilustrado incluído na colección Cuentos para contar entre dos)

    Esta obra trata o tema do acoso escolar, encarnado na figura dun neno serio e estudoso, vítima das agresións dun abusón da súa clase. A actitude indiferente con que profesores e compañeiros de aula asisten á violencia que sofre o protagonista e que este oculta aos seus pais, acaba por convencerlle de que se volveu invisible.


Redes (A continuación de Invisible)

    O ciberacoso, a sobreexposición e as consecuencias do abuso e falta de control das redes sociais son temas clave abordados neste novela. É un retrato perturbador de como a tecnoloxía pode amplificar as nosas vulnerabilidades e transformar radicalmente as dinámicas sociais, especialmente entre os máis novos. 


Diferente

    Nesta novela Eloy Moreno fálanos da diferenza e a normalidade, dous conceptos que, talvez, non estean reflectidos como o lector espera. A protagonista é unha nena superdotada de trece anos, chamada Luna, que padece ELA e un cancro terminal. Debido ás circunstancias crea unha bonita e entrañable relación de amizade co seu terapeuta.

11/10/24

Formación de persoas usuarias

   Esta semana realizamos na biblioteca unha actividade de formación de persoas usuarias dirixida ao alumnado de 1º ESO. Organizáronse catro sesións nas que fixemos unha presentación dos distintos espazos e seccións e explicamos como facer a procura de exemplares, tanto no espazo físico como virtual; propuxemos tamén un reto, o alumnado debía atopar distintos exemplares distribuídos polas diferentes seccións da biblioteca e, unha vez atopados, debía recoller nun formulario unha serie de datos. Os grupos máis rápidos recibiron como premio libretas de bibliotecas escolares.

28/09/24

Xestión, novidades e hora de ler

  Coma todos os anos, nestas primeiras semanas de clase o equipo da biblioteca estivo a realizar tarefas de xestión imprescindibles para o correcto funcionamento da biblioteca: altas e baixas do alumnado e profesorado, expurgo dalgunhas das seccións, atención das necesidades dos diferentes departamentos e do alumnado e compra, rexistro e etiquetado de exemplares. 



     Tamén organizamos xuntanzas para facer a planificación dalgunhas actividades e elaboramos o calendario da "hora de ler", coa que daremos comezo a vindeira semana na 1º sesión de cada xornada.

22/09/24

FIC BUEU

    Como actividade inaugural do curso escolar, o IES Illa de Ons foi convidado pola organización do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu a levar a escola ao cine e ver algunhas das mellores creacións audiovisuais participantes nel. 


    O alumnado de 3º e 4º da ESO e o profesorado acompañante puidemos gozar da selección das seguintes curtas que posteriormente comentamos e valoramos.


A HISTORIA DE BRODI
STINA WIRSÉN – 2022 / SUECIA

    Chámome Hédi, falareiche da miña nenez. De como era unha nena feliz nunha cidade feliz de Alemaña. O que pasou despois é difícil de contar e difícil de escoitar. Mesmo así, quero contarcho e quero que me escoites. Porque os seres humanos podemos facer moito mal, mais tamén moito ben. Todos podemos escoller; podemos elixir o ben.


A GRAN OBRA
ALEX LORA – 2023 / ESPAÑA

    Leo e Diana, unha parella de clase alta, levan un televisor roto a un punto de reciclaxe. Alí atópanse con Salif e o seu fillo, dous ferraxeiros. Diana invítaos a que vaian á súa casa para recoller máis obxectos. Unha vez alí, Leo míraos recollendo obxectos con desconfianza, ata que ven que os ferraxeiros teñen algo que eles queren.

METEORITOS
AGNES PATRON, MORGANE LE PECHON – 2023 / FRANCIA

    Nunha fresca noite de verán, uns animais con ollos cheos de luz abandonan a fraga para internarse nun barrio dos arrabaldes. Catro nenos escapan da cama e as estrelas empezan a caer do ceo. Pola mañá, todo terá cambiado pero polo de agora, a correr!


O DÉCIMO TERCEIRO ANO
SAMAD ALIZADEH – 2023 / IRÁN

     Helia fixo trece anos e isto leva á súa familia a restrinxirlle o ciclismo.


PUAG!
LOÏC ESPUCHE – 2024 / FRANCIA


Que noxo! Bicar na boca é repugnante. Pero en segredo, o pequeno Léo ten moitas ganas de probalo…


    Este ano as flores tiveron moito protagonismo no FICBUEU, como homenaxe ao recoñecido director de cinema Jonan Mekas. O alumnado dos grupos de 3º e 4º ESO e o voluntariado da Biblioteca Escolar, elaboraron distintos modelos de flores, con papeis de diferentes tipos, para colaborar coa proposta da creación dun xardín diverso.

28/06/24

VIVE A DIVERSIDADE!

    Este ano formamos no IES Illa de Ons un equipo de diversidade que traballou desde o inicio de curso en distintas actividades para visibilizar a realidade LGBTIQ+, combatir os prexuízos e facer do centro un espazo inclusivo de respecto e igualdade. A campaña de sensibilización, concienciación e recoñecemento da diversidade afectivo-sexual Vive a diversidade ou a celebración do Día da Saída do Armario, coa participación de O Rabelo cun concerto-coloquio, son algúns exemplos de boas prácticas inclusivas coas que continuaremos nos vindeiros cursos. 

     O equipo DiversiOns deséxavos unhas felices vacacións! Gocemos da DIVERSIDADE!

23/06/24

Torneo de xadrez e outros premios

  O venres pasado, durante a graduación do alumnado de 4º ESO, tivo lugar a entrega de premios de varios certames e concursos celebrados este ano no centro. Os trofeos foron elaborados polo noso compañeiro Vítor, que utilizou a cortadora láser e o plotter de corte de Polos Creativos para os distintos deseños. 

Torneo de xadrez

1º posto: Xulián Fernández

2º posto: Breixo Martínez

3º posto: Manuel Soliño




Barraka Arriba

1º posto: Román Parada

2º posto: José Ángel González

3º posto: Damián Ríos

Barraka Abaixo

1º posto: Kike Cerqueiro

2º posto: José Ángel González

3º posto: Román Parada



Trofeo de matemáticas Fundamental

1º CICLO ESO: Mariña Curra e Hugo Rodríguez

2º CICLO ESO: Samuel Castro e Xabi Martínez

22/06/24

A foto fala e Tes un minuto?

     O pasado venres 21 de xuño celebramos, durante o acto de graduación do alumnado de 4º ESO, a entrega de premios dos certame audiovisuais “A foto fala" e “Tes un minuto?”, organizado un ano máis polo Equipo de Dinamización Lingüística e coa colaboración da ANPA. O xoves, en distintas sesións organizadas no salón de actos, proxectáronse os traballos gañadores:

Premios “A foto fala”

1º ESO: Emilio Novas

2º ESO: Sabela Cancelas

3º ESO: Alba Gallego

4º ESO: Carlota Nores


Premios “Tes un minuto?”

1º ESO: Laura Agulla, Carla Durán, Sara Torres e Nerea Villanueva 

2º ESO: David Dacosta, Tania Ogando, Sheila Pouso e Sara Rivadulla

3º ESO: Daniela Otero

4º ESO: Gabriela Docampo




19/06/24

Contigo

      O pasado xoves día 13 visitamos, co alumnado de 1º B, o centro de día Contigo en Bueu. Alí fomos recibidas con moito cariño polas persoas maiores e o persoal de traballo, que nos abriron as súas portas e os seus corazóns. Despois de falar con cada persoa do centro, encheron o ambiente coa súa sabedoría e historias de vida, e nós, a cambio, recitamos diversos poemas en tons alegres. Rematamos cun poema en contra da guerra e unha pequena representación acompañada de música levando a nosa mensaxe de paz e solidariedade.


     Para rematar esta xornada tan especial, obsequiamos ás persoas que alí estaban cun chaveiro elaborado no instituto coa cortadora láser de Polos Creativos, que inclúe o verso “Digo basta!" de Celso Emilio Ferreiro, unha maneira simbólica de transmitir o noso desexo de poñer fin ás inxustizas e aos conflitos.

16/06/24

Chegou o día de Miserábeis

     Hoxe é unha data moi especial. Alumnado, profesorado, persoal non docente, exalumnos, exalumnas e familias do IES Illa de Ons, levamos meses traballando con dedicación, esforzo e paixón neste proxecto pedagóxico. Cada ensaio foi unha peza fundamental para chegar ata aquí e sabemos que non foi doado, pero hoxe seguro que todo ese traballo vai dar os seus froitos.

     Ao subir ao escenario lembrade que o talento e a entrega que demostrastes durante todo este tempo vai facer desta función algo inesquecible e agora toca gozar e emocionarse cos vosos compañeiros e compañeiras e co público.

    Grazas por contribuír non só á arte e á cultura, senón tamén á nosa identidade e á nosa lingua. Moita sorte e a por todas!



Reportaxes de Miserábeis emitidos en televisión:

(Inicio no minuto 43)

(Inicio no minuto 16:30)

31/05/24

Musical Miserábeis


     Alumnado, profesorado, persoal non docente e familias do IES Illa de Ons, estamos a realizar os últimos ensaios para a posta en escena de Miserábeis. O Musical, un proxecto de carácter interdisciplinario baseado na obra de Víctor Hugo, no que a nosa Comunidade Educativa traballou durante os cursos 18/19 e 19/20 e que foi interrompido pola pandemia. Este ano decidimos poñelo novamente en marcha, trasladando a historia orixinal a unha contorna máis galega de finais do século XIX.


     Durante un acto celebrado esta mañá no concello de Pontevedra, as profesoras Diana Vilas e Teté García, directoras do proxecto, presentaron o musical acompañadas polo edil de Cultura Demetrio Gómez.

Imaxes dos ensaios
     As entradas, con carácter de donativo para sufragar os gastos da posta en escena, están á venda desde o próximo luns día 3 de xuño no IES Illa de Ons de Bueu e no despacho de entradas do auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra.
     
     Non faltedes!


30/05/24

Club de lectura MANGA

 O club de lectura MANGA, formado por alumnado dos diferentes niveis educativos, reuniuse en varias ocasións durante este trimestre para ler e comentar distintos aspectos de Neon Genesis Evangelion. Vol 1, unha adaptación ao manga do anime homónimo creado por Yoshiyuki Sadamoto. 


     Esta semana a biblioteca adquiriu unha serie de títulos para que o alumnado deste club poida elixir lecturas para o vindeiro curso e vaia ideando actividades vinculadas a cada unha delas.


13/05/24

Luísa Villalta

 Un ano máis celebramos o Día das Letras Galegas, nesta ocasión homenaxeando a figura de Luísa Villalta, autora nada na Coruña o 15 de xullo de 1957. 
Recomendamos ler o artigo biográfico Luísa Villalta. "E formo parte", de Ana Romaní, publicado na páxina da Real Academia Galega, así como as distintas biografías publicadas sobre a figura da autora, entre elas a guía escrita por Anxo Rajó Pazó, da editorial Ir Indo.


     No noso centro montamos a exposición cos carteis gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas 2024: Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta, do CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel de Ourense,  nos que se amosa a autora como un avatar que nos convida a percorrer a súa traxectoria persoal e profesional a través do metaverso, unha realidade virtual na que podemos descubrir imaxes, recursos e actividades interactivas. Esta exposición vén acompañada dunha guía didáctica, que nos permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época da autora.


    Ademais, na materia de Lingua Galega e Literatura, o profesorado dos distintos niveis está a realizar varias actividades arredor da autora homenaxeada.