Foto biblioteca

Foto biblioteca

29/06/20

Subscrición á revista "O Papagaio"


    Esta mesma semana o equipo da biblioteca pensou que sería boa idea ofrecer ao alumnado un xornal entretido e interesante para o vindeiro curso, tanto se retomamos as clases presenciais coma se repetimos a situación de confinamento. Por este motivo decidimos subscribirnos á publicación O PAPAGAIO, un xornal para a xente miúda, impreso en papel reciclado e a cor, con periodicidade mensual e que trata temas de ciencia, ecoloxía, arquitectura, banda deseñada, literatura...

    O mellor de todo, que temos acceso á versión impresa e á dixital! Hoxe mesmo, desde o correo da biblioteca, o alumnado recibirá os tres últimos números editados para comezar as vacacións de luxo...

    Velaí un par de páxinas desta publicación:




19/06/20

Reserva de lecturas para o verán


Ilustración de Andrea López Álvarez

    Interesaríache levar libros da túa biblioteca para gozar da lectura este verán? Consulta o noso CATÁLOGO para comprobar que temos os libros que queres e segue estas instrucións para poder reservalos:
  1. Recorda que para facer unha procura no catálogo por título non debes incluír o artigo inicial, se é que o ten. Para facer a procura polo autor ou autora escribiremos o seu primeiro apelido. Por exemplo, se queremos o libro A balada dos unicornios de Ledicia Costas, procurarémolo polo título escribindo "balada dos unicornios" ou pola autora "Costas".
  2. Unha vez comprobes que a biblioteca conta co libro que ti queres, debes escribir un correo electrónico a biblioteca@iesillaons.com e solicitalo.
  3. O luns 22 de xuño pola mañá verificaremos que está dispoñible para emprestar. Recibirás un correo confirmando que podes recollelo na secretaría do centro cando te achegues o día 23 de xuño a recibir as notas.
  4. Lembra que antes de recoller o exemplar ou exemplares reservados, debes facer a devolución dos libros da biblioteca que levaches para a casa durante a corentena.
    Animádevos a gozar do pracer da lectura no verán!

11/06/20

Premios Provinciais á Xuventude

     A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, pon en marcha a cuarta edición dos Premios Provinciais á Xuventude, coa finalidade de promover o talento e o potencial da mocidade da nosa provincia.


    Queremos animar aos membros da nosa comunidade educativa a participar nesta convocatoria. Recordade que o noso centro recibiu, este mesmo curso, o Premio Educación en Valores polo proxecto interdisciplinar Miserábeis. O Musical.
  

    

      O xurado destacou "a nosa aposta por un proxecto de teatro musical como procedemento para educar en igualdade e nas competencias clave de carácter intelectual e socio-emocional".

    A convocatoria está dirixida a mozas e mozos de idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos, nas modalidades de iniciativa social, iniciativa empresarial, contido dixital, traballo musical, traballo literario breve, fotografía orixinal, e deseño e moda.

    O prazo de inscrición será de tres meses e comezará, tras o levantamento do estado de alarma, a partir do día seguinte ao da publicación deste no BOPPO e na páxina www.depo.gal.


    Consulta as Bases completas

05/06/20

Doazón de libros

    Este curso a biblioteca ampliou considerablemente os seus fondos bibliográficos grazas á asignación do propio centro, á dotación económica de Plambe e outras destinadas ás seccións de Coeducación, STEAM, Biblioteca Inclusiva e Club de Lectura. Pero ademais recibimos unha importante doazón de libros de literatura para distintas idades por parte da profesora de Lingua e Literatura Castelá Lourdes Garrido, que foron catalogados durante esta corentena. Moitísimas grazas, Lourdes, pola túa xenerosidade!

Ilustración de Karina Cocq

    Algúns destes libros son de literatura infantil e xuvenil, pero tamén hai exemplares de narrativa, poesía e teatro que poden interesar aos adultos da nosa comunidade educativa. Consultade o noso CATÁLOGO.

01/06/20

Cuarto posto na Olimpíada Galega de Historia

    Co lema a pandemia non nos para, 12 equipos, formados por 48 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria de Galicia e 12 titores e titoras, competiron este venres na III Olimpíada Galega de Historia, organizada pola Facultade de Historia do campus de Ourense.
    A través da plataforma Kahoot, as e os estudantes competiron durante tres horas en diferentes roldas de pregunta-resposta sobre os contidos do currículo da materia de Xeografía e Historia de 4º curso de ESO. Á final chegaron os equipos Santa Irene de Vigo e Calasanz Padres Escolapios da Coruña, impoñéndose na final Calasanz Padres Escolapios da Coruña. En terceiro lugar quedou o centro Ramón Otero Pedrayo de Ourense e en cuarto posto o Illa de Ons de Bueu.


    Velaquí unha imaxe da competición, coa profesora de Historia do noso centro Diana Vilas (terceira pola dereita), titora do equipo das Wall-Stone-Craft, formado polas alumnas Antía Novas, Paula Fernández, Sara Soliño e Carla Moital.
    Noraboa a todas!