Mañá comezan a navegar as novas maletas viaxeiras: coloridas bibliotecas móviles cheas de libros, filmes e música, que botarán amarras nas casas do noso alumnado, para que poidan gozar co seu contido en familia. Agardamos que sexan do voso agrado.
Foto biblioteca
20/12/18
10/12/18
Día Internacional dos Dereitos Humanos
Os
alumnos e alumnas de 1º ESO do noso centro participaron hoxe, xunto co
alumnado dos outros centros educativos de Bueu, nos actos organizados
pola Asociación de Veciños da Banda do Río e a Asociación de Alfombras
Florais, con motivo da conmemoración do setenta aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos da ONU.
O acto consistiu na confección dunha alfombra duns sete metros de diámetro, con deseños
seleccionados dos debuxos do concurso escolar sobre os Dereitos Humanos celebrado o pasado mes de
setembro. A composición completouse cunha serie de figuras de papiroflexia, representando as esculturas da obra Universo iluminado do artista Cristóbal Gabarrón, creadas para celebrar o aniversario da ONU en 2015.
Ademais, desde o concello fíxose unha lectura dos trinta dereitos
humanos a cargo de diversos persoeiros,
entre eles o ciclista Álvaro Pino, a poetisa Oriana Méndez, o
cociñeiro Pepe Solla, a cantante Uxía Senlle, o ilustrador Marc Taeger
ou Rosmy Gabarrón, a filla de Cristóbal Gabarrón. O alcalde de Bueu,
Félix Juncal, foi o encargado de pechar o acto lendo o último dos 30
dereitos humanos.
Deixámosvos cun vídeo que inclúe as prácticas de papiroflexia dos
rapaces e un resumo dos actos do día de hoxe na Praza Massó de Bueu.
05/12/18
Calendario 2019
Recordades que o pasado mes de maio a Biblioteca, en colaboración coa ANPA, convocou un concurso de fotografía? Pois ben, este curso deseñamos varios calendarios utilizando as 12 imaxes gañadoras para ilustrar cada mes do ano. Se estades interesados/as en comprar un calendario de parede (tamaño A3), un de mesa ou un de bolsillo, poñédevos en contacto co alumnado de 2º, 3º ou 4º ESO. Cos cartos recadados custearán dúas saídas educativas
propostas polo centro, a viaxe á neve e a viaxe de fin de estudos.
Moitas grazas pola vosa colaboración.
Moitas grazas pola vosa colaboración.
03/12/18
Guías de lectura e música
Un ano máis compartimos con todos e todas vós as guías de lectura elaboradas pola Coordinadora dos Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo. Podedes atopar nelas ideas para agasallar, tanto para os máis pequenos como para os maiores da casa.
30/11/18
CULTURGAL
Que é Culturgal?
Culturgal é a Feira das Industrias Culturais que se celebra anualmente na primeira semana de Decembro e que en 2018 chega a súa décimo primera edición do 30 de novembro ao 2 de decembro.
Que vou atopar?
Ademais de poder achegarte aos máis de 80 stands dedicados a libro, música, teatro, audiovisual, infantil, tecnoloxía e máis, Culturgal conta cun programa de ao redor de 120 actividades propias durante os 3 días: concertos, espectáculos familiares, encontros con escritores, estreas de filmes e moito máis. Todo nun recinto feiral de 4.875 metros cadrados.
Quen organiza Culturgal?
A asociación Culturgal, na que están integradas as seguintes asociacións gremiais: Asociación Galega de Editores, Escena Galega, Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e EGANET (Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e as Novas Tecnoloxías.
Onde e cando se celebra?
Culturgal 2018 celébrase no Pazo da Cultura de Pontevedra (Rúa Alexandre Bóveda s/n) do 30 de novembro ao 2 de decembro de 2018. A Feira ten horario ininterrumpido de 11:00h a 21:00h o venres e o sábado. O horario do domingo é de 11:00h a 20:00.
Como chego ao recinto de Culturgal?
Pazo da Cultura de Pontevedra
RUA ALEXANDRE BÓVEDA, S/N
36005 Pontevedra
CONSULTA AQUÍ A PROGRAMACIÓN
29/11/18
Concurso fotográfico e maratón
A Asociación de Veciños da Banda do Río convoca, para este domingo 2 de decembro, o Maratón Fotográfico 2018 de Bueu. Trátase dunha iniciativa creativa financiada baixo a convocatoria de Cultura 2018 Ano da Lingua da Deputación de Pontevedra que ten como temática a lingua.
Poderán participar todos os interesados/as (os menores de idade terán que vir acompañados por un adulto). Establécense tres categorías:
- Infantil: para menores de 12 anos.
- Junior: de 12 a 18 anos.
- Senior: para maiores de 18.
Os participantes serán convocados no entorno do Estaleiro de Purro, na Banda del Río, ás 10 da mañá. Alí se lles recordarán as bases do concurso, as condicións para a participación e se repartirán (e recollerán posteriormente) as follas de inscrición. A continuación darase un prazo de 5 horas para tomar as fotografías que respondan aos temas propostos (a lingua nas súas distintas manifestacións), cun máximo de 10 fotos finais a concurso para cada participante.
Na seguinte ligazón podedes acceder ás bases completas do concurso.
Actuacións contra a violencia de xénero
O pasado luns 26 de novembro, co fin de conmemorar o Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, tivo lugar no noso centro un acto no que participaron alumnos e alumnas de 3º e 4º ESO e parte do profesorado e persoal non docente. A actividade consistiu na posta en escena de varias performances, cancións, pequenas pezas teatrais, unha homenaxe ás vítimas recentes e a distribución de chapas coa imaxe de mulleres que ao longo da historia loitaron contra a violencia de xénero.
22/11/18
16/11/18
14/11/18
Magosto
As castañas, a ra, os zancos, a chave, a corda, o aro, as carreiras de sacos, o xogo das cadeiras, o da botella... foron os protagonistas do magosto celebrado na tarde do pasado luns no noso centro.
Algúns descubriron habilidades ocultas relacionadas coa puntería ou o equilibrio e outros puxéronse as botas enfouzando con tizóns a quenes pillaron por banda.
Algúns descubriron habilidades ocultas relacionadas coa puntería ou o equilibrio e outros puxéronse as botas enfouzando con tizóns a quenes pillaron por banda.
12/11/18
Lecturas de terror
Os días 2 e 5 de novembro realizáronse, no vestíbulo do centro, unha serie de actividades centradas en diferentes historias de terror, medo e intriga. Os alumnos e alumnas de 4º ESO leron relatos elaborados a partir de historias de medo recompiladas no seu entorno. Por outra banda, proxectáronse uns vídeos de terror, narrados e montados polo alumnado de 3º ESO A nas materias de Lingua e Literatura Castelá e Tecnoloxía.
Para as lecturas de terror o equipo da biblioteca ambientou o espazo, no que tamén se expuxo unha selección de libros e películas relacionados co tema.
Aquí tedes un pequeno vídeo con fragmentos das lecturas realizadas.
31/10/18
26/10/18
Voluntariado da Biblioteca
Velaquí tedes o equipazo de voluntarios e voluntarias que colaborarán este curso na nosa biblioteca: Pedro, Dani, Sara, Paula, Noa, Laura, Anxo, Andrés, Antía e Jennifer. A vindeira semana teremos os carnés e comenzaremos as prácticas de xestión, ademais dos preparativos da celebración do Samaín.
23/10/18
Doazóns de libros para a Biblioteca
Esta semana, ademais das novidades mercadas pola Biblioteca, temos novos títulos nos nosos fondos grazas ás doazóns de dous membros da Comunidade Educativa do IES Illa de Ons: Iván Novas (presidente da ANPA do centro) e Lourdes Garrido (profesora de Lingua e Literatura Castelá).
Moitas grazas pola vosa xenerosidade.
Doazón de libros de Iván Novas
Doazón de libros de Lourdes Garrido
06/10/18
Maleta viaxeira de BANDA DESEÑADA
A ASESORÍA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES puxo a disposición dos centros unhas maletas viaxeiras co fin de achegar materiais que sirvan para reforzar e apoiar as iniciativas de formación no ámbito do fomento da lectura.
O noso centro solicitou para o mes de outubro a MALETA DE BANDA DESEÑADA, que conta cunha selección de cómic e novela gráfica, para coñecer autores e títulos de banda deseñada que están a ser referencia entre os lectores do xénero.
A maleta viaxará pola aulas dos distintos grupos, que disporán dela durante a hora de ler no calendario establecido.
Esta selección de libros completará a dotación da biblioteca de aula que foi actualizada durante a semana pasada.
05/10/18
OBRADOIRO DE ARTE
O pasado sábado tivo lugar en Bueu o Concurso Internacional de Debuxo "Nenos polos Dereitos Humanos", impulsado polo artista Cristóbal Gabarrón, para conmemorar o 70 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.
A actividade desenvolveuse durante a mañá a carón do Estaleiro do Purro e contou coa colaboración da Asociación de Veciños da Banda do Río, artistas e estudantes de Belas Artes. Uns douscentos rapaces e rapazas participaron nesta iniciativa, entre eles alumnado do noso centro, que traballaron a idea previamente na materia de Educación Plástica e consultaron bibliografía na Biblioteca para coñecer máis a fondo persoeiros que durante a historia loitaron polos dereitos humanos.
Deixámosvos cun vídeo resumo desta xornada.
17/09/18
CONCURSO INTERNACIONAL DE DEBUXO "KIDS FOR HUMAN RIGHTS"
Bueu únese á celebración do 70
aniversario da Declaración Universal de Dereitos Humanos, a través da
realización dun obradoiro e unha serie de exposicións de arte infantil, organizados pola Asociación Veciñal da Banda do Río.
O taller de pintura “Ruta polos
dereitos humanos” que impartirá o artista Cristóbal Gabarrón, terá
lugar o 29 de setembro e será o xerme dunha serie de exposicións por
toda a localidade durante o mes de outubro, nas que se elixirán os
debuxos participantes no concurso internacional de arte infantil que a
Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas polos Dereitos Humanos e o
Servizo de Información das Nacións Unidas en Xenebra, xunto co artista e
a Fundación Gabarrón están desenvolvendo a nivel mundial, e no que se
insta aos mozos e mozas a reflexionar sobre a importancia dos dereitos
humanos. No taller está previsto que participen en torno a 200 nenos e
nenas de entre 4 e 14 anos de idade do municipio.
O lugar elixido será a contorna do
Estaleiro da Banda do Río (tamén coñecido como Purro), e para o seu
desenvolvemento contarase con monitores formados e con experiencia no
ámbito das artes plásticas. Posteriormente, e co obxectivo de dar
visibilidade a estas creacións infantís así como apoiar a educación en
valores a prol dos dereitos humanos, está previsto que se organicen
exposicións na Sala de Exposicións Domínguez Búa, o Museo Massó, o salón
de plenos do Concello, a Praza de Abastos de Bueu, a Capela dos Santos
Reis, o Estaleiro de Purro, o Centro Social do Mar, a Aula da Natureza
de Cabo Udra, o Centro de Interpretación de Agrelo e todos os centros de
primaria e secundaria do municipio.
Así mesmo, unha selección dos traballos
participarán directamente no concurso internacional de debuxo “Nenos
polos dereitos humanos” que convida aos pequenos e pequenas de entre 10 e
14 anos a crear obras de arte creativas baseadas en tres posibles
temas: o dereito humano que considera importante defender, unha persoa á
que se admira polos seus esforzos en prol dos dereitos humanos, e a
maneira na que o neno ou nena pode defender os dereitos humanos.
O prazo de presentación de traballos a
este concurso esténdese ata o 31 de outubro de 2018 e os gañadores/as
serán anunciados o 10 de decembro no Día Mundial dos Dereitos Humanos.
07/09/18
FIC BUEU 2018
O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (Pontevedra)
celebra a súa undécima edición do 7 ao 15 de setembro no Centro Social do
Mar de Bueu.
PROGRAMACIÓN:
Venres 7 de setembro
- 20:30 h Concerto de The Alley Stompers (Exteriores do Centro Social do Mar. Entrada de balde)
- 21:00 h Acto inaugural FICBUEU 2018. Estrea Curtametraxes da Área Social (Exteriores do Centro Social do Mar. Entrada de balde, retirando invitación no Despacho de Billetes)
-
22:30 h Concerto de Xoel López (Centro Social do Mar. Entrada: 20€)
- 11:30 h Charla-vermú Foley Artist (Punto de Encontro. Entrada de balde)
- 13:00 h Concerto de De Vacas (Exteriores do Centro Social do Mar. Entrada de balde)
- 16:30 h Café con CREA (Punto de Encontro. Entrada de balde)
- 18:00 h De Galicia a Hollywood: Salto ou esforzado arrastrarse? Rodrigo Cortés, Juan Gómez Jurado e Arturo González-Campos (Centro Social do Mar. Entrada: 3€)
- 20:00 h Proxección da Sección Galicia R (Centro Social do Mar. Entrada: 2,5 €)
- 21:30 h Coloquio cos directores e directoras da Sección Galicia R (Punto de Encontro. Entrada de balde)
-
23:00 h Debuxando coa luz. Luis Davila, Marc Taeger e Fuzzo (Centro Social do Mar. Entrada: 5 €)
- 11:00 h Charla-vermú A fotografía no cinema (Punto de Encontro. Entrada de balde)
- 12:30 h Encontro con Mabel Rivera. Premio Cinema Galego FICBUEU 2018 (Centro Social do Mar. Entrada de balde, retirando invitación no Despacho de Billetes)
- 18:00 h Carne Cruda: 10 anos 10 cidades. Especial cine dende o FICBUEU (Centro Social do Mar. Entrada: 5€)
- 20:00 h Proxección da Sección España (Centro Social do Mar. Entrada: 2,5€)
-
22:00 h Monólogo de Carlos Blanco (Centro Social do Mar. Entrada: 10€)
- 18:00 h Proxección da Sección Panorama 1 (Centro Social do Mar. Entrada de balde, retirando invitación no Despacho de Billetes)
- 19:45 h Presentación e Proxección da Sección Internacional 1 (Centro Social do Mar. Entrada: 2,5€)
- 21:15 h Coloquio cos directores da Sección Internacional 1 (Punto de Encontro. Entrada de balde)
-
22:00 h Presentación e Proxección da Sección Internacional 1 (Centro Social do Mar. Entrada: 2,5€)
- 18:00 h Proxección da Sección Panorama 2 (Centro Social do Mar. Entrada de balde, retirando invitación no Despacho de Billetes)
- 19:45 h Presentación e Proxección da Sección Internacional 2 (Centro Social do Mar. Entrada: 2,5€)
- 21:15 h Coloquio cos directores da Sección Internacional 2 (Punto de Encontro. Entrada de balde)
-
22:00 h Presentación e Proxección da Sección Internacional 2 (Centro Social do Mar. Entrada: 2,5€)
- 11:00 h Proxección da Sección Irmandade: El meu primer festival de cinema (Centro Social do Mar. Actividade reservada as escolas infantís)
- 18:00 h Proxección da Sección Panorama 3 (Centro Social do Mar. Entrada de balde, retirando invitación no Despacho de Billetes)
- 19:45 h Presentación e Proxección da Sección Internacional 3 (Centro Social do Mar. Entrada: 2,5€)
- 21:15 h Coloquio cos directores da Sección Internacional 3 (Punto de Encontro. Entrada de balde)
-
22:00 h Presentación e Proxección da Sección Internacional 3 (Centro Social do Mar. Entrada: 2,5€)
- 11:00 h Proxección das Seccións Infantil e Xuvenil (Centro Social do Mar. Actividade reservada aos centros de ensino)
- 18:00 h Proxección da Sección Panorama 4 (Centro Social do Mar. Entrada de balde, retirando invitación no Despacho de Billetes)
- 19:45 h Presentación e Proxección da Sección Internacional 4 (Centro Social do Mar. Entrada: 2,5€)
- 21:15 h Coloquio cos directores da Sección Internacional 4 (Punto de Encontro. Entrada de balde)
- 22:00 h Presentación e Proxección da Sección Internacional 4 (Centro Social do Mar. Entrada: 2,5€)
Venres 14 de setembro
- 11:00 h Proxección das Seccións Infantil e Xuvenil (Centro Social do Mar. Actividade reservada aos centros de ensino)
- 17:30 h Contacontos de Cinema con Olalla González (Punto de Encontro. Entrada de balde)
- 18:00 h Proxección da Sección Panorama 5 (Centro Social do Mar. Entrada de balde, retirando invitación no Despacho de Billetes)
- 19:45 h Presentación e Proxección da Sección Internacional 5 (Centro Social do Mar. Entrada: 2,5€)
- 21:15 h Coloquio cos directores da Sección Internacional 5 (Punto de Encontro. Entrada de balde)
-
22:00 h Presentación e Proxección da Sección Internacional 5 (Centro Social do Mar. Entrada: 2,5€)
- 11:00 h Gala Escolas Galegas (Centro Social do Mar. Entrada de balde, retirando invitación no Despacho de Billetes)
- 11:30 h Charla-vermú A crítica de cine (Punto de Encontro. Entrada de balde)
- 12:30 h Concerto Radio Bulebule. Paco Nogueiras (Centro Social do Mar. Entrada de balde, retirando invitación no Despacho de Billetes)
- 16:30 h Obradoiro de interpretación (Punto de Encontro. Actividade reservada aos finalistas da Sección Escolas)
- 20:30 h Concerto da Banda de Musica Artística de Bueu (Exteriores do Centro Social do Mar. Entrada de balde)
-
21:30 h Gala e Festa de Clausura (Centro Social do Mar. Entrada: 5€)
Do 7 ao 16 de setembro: Ruta Tapas 5 Estrelas
Do 11 ao 14 de setembro: II Mercado da Curtametraxe
Actividades para os e as cineastas
15 de setembro: Alfombra floral
27/06/18
Revista Umbrela nº 23
Coma todos os anos o IES Illa de Ons elaborou unha revista anual que recompila moitas das actividades realizadas no centro durante o curso. As primeiras páxinas da revista resérvanse para textos escritos polo noso alumnado: relatos, poemas, vivencias persoais... Agardamos que vos guste!
24/06/18
Excursión dos clubs de lectura a Celanova
O pasado venres 22 de xuño fomos de excursión a Celanova os participantes nos clubes de lectura de 1º e 2º ESO: Andrés, Alex, Breixo, Iria, Jesús, Joel, José, Maica, Noa, Pedro, Víctor, Xoán, Alba, Antía, Diana, Gisela, Sara e Víctor, acompañados polas profes Lourdes e Olalla.
A nosa primeira
visita en Celanova foi a "Casa dos Poetas", a casa familiar de Manuel Curros Enríquez,
formada por dous edificios: un coa estructura dunha casa tradicional galega,
onde se conserva a lareira e a cheminea e outro, con características máis
urbanas, ao que pertence a fachada.
Alí guiáronnos por unha exposición que repasa a vida e a obra do autor, e momentos tan importantes como a chegada do tren a Ourense, a emigración a Cuba ou a creación da Real Academia Galega. Na exposición tamén se fai un achegamento a outros autores celanoveses como Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Luis Méndez Ferrín que, xunto a Curros, dan nome ao lugar: "Casa dos Poetas".
Aproveitamos a nosa
visita para interpretar todos xuntos a versión "Aí vén o maio"
de Luis Emilio Batallán. A guía que nos acompañou sacounos unha fotografía e,
ao día seguinte, o Club de Lectura do IES Illa de Ons saiu no xornal
por ser o último centro deste curso en visitar a casa de Curros.
MAIO
Aí vén o maio
de frores cuberto ...
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.
Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno! ...
Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero ...
Queredes castañas
dos meus castiñeiros? ...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.
Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno! ...
Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero ...
Queredes castañas
dos meus castiñeiros? ...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.
Manuel Curros Enríquez, Aires da miña terra
A continuación paseamos
pola vila. Achegámonos ata a Praza Maior, na que hai unha fonte do século XVIII,
visitamos o claustro barroco do Mosteiro de San Salvador e a capela mozárabe de
San Miguel.
O noso seguinte destino foi Allariz, onde paramos a comer e a refrescarnos no río Arnoia. Este, sen dúbida, foi un dos momentos máis divertidos da xornada onde non faltaron xogos, chapuzóns e moitas risas.
O noso seguinte destino foi Allariz, onde paramos a comer e a refrescarnos no río Arnoia. Este, sen dúbida, foi un dos momentos máis divertidos da xornada onde non faltaron xogos, chapuzóns e moitas risas.
Para finalizar a
nosa viaxe e relaxarnos un pouco fomos ás termas de Outariz, situadas á beira
do río Miño, en Ourense. Alí estivemos a remollo nas distintas pozas de auga
fría e quente que resultan tan pracenteiras que algún case queda durmido.
Quedamos todos e todas con desexos de repetir!
18/06/18
I Certame de Fotografía "Obxectivo Bueu"
O venres 15 de xuño tivo lugar a entrega de diplomas e premios aos autores e autoras das 13 fotografías seleccionadas no I Certame de Fotografía "Obxectivo Bueu": Abel Dopazo (3º PMAR) con dúas fotografías seleccionadas, Iria Villanueva (3º A) con dúas fotografías seleccionadas, María Méndez (3º B) con dúas fotografías seleccionadas, Antía Novas (2º A) con tres fotografías seleccionadas, Iria Rodríguez (1º B) con tres fotografías seleccionadas e Maica Morgado (1º B) cunha fotografía seleccionada.
As imaxes gañadoras ilustrarán un calendario co que o alumnado poderá recadar fondos, o vindeiro curso, para custear distintas saídas educativas propostas polo centro. Os rapaces e rapazas premiados/as asistirán a un Curso de Iniciación Fotográfica na última semana de xuño, impartido por unha fotógrafa profesional.
A idea de convocar este certame naceu da ANPA do IES Illa de Ons, coa que colaboraron a Biblioteca e o Equipo de Dinamización da Lingua para a creación das bases, a súa promoción e a selección das imaxes gañadoras.
13/06/18
Concurso de relatos e Certame de Fotografía
Como xa todas e todos sabedes, no terceiro trimestre deste curso, a Biblioteca e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega colaboraron coa ANPA na organización de dous concursos dirixidos ao noso alumnado.
O venres 15 de xuño coñeceremos as fotografías gañadoras do I Certame de Fotografía "Obxectivo Bueu", durante un acto no que se fará entrega aos autores e autoras dunha certificación pola súa participación. Os/as premiados/as recibirán, durante a última semana de xuño, un Curso de Iniciación á Fotografía impartido por unha profesional na materia.
En canto ao I Concurso de Relatos "Teresa López González", os premios fixéronse públicos a finais do mes de maio. O acto foi presentado por Lourdes Garrido, profesora de Lingua e Literatura Castelá e coordinadora do club de lectura, que estivo acompañada para facer a entrega dos premios por Mª José Arribas Portela, representate da ANPA.
Os alumnos e alumnas premiadas foron:
- Na modalidade A: Andrés Paz (1º B), Zaira Ogando (1º A) e Clara Costas (2º A).
- Na modalidade B: Aarón Santaclara (4º A), Xavier Graña (3º A) e Miguel Leal (3º A).
A continuación mostrámosvos algúns dos relatos premiados.
Vida de tea
Andrés Paz
Hai un soño que se repite, que volve e volve, noite a noite. Este soño é:
Estou co meu irmán facendo un forte de almofadas. Ao entrar a el encontro un coitelo e entro nun mundo máxico feito de mantas e almofadas. Encontrei un pobo, no que os nenos cantaban e os rapaces, adultos e vellos bailaban; pero de pronto apareceu un dragón. Acerqueime e deime conta de que as persoas eran de tea, e o dragón tamén! Leveime unha agradable sorpresa ao descubrir que o lume eran sabas laranxas, así que acerqueime a el, craveille o coitelo, e ao sacalo vexo todo o recheo que sae del, ata que só queda a tea.
Nese momento quería levantarme do soño, pero non podía! Os nervios apoderáronse de min, sentía que non era capaz de respirar e pensaba que aquilo era real. De repente, noto algo que me toca; eran os aldeáns que me daban as grazas.
Decidín quedarme, tiven unha muller e dous fillos de almofada. A comida tamén foi de almofada. A min encantábanme as almofadas fritas. A miña muller chamábase Algodón, e os meus fillos Seda e La.
Ao despertarme foi cando era vello e morría, sempre sentía moita dor, pero dicíanme: Só foi un soño, pero, e se non foi?
-Avó gustouche o conto?
-Claro, gústanme todos os teus contos.
-Avó...
-Que queres meu fillo?
-Ti vas morrer?
-Pois claro, todos imos morrer.
-Espero que vivas para sempre...
-E eu tamén.
O mundo ten os pés fríos
Clara Costas
Hai un soño que se repite, que volve e volve, noite a noite. Ese soño recórdame a ese verán, o mellor da miña vida.
Cada vez que penso nel, vólvome tola. Tan tola que, ás veces non son capaz de recordalo detalle a detalle. Hai veces que quero contarllo á miña nai, pero non consigo contalo ata o final; sempre, cando consigo chegar ao final, dáme vergoña.
O soño describe o verán perfecto, o que repetiría miles de veces. Prodúceme unha emoción inigualable a outra. A brisa do mar rozando os meus sentimentos, a auga fría, o ceo gris e o meu corazón latexando a mil por hora. Ao meu lado está el, o home da miña vida; e murmúrame ao oído “O mundo ten os pés fríos”.
Aquel terrible pesadelo
Aarón Santaclara
Hai un soño que se repite, que volve e volve, noite a noite.
Recordo a miúdo aquela triste historia, a que vivín o 14 de outubro cando espertei nunha casa solitaria do monte.
Foi un feito estraño, xa que eu chegara á casa canso e metérame na cama cedo para durmir. Por desgraza non espertei na miña acolledora cama; nun primeiro momento, cavilei na posibilidade de que se tratara dunha broma de mal gusto feita polos meus “amigos”.
A casiña na cal se dá inicio o meu pesadelo era antiga, feita con madeira rillada debido ao paso dos anos e ás continuas choivas; carecía de luz, afloraban nunha escuridade constante; dentro de dita escuridade afondeaban diversos cadros que representaban no seu interior escenas de caza. Aínda que había un, só un, que non seguía a mesma temática, aparecía un home aforcado nunha grande árbore que eu coñecía moi ben.
Espertei co son do espertador, botei unha ollada pola ventá e alí estaba, a árbore. Tratábase da segunda vez que me vira inmerso naquel sono, á primeira non lle dera importancia pero esta vez si e prometinme acabar con el, de raíz.
Cando compramos a casa hai dous anos, ela xa vivía aquí, levaba moito tempo alí prantada. Segundo o home, o que habitaba a casa antes ca nós, prantáraa o seu avó hai noventa e cinco anos.
Decidín comezar a miña búsqueda por aquel home, Miguel Santos Fernández, o vendedor. Rebusquei entre os documentos de compra-venda do inmoble, encontrados na librería do cuarto dos meus pais. Saqueinos con coidado e descubrín un burato do tamaño do meu puño. Dentro del, uns documentos que anunciaban o protocolo dos bombeiros tras un incendio da casa supostamente provocado no 1981. Anunciaba tamén o falecemento dun neno de nome Miguel Santos Fernández.
Fiquei sentado aproximadamente durante dez segundos, cavilando, discorrendo, calculando, enlazando os meus pensamentos ata que o medo se apoderou de min e corrín e corrín xunto meus pais e alí estaban, tendidos no chan, como durmindo.
O meu impulso foi seguir correndo, tropezando en canto había, coa estraña sensación metida no corpo de que algúen me perseguía, cerca, moi cerca.
Botei unha mirada atrás e alí estaba, unha figura negra como a noite, correndo con actitude cazadora cara a min, ao instante de volver a mirada adiante choquei, choquei con gran forza contra a árbore, aquela árbore maldita, e quedei inconsciente.
Espertei co son do espertador, botei unha ollada pola ventá e alí estaba, a árbore.
A vida é un soño
Xavier Graña
Hai un soño que se repite, que volve e volve, noite a noite...
Son un pobre Fidalgo, Xoán Xosé chamábanme. Vivo na periferia da cidade de Salamanca, nunha vida humilde e sen responsabilidades. Pero todas as noites soño que me converto no rei do país, Filipo III, e teño esa vida de riquezas e satisfacción.
Son o rei Filipo III, soberano de España, o que leva unha gran responsabilidade. Estou continuamente mantendo o país entre guerras, relixión e crises, pero gustaríame unha vida tranquila de retiro. Por sorte, todas as noites podo descansar, porque soño coa vida dun humilde Fidalgo sen responsabilidades nin preocupacións.
Espertei moi tarde hoxe. Levanteime, fun a por unas mazás para almorzar e dirixinme á vila a pasear. Por todas partes víase pobreza, e seica isto pasaba en todas as cidades do país. Os cidadáns estaban fartos do abuso do rei, que non facía máis que investir os poucos cartos en perseguir os infieis, que ao final eran familiares do pobo. Convocáronme para unha reunión. Nela dixeron que para a semana asaltariamos o Castelo para asasinar o rei. Estaba obrigado a ir, non podía poñerme en contra do meu propio bando, pero a idea do asasinato aterroume. Partimos á mañá seguinte; e eu ía nun carro no que me durmín...
Entón espertei subitamente, aterrado polo pesadelo. Parecía tan real... E esa tarde chegou unha caravana de carros cun montón de campesiños armados, e asentáronse fronte ao Castelo. O mellor que podía facer era encerrarme no meu dormitorio a escuras e facer que non estaba. Entón no meu dormitorio entrou Manolo, o meu criado, preocupado pola miña actuación. Eu díxenlle que anunciara ao pobo que ía investir os cartos neles en lugar do exército, para calmalos. E durmín...
Levanteime á tardiña do día seguinte no carro. Cada vez tardo máis en levantarme! Ao asomarme fóra, o rei anunciara que loitaría contra a crise do pobo, así que o pobo volvía satisfeito e non había mortos. Decidín pasear por Madrid, xa que estaba alí, e entón atopeime o rei de costas, e desmaieime...
Espertei da sesta na miña caixa de area, e lambínme a miña patiña. Que soño tan
raro! Ou estaría soñando que era un gato?
07/06/18
Emigrantes - Shaun Tan
A última proposta deste curso para o club de lectura é a novela gráfica Emigrantes, de Shaun Tan.
"Esta atípica e extraordinaria novela gráfica desdebuxa as fronteiras entre a realidade e a fantasía para plasmar a experiencia da emigración. O anónimo emigrante parte dunha realidade coñecida (coa cal o lector se identifica) e chega a un mundo no que, unha vez superadas as fronteiras, todo lle parece (e parécenos) novo e estraño. Ao identificar a patria de acollida cun lugar fantástico, Shaun Tan crea unha sensación de estrañeza, incompresión e fascinación que marca o clímax do libro. A simboloxía adquire unha notoria e sutil presenza, e na narración articúlanse distintas voces que constrúen unha imaxe tan impresionante como próxima da emigración." Reseña de Canal Lector
Para ir abrindo boca, amosámosvos un proxecto de sonorización da
primeira parte da novela, realizado por Tomás Mejía Londoño e musicado
cunha Gnossienne de Erik Satie.
Como actividade complementaria á lectura, a coordinadora do club está a organizar unha
excursión a Celanova para visitar, entre outras cousas, a Casa Museo de
Manuel Curros Enríquez, unha das figuras máis destacadas da emigración
galega.
06/06/18
I Festival Internacional de Jazz de Bueu
A Asociación de Jazz de Bueu e o Concello de Bueu promoven o I Festival Internacional de Jazz de Bueu, que se celebrará do 7 ao 10 de xuño en diversas localizacións da vila e que incluirá un total de sete actividades.
A programación arranca o 7 de xuño cun concerto a cargo do Cuarteto do cantante e saxofonista Antonio Otero,
que se celebrará ás 21:00 no Farol. Xunto a el estarán Álvaro Vieito á
guitarra, Juansi Santomé ao contrabaixo e Antón Iglesias á bateria.
O 8 e o 9 celebraranse dous concertos centrais na Praza Massó con acceso de balde.
O venres, a partir das 22:00, será a quenda de JUZZ, a banda
liderada polo guitarrista galego Virxilio da Silva acompañado por
Rosalino Marinello, Álex Salgueiro, Xan Campos, Felix Barth e Iago
Fernández. O sábado, tamén ás 22:00, actuará o saxofonista e cantante Antonio Lizana Group.
No programa tamén se inclúen dúas jam sessions e outras de jazz de mediodía
en diversos locais hostaleiros da vila. Felipe Villar Trío actuará o 8
de xuño ás 00:00 no B-Living, coa compañía do contrabaixista
José Manuel Díaz e o baterista Max Gómez. O sábado tamén ás 00:00 actuarán no Aturuxo o Cuarteto de Sunil López, unha banda formada por
Diego Alonso, Álex Touceda e Héctor Agulla,
En canto ás sesións de jazz de mediodía, M.G.V. Trío (Miguel González, Brais López e Íñigo Azurmendi) actuará o sábado ás 13:00 no Leña Verde e Pablo Sanmamed Trío, con Iago Mouriño e Bruno Couceiro, o domingo en La Perfecta.
05/06/18
Regueifeiros e regueifeiras, lumeeeeeee!
O certame, que tivo lugar no Auditorio de Cangas, foi organizado polas concellarías de Normalización Lingüística de Moaña, Cangas, Bueu e Vilaboa. Nel participaron os cen finalistas dos diferentes centros do Morrazo e, tras unha primeira quenda, foron seleccionados/as vinte estudantes, entre eles Antía Novas e Aridane Moreira.
Nesta segunda rolda o xurado, composto por xornalistas, profesorado e profesionais do mundo da música, elixiu os/as catro mellores regueifeiros/as que participaron nunha actuación final, entre eles a Aridane Moreira, alumno do noso centro.
Noraboa a todos e todas porque non é nada doado improvisar rimas, e moito menos diante de tanto público!
30/05/18
Colaboración da Biblioteca na gravación e edición de vídeos
O Equipo da Biblioteca colaborou, no terceiro trimestre do curso, na gravación e edición de dous vídeos que resumen dous proxectos levados a cabo no noso centro educativo.
O primeiro deles, Vis la vie en rose, trátase dun proxecto cooperativo entre os departamentos de Francés e Xeografía e Historia, co fin de optar ao concurso de 20 entradas para acudir a unha das funcións do grupo La Boheme Théâtre o próximo curso escolar. O vídeo, protagonizado por Antía Novas, Sara Soliño e Diana Ogando, resultou gañador deste concurso convocado por BHM Producciones.
O segundo vídeo resume o proxecto As facianas de Clío, coordinado pola profesora de Xeografía e Historia Diana Vilas, baseado nun eixe cronolóxico no que aparecen personaxes históricos da Idade Moderna distribuídos por distintas zonas xeográficas. Ao enfocar cun iPad as facianas do eixe, estas aparecen en tres dimensións, e contan en primeira persoa feitos importantes da súa vida.
Para elaborar este proxecto, o alumnado de 3º ESO utilizou varias ferramentas dixitais que lles permitiron dar vida aos personaxes. Coa aplicación Morfo booth crearon os personaxes, para as gravacións de audio utilizaron o Garage Band, o iMovie para as gravacións de vídeo e a realidade aumentada final foi creada coa aplicación HP Reveal, que permite asociar o vídeo do Morfo booth á imaxe do personaxe.
Para elaborar este proxecto, o alumnado de 3º ESO utilizou varias ferramentas dixitais que lles permitiron dar vida aos personaxes. Coa aplicación Morfo booth crearon os personaxes, para as gravacións de audio utilizaron o Garage Band, o iMovie para as gravacións de vídeo e a realidade aumentada final foi creada coa aplicación HP Reveal, que permite asociar o vídeo do Morfo booth á imaxe do personaxe.
17/05/18
VIVA A NOSA LINGUA!
17 DE MAIO, DÍA DAS LETRAS GALEGAS.
Vídeo poema interpretado polo alumnado de 3º ESO A.
Vídeo poema interpretado polo alumnado de 3º ESO A.
15/05/18
Semana das letras galegas
A Biblioteca, en colaboración cos departamentos de Lingua Galega e Literatura e o Equipo de Dinamización Lingüística, está a participar en diferentes actividades para celebrar a semana da nosa Lingua.
Ademais dunha exposición acerca da figura de María Victoria Moreno, sobre a que o noso alumnado está a traballar, faremos lecturas nas aulas de textos da autora e da obra “Doce cartas a María Victoria Moreno” de Ángela Gracián, adquisición recente da biblioteca.
Por outra banda, o alumnado de 2º ESO está a participar nun Obradoiro de Regueifas impartido polos expertos regueifeiros Pinto d’Herbón e Luís o Caruncho. Nestas dúas sesións seleccionaranse aos alumnos e alumnas que intervirán no Certame de Regueifas do Morrazo o día 31 de maio.
Para rematar, un aviso ao alumnado que está a participar no concurso de relatos en galego, convocado pola ANPA, Biblioteca e Dinamización Lingüística: AMPLÍASE O PRAZO DE ENTREGA DOS RELATOS ATA O VENRES 18 DE MAIO.
Boa semana a todos/as!
08/05/18
FIC Bueu
Outro ano máis decidimos levar a escola ao
cine para ver as mellores creacións dos directores de curtametraxes que
participan no Festival Internacional de Curtametraxes de
Bueu.
Manuel Pena, o director do FICBUEU, tivo a
amabilidade de facernos unha selección de curtas da última edición coas que, tanto o alumnado de 1º e 2º da ESO coma o profesorado acompañante, desfrutamos
contemplando, votando e comentando.
"TARDE DE PESCA" (España) de Hugo de la Riva.
"BIG BOOM" (Rusia) de Marat Narimanov.
"OUR WONDERFUL NARURE. The common chamaleon" (Alemaña) de Tomer Eshed.
"OFF" (Francia) de Thomas Scohy e Kevin Zonnenberg.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)