O alumnado de 2º ESO do IES Illa de Ons resultou gañador dun 2º premio no concurso de carteis convocado pola Xunta de Galicia co gallo da celebración do Día Internacional da Muller. O deseño gañador forma parte dunha campaña para fomentar a promoción da igualdade na contorna escolar, elaborada desde a materia de Igualdade de Xénero e coa colaboración da Biblioteca Escolar.
A campaña centrouse na visibilización de mensaxes e novas falsas e a súa contrarréplica real arredor de lemas relacionados coa violencia de xénero, cos estereotipos aínda vixentes entre a mocidade, así como as causas e a orixe da discriminación de xénero; todos eles temas que se veñen traballando desde o comezo do curso, co fin de expoñer os resultados en dous días dedicados á reflexión sobre os dereitos das mulleres na sociedade actual: o 25 de novembro, Día Contra a Violencia de Xénero e o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Este proxecto artellouse en dúas partes. Dun lado, a construción de mensaxes “revirad@s” nos seus múltiples significados, como ideas que amosan malas intencións -perversas, malvadas-, que non obedecen ao que se lle manda -retorto, arrevesado-, como algo que ten moitas voltas ou ao que se lle pode dar moitas voltas, etc. En segundo lugar, a idea de “Patriarcadas”, pois moitas destas mensaxes resúltannos repugnantes e moitas veces expúlsanse pola boca como un automatismo, sen dixerir, é dicir, vomítanse.
Seguindo este fío condutor, o alumnado traballou en grupos cooperativos, procurando na súa contorna máis inmediata e na rede -vídeos, chats, redes sociais, mensaxes, etc.- os lemas machistas que adoita escoitar, e que non sabe se son ou non verdade, ou que lles fan dubidar sobre cuestións ligadas ao feminismo, á igualdade, á violencia que sofren as mulleres. Na aula, analizáronse cada unha das loiadas escollidas polo alumnado ata facer unha selección destinada a amosarse nunha proposta gráfica ou audiovisual orixinal. Cada grupo de alumnos e alumnas traballou con fontes de información oficiais para a busca de datos relacionados coas mensaxes seleccionadas e poder así elaborar respostas axeitadas a ditos embustes.
A partir de aquí, formuláronse dúas opcións de carteis que puidesen reflectir de forma gráfica as ideas vertebrais do proxecto: as “patriarcadas”, na que alumnos e alumnas vomitan loiadas machistas habituais, e as mensaxes “revirad@s” partindo da simulación dunha conversa de Whatssap.