Un ano máis, a coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo achega un listado de lecturas recomendadas para infantil, primaria, secundaria e persoas adultas.
Foto biblioteca
20/12/23
16/12/23
“A foto fala” e “Tes un minuto?”
Un ano máis, o Equipo de Dinamización da Lingua do IES Illa de Ons propón a participación do alumnado en dous certames audiovisuais: “A foto fala” e “Tes un minuto?”.
Os prazos para presentar as creacións son o 8 de marzo e o 26 de abril respectivamente.
01/12/23
CULTURGAL 2023
27/11/23
Actividades 25N
Para conmemorar o Día Internacional da non Violencia Contra as Mulleres, o IES Illa de Ons organizou distintas actividades:
- Difusión do proxecto #25NPatriarcadas_Revirad@s: os carteis que elaboramos no noso centro, e que recentemente foron premiados pola Deputación de Pontevedra, expuxéronse en distintas entidades e centros educativos da nosa comunidade.
- Xogo de escape na biblioteca. O alumnado de 4º ESO participou nesta actividade, centrada na temática da violencia de xénero e guiada por Anacos Educativos.
- Material audiovisual para traballar nas titorías. O alumnado dos distintos niveis educativos visualizou, durante as horas de titoría, diferentes propostas audiovisuais que lles permitiron reflexionar e debater sobre aspectos como a violencia nas relacións adolescentes, o papel dos homes na igualdade, as fases nunha situación de maltrato, os condicionantes aos que se ven sometidas as mulleres, decálogos para educar en igualdade, etc.
19/11/23
Premio en Educación en Valores
O pasado venres o IES Illa de Ons recibiu o 2º premio á Educación en Valores nos VII Premios Provinciais á Xuventude, da Deputación de Pontevedra. O proxecto galardoado, #PatriarcadasRevirad@s, foi realizado o curso pasado na materia de Igualdade de 2º ESO e baseouse na reflexión arredor dalgunhas ideas falsas, relacionadas co feminismo e a violencia de xénero. Os alumnos e alumnas indagaron sobre distintas mensaxes machistas, seleccionaron ideas para traballar a súa resposta e bosquexaron carteis creativos para visibilizala. Coa colaboración da Biblioteca creouse unha campaña publicitaria composta por dous grupos de carteis, na serie PATRIARCADAS alumnado e profesorado vomitan unha selección das distintas ideas machistas falsas ás que se lles dá a volta na serie REVIRAD@S, onde os argumentos expóñense por medio de conversas de Whatsapp.
17/11/23
25 N_ Bolboretas de papel
Minerva, Patria e María Teresa Mirabal eran tres irmás defensoras da liberdade que fixeron fronte á ditadura de Rafael Leónidas Trujillo. Dentro do movemento antiditatorial do que formaban parte eran coñecidas como "As Bolboretas", porque ese era o nome co que Minerva adoitaba identificarse nas relacións políticas.
Durante a vindeira semana realizaremos no centro distintas actividades para conmemorar esta data e homenaxear a todas as mulleres vítimas de violencia de xénero. Ademais de traballar con diferentes materiais audiovisuais nas titorías, durante os recreos organizarase un obradoiro de marcapáxinas de bolboretas na biblioteca.
16/11/23
Presentación dos Premios Xerais en Bueu
Este sábado, 18 de novembro, terá lugar no Centro Social do Mar de Bueu a presentación dos Premios Xerais 2023: "Ninguén contará a verdade" de Pedro Feijoo, ”A botella de lentellas" de Leticia Barbadillo e "Furia" de María Reimóndez. Animamos á comunidade educativa do IES Illa de Ons a acudir a este acto, organizado pola Librería Miranda e o Concello de Bueu, ao que asistirán os autores e autoras premiadas.
08/11/23
Aulas de xadrez
07/11/23
Premiadas e premiados nos concursos de terror
Despois dunha terrorífica semana, cuns igualadísimos resultados nas votacións dos distintos xurados, por fin temos as gañadoras e gañadores dos distintos concursos de terror.
28/10/23
Subnormal. Unha historia de acoso escolar.
Este mes de outubro iniciamos as primeiras actividades dos clubs de lectura lendo a obra de banda deseñada "Subnormal", unha historia real de acoso escolar, guionizada por Fernando Llor e debuxada por Miguel Porto. Iñaki Zubizarreta, ex xogador de baloncesto que sufriu acoso durante a súa etapa escolar, é o protagonista deste durísimo relato ilustrado.
Tras ler o libro organizamos na biblioteca dúas xuntanzas co alumnado de 1º ESO, nas que realizamos distintas actividades co obxectivo de rachar cos prexuízos e fomentar a empatía. Reflexionamos sobre os alcumes e sobrenomes que damos aos demais, os roles que podemos atopar na maioría de situacións de acoso e como debemos actuar para evitalas ou darlles unha solución. Por último fixemos unha posta en común dos sentimentos que espertou en nós a lectura deste libro.
27/10/23
Semana do terror
Chega o Samaín ao IES Illa de Ons!
Durante os recreos do martes, xoves e venres da vindeira semana celebrarémolo con diversos concursos verdadeiramente terroríficos: disfraces de medo, doces espantosos e relatos arrepiantes. Recordamos ao alummado que os premios son entradas para o cinema e que o luns poden inscribirse en calquera dos concursos propostos.
24 de outubro: Día das Bibliotecas
Esta semana celebramos no centro o Día das Bibliotecas cunha actividade de formación de usuarios, na que participou o alumnado de 1º ESO. Despois de facer unha presentación dos distintos espazos e seccións e de explicar como facer a procura de exemplares, tanto no espazo físico como virtual, propuxemos un reto por grupos. O alumnado debía atopar unha serie de libros, xogos e películas e recoller nun formulario o nome do seu autor ou autora. Os grupos que acadaron o 1º e 2º posto recibiron como premio libretas de bibliotecas escolares.
16/10/23
Día das escritoras
Para conmemorar o Día das Escritoras, hoxe montamos na entrada do noso centro unha pequena exposición para visibilizar a obra dalgunhas das autoras máis lidas na nosa biblioteca.
O Día das Escritoras é unha iniciativa organizada entre a Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mujeres Directivas e Executivas Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a asociación Clásicas e Modernas, Asociación para a igualdade de mulleres e homes na Cultura. Ademais, contará coa colaboración de Asociación Colexial de Escritores (ACE)e o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO). Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.
07/10/23
Certames de creación literaria e audiovisual
Para todo o alumnado e/ou profesorado interesado en participar, publicamos información sobre algúns certames relacionados coa creación literaria e audiovisual: o XXII Concurso de Relato Oral "Tíralle da Lingua", o XIII Certame de Curtas AS-PG e o 6º Concurso de Poesía e Relato Curto "Cambados Mar das Letras 2023". Podedes acceder ás bases completas nas ligazóns vinculadas ás imaxes.
28/09/23
Xa estamos en marcha!
24/06/23
Entrega de premios "Tes un minuto?"
O pasado luns 19 de xuño celebramos, no salón de actos do IES Johan Carballeira, o acto de entrega de premios do certame de vídeos “Tes un minuto?”, organizado un ano máis polo Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro e coa colaboración da ANPA.
A este evento, no que participou toda a comunidade educativa do IES Illa de Ons, acudiron tamén Xosé Leal, Concelleiro de Cultura de Bueu, e María Ruiz, en representación do Festival Internacional de Curtametraxes FIC Bueu. O acto comezou cunha serie de actuacións dirixidas pola profesora Teté García, nas que o alumnado das materias de Proxecto Competencial, Oratoria e Música mostraron as súas excepcionais aptitudes para o canto, a música e a interpretación.
A continuación fíxose entrega dos premios ás mellores creacións audiovisuais do certame, outorgándose en primeiro lugar os accésits aos traballos de Álvaro Paz (1ºA), Adrián Graña (4ºA) e Pedro Costas (4ºA). Os premios aos mellores vídeos por cursos foron para Sabela Cancelas e Candela Santos (1ºB); Samuel Castro (2ºA); Gabriela Docampo, Eva Mª Míguez, Carlota Nores, Lucía Vázquez e Eva Vidal (3ºB) e Rocío Comedeiro (4ºA). O premio á mellor serie foi para Mariña Fernández (2ºA), Catalina González (2ºA) e Daniela Otero (2ºB).
A gala rematou co anuncio da festa que está a organizar o centro co gallo da celebración do seu 25 aniversario, que terá lugar o día 29 de xuño no Aturuxo de Bueu, e que provocou o trouleo sobre o escenario de alumnado, profesorado, persoal non docente e ANPA.
Agardámosvos o 29 de xuño no Aturuxooooooooooo!!!!
22/06/23
Torneo de xadrez
Este mes de xuño organizouse, na biblioteca, un pequeno torneo de xadrez dirixido ao alumnado, profesorado e persoal non docente do centro. Os gañadores foron os seguintes:
- 1º posto: Xulián Fernández Barros (1º ESO A)
- 2º posto: José Manuel Cordeiro Enríquez (4º ESO A)
- 3º posto: Alberto Rosales Fernández (4º ESO A)
08/06/23
Semana do Medio Ambiente
Para conmemorar dúas datas significativas desta semana, o 5 de xuño Día Mundial do Medio Ambiente e o 8 de xuño Día Mundial dos Océanos, presentamos no seguinte vídeo fotografías do noso litoral realizadas polo alumnado dos distintos cursos para a materia de Bioloxía e Xeoloxía.
Cada 5 de xuño celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente co fin de lembrar a importancia de coidar o noso planeta e, ademais, para realizar accións concretas e urxentes que axuden a mitigar a contaminación e remediar os danos xa xerados. Celébrase desde 1973 e foi elixido o día 5 de xuño porque nesa mesma data, en 1972, desenvolveuse en Estocolmo (Suecia) a primeira gran conferencia sobre temas relativos ao medio ambiente, coñecida como o “Cume de Estocolmo”.O 8 de xuño, Día Mundial dos Océanos, lembra a todos o seu papel fundamental na vida cotiá e a importancia de informar sobre o impacto dos humanos no océano, desenvolver un movemento mundial de apoio e unir á poboación nun proxecto para a xestión sostible dos nosos mares.
04/06/23
Don Paco, galeguista de acción e cultura
O pasado mércores tivemos unha visita moi especial no Illa de Ons, Anxo Rajó veu presentar o libro "Francisco Fernández del Riego, galeguista de acción e cultura” da editorial Ir Indo, unha biografía escrita no 2000 por Xosé Luís Franco Grande, aumentada nesta edición por Anxo Rajó. Anxo profunda nesta revisión na vida e obra de Don Paco, completando o traballo de Franco Grande e coas aportacións de Marián Vidal e Bieito Ledo.
Despois da presentación o alumnado tivo ocasión de participar nun kahoot con preguntas sobre o libro e de conversar co seu antigo profesor para recordar vellos tempos. Os gañadores e gañadoras da proba foron agasallados coa biografía dedicada polo autor.
26/05/23
Seguindo os pasos do Capitán Nemo
O 18 de febreiro de 1868, o capitán Nemo chegaba á Ría de Vigo a bordo do Nautilus para facerse cos tesouros de Rande. O capítulo VIII da segunda parte do libro "20.000 leguas de viaxe submarina", dá a coñecer a batalla librada en outubro de 1702 durante a Guerra de Sucesión entre españois e ingleses e que deu como resultado o afundimento da “Frota de Ouro”, cargada con tesouros procedentes do continente americano.
"O capitán levantouse e rogoume que o seguise. Obedecinlle, xa recuperado o meu sangue frío. O salón estaba escuro, pero a través dos cristais transparentes refulxía o mar. Mirei.
Nun radio de media milla en torno ao Nautilus as augas estaban impregnadas de luz eléctrica. Víase claramente o fondo areoso. Homes da tripulación equipados con escafandras ocupábanse de inspeccionar bocois medio podrecidos, cofres desfeitos no medio de restos ennegrecidos. Das caixas e dos barrís escapaban lingotes de ouro e prata, fervenzas de piastras e de xoias. O fondo estaba sementado deses tesouros. Cargados do precioso botín, os homes regresaban ao Nautilus, depositaban nel a súa carga e volvían emprender aquela inesgotable pesca de ouro e de prata.
Comprendín entón que estabamos no escenario da batalla do 22 de outubro de 1702 e que aquel era o lugar no que se afundiron os galeóns fretados polo goberno español. Alí era onde o capitán Nemo cubría as súas necesidades e lastraba con aqueles millóns ao Nautilus."
Pero o suposto tesouro de Rande non foi só froito da imaxinación de Julio Verne, senón que desde hai decenas de anos foron moitos os que tentaron a súa procura. Aínda que se descoñece o paradoiro dos seus tesouros e se os coñecidos como "Galeóns de Rande" seguen mergullados ou non entre a Illa de San Simón e a Ponte de Rande, o certo é que este lugar deu orixe a multitude de historias e lendas.
Esta semana viaxamos por mar co alumnado de 1° e 2° de ESO, desde Cangas ata a Enseada de San Simón, para visitar o Museo de Meirande e coñecer o acontecido na famosa Batalla de Rande, o patrimonio industrial e histórico desta zona e os tesouros arqueolóxicos e culturais da época. A continuación desembarcamos na Illa de San Simón, unida á illa de San Antón por unha ponte, na que descubrimos a súa interesante historia como mosteiro, lazareto, cárcere e fogar para nenos orfos.
Placa conmemorativa dedicada ao Capitán Nemo e á tripulación do Nautilus na Illa de San Simón21/05/23
Tes un minuto?
20/05/23
Torneo de xadrez
Desde a biblioteca do IES Illa de Ons queremos animar ao alumnado, profesorado e persoal non docente a participar nun torneo de xadrez que estamos a organizar para comezos do mes de xuño. Aínda que non sexas unha eminencia neste xogo de estratexia, na bibioteca contamos con persoal altamente cualificado para, polo menos, repasar contigo as normas, movementos e algún que outro truquiño.
Anotádevos antes do 25 de maio no listado da biblioteca indicando, de ser o caso, a solicitude dunha clase urxente de nocións básicas.
14/05/23
Francisco Fernández del Riego
Esta semana o Departamento de Lingua Galega e Literatura montou na entrada do centro unha exposición cunha colección de carteis e unha guía didáctica sobre Francisco Fernández del Riego, figura homenaxeada nesta ocasión polas Letras Galegas. Este material, elaborado polo IES Castelao de Vigo, amosa a vida e obra do autor como un camiño que nos convida a percorrer Ramón Sanfiz, o guía e protagonista do seu libro "Galicia".
Por outra banda, a finais do mes de maio contaremos coa visita de Anxo Xoán Rajó Pazó, antigo profesor do noso centro, que vén presentar a biografía "Francisco Fernández del Riego, galeguista de acción e cultura" que o falecido Xosé Luís Franco Grande fixera no ano 2000 e que a editorial Ir Indo recupera nunha edición revisada e aumentada coa colaboración do propio Anxo Rajó.
Letras Galegas no Concello de Bueu
Para conmemorar esta data, o Concello de Bueu presenta un amplo programa con propostas literarias e musicais a través das cales se lembrará ao autor homenaxeado.
12/05/23
Fotografías pola igualdade
A Federación de ANPAS Compostela en colaboración coa Confederación ANPAS Galegas presenta a 5ª edición do Concurso Fotografías pola Igualdade, un evento dirixido ao alumnado e ás familias dos centros de infantil, primaria, secundaria e bacharelato, conservatorios e escolas de música públicos de Galicia.
O obxectivo deste concurso é capturar nunha fotografía como se percibe a igualdade en calquera ámbito da vida e fomentar a reflexión sobre este tema tan importante. Ademais, o proxecto tamén inclúe diversas actividades posteriores como charlas, contacontos ou exposicións itinerantes das fotografías das anteriores edicións naqueles centros educativos que o soliciten.
Un xurado seleccionará as 10 mellores fotografías por categoría entre todas as presentadas, as cales recibirán como premio un libro en lingua galega adaptado á idade da persoa participante, excepto na categoría de familia, onde recibirán un diploma e a copia impresa da súa fotografía.
Desde a biblioteca animamos a todas as familias e alumnado do noso centro a participar nesta iniciativa que busca promover unha sociedade máis igualitaria e libre de violencia.
PRAZO DE INSCRICIÓN: ata as 23.59 h do día 16 de maio de 2023
MÁIS INFORMACIÓN: na web oficial do concurso: http://fotografiaspolaigualdade.fanpacompostela.gal.
11/05/23
Cinema con perspectiva
O alumnado de 1º ESO participou esta semana no programa "Cinema con perspectiva", unha iniciativa para incentivar a reflexión sobre a igualdade de xénero a través do cinema. A actividade, organizada desde o FIC Bueu, consistiu na proxección dunha serie de curtametraxes cun posterior coloquio sobre o papel da muller na sociedade. “Island”, “The Soloistes”, “Ah, les crocodiles”, “Vlekkeloos”, “Purl” e “Spoon” son os títulos das curtas que propiciaron a reflexión arredor de conceptos como a pobreza menstrual, o aborto clandestino, o feminicidio, a muller trofeo, as desigualdades, etc.
04/05/23
Un mar de solidariedade
Como xa anunciabamos na anterior entrada do blog, o pasado sábado celebrouse en Bueu o II Festival Solidario Art for Change, promovido polo IES Johan Carballeira e o Concello de Bueu. Ao longo de toda a xornada desenvolvéronse diferentes actividades centradas na temática do mar, organizadas polos distintos centros educativos de Bueu e outras entidades colaboradoras, que permitiron recadar fondos para 13 grados e Save the Children. Desde o IES Illa de Ons queremos transmitir o noso agradecemento a toda a xente que colaborou nesta iniciativa.
O seguinte vídeo recolle imaxes das actividades realizadas dentro da carpa instalada na Praza Massó e da participación do noso centro nesta proposta solidaria.
26/04/23
Festival solidario ART FOR CHANGE
O próximo sábado 29 de abril terá lugar en Bueu o II Festival Art for Change, unha iniciativa solidaria impulsada polo IES Johan Carballeira, apoiada polo Concello e diversos colectivos da contorna, na que participarán os centros educativos de Bueu.
Ao longo desta xornada desenvolveranse distintas actividades nunha carpa que vai estar instalada na Praza Massó. Haberá xogos, música, poesía, arte, experimentos e distintos produtos á venda, co fin de recadar fondos destinados á ONG Save the Children e a 13 grados, unha cooperativa dedicada á divulgación e conservación do medio mariño. Ademais hai organizadas conferencias, obradoiros e intervencións no exterior da carpa, no Centro Social do Mar e no Museo Massó, que completarán o programa desta feira solidaria.
As actividades comezarán ás 8:00 h, coa confección por parte da Asociación de Cunchas e Flores dunha alfombra floral na Praza Massó, e a carpa principal abrirase ao público desde as 11:00 h. ata as 19:00 h. Consulta o programa para coñecer os horarios das distintas actuacións.
O IES Illa de Ons terá, como os demais centros educativos, un posto de venda con produtos elaborados polo noso alumnado: bolsas, cadernos, linogravados, broches, chaveiros, colgantes e marcadores de páxinas. Ademais, unha parte do alumnado e do profesorado presentará ás 13:00 h., no exterior do Centro Social do Mar, a performance “Ninguén é ilegal”.
Mostra dalgúns produtos que teremos á venda na feira