Foto biblioteca

Foto biblioteca

28/10/21

Tes un minuto?


    O Equipo de Dinamización Lingüística do IES Illa de Ons propón un desafío creativo para este curso:
1. A elaboración dun vídeo
2. En galego
3. Cunha duración de un minuto
4. En formato mp4 e peso máximo de 90 MB. 
  
Queres saber máis? Consulta as seguintes bases.


25/10/21

Xa chega o Samaín

     O equipo da biblioteca, coa colaboración do voluntariado e unha parte do alumnado e profesorado, estivo a elaborar distintos elementos decorativos para ambientar unha actividade de dramatizacións terroríficas que vai ter lugar a vindeira semana neste espazo.


     Seguindo as pautas indicadas pola profesora Amalia Graña, elaboráronse unhas fermosas cabazas de rafia, con recheo de papel de xornal e rematadas con paus de carballo, follas secas e follato. Completaremos esta decoración con distintos morcegos colgantes e candeas que situaremos en diferentes puntos da biblioteca.

21/10/21

Día das Bibliotecas

 


    Co gallo da celebración o vindeiro 24 de outubro do día das Bibliotecas, a Rede de Bibliotecas do Concello de Bueu realizará na Biblioteca Torrente Ballester unha serie de actividades de interese para a nosa comunidade educativa.

     Por unha banda organizarase unha pequena exposición con títulos literarios que forman parte do seu fondo e que xiran arredor do libro, a lectura, ou os espazos para ler. Teñen auténticas xoias para todas as idades nas que a literatura, lectura, ou o libro en si, son protagonistas.

     Por outra banda, como a súa intención é que os rapaces e rapazas do Concello de Bueu recoñezan a Biblioteca Municipal, non só como lugar de encontro para a lectura e o estudo, senón tamén como espazo de entretemento, teñen preparado un xogo: CITA CO LIBRO. Os usuarios e usuarias que se acheguen á biblioteca poderán intentar adiviñar, mediante as pistas que se lles proporcionará, o libro que se agocha nunha caixa. Organizaranse tres categorías de participación: infantil ( 0 a 11 anos), xuvenil (12 a 16 anos) e adulto (17 en diante). As persoas que acerten terán un agasallo en forma de libro, e os que non, tamén…

     Animádevos a participar!

18/10/21

Melloras no espazo creativo

    Neste mes de outubro o equipo da biblioteca estivo a facer melloras no espazo creativo. Co premio recibido polo noso proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística #SonMonte, este pasado curso académico, o centro mercou distintos materiais para a realización de pezas audiovisuais: soportes fixos e móviles para fondos fotográficos, fondos de papel de distintas cores, paneis absorbentes para mellorar a acústica das gravacións, micrófonos, trípodes e unha mesa de fotografía para obxectos.





12/10/21

Xestión, actividades e hora de ler


     Durante estas primeiras semanas de curso o equipo da biblioteca, coa colaboración das voluntarias, estivo a facer distintas tarefas de xestión da biblioteca: altas e baixas do alumnado, profesorado e persoal non docente; detección das necesidades dos departamentos; compra, catalogación e etiquetado de exemplares; disposición espacial e ordenación de fondos; recompilación de materiais para mellorar a biblioteca virtual… 


     Tamén organizamos xuntanzas con algúns departamentos para deseñar actividades interdisciplinarias neste primeiro trimestre e elaboramos o calendario da hora de ler, co que empezamos a semana pasada na 1ª sesión de cada xornada.