Foto biblioteca

Foto biblioteca

26/04/23

Festival solidario ART FOR CHANGE

   O próximo sábado 29 de abril terá lugar en Bueu o II Festival Art for Change, unha iniciativa solidaria impulsada polo IES Johan Carballeira, apoiada polo Concello e diversos colectivos da contorna, na que participarán os centros educativos de Bueu.

     Ao longo desta xornada desenvolveranse distintas actividades nunha carpa que vai estar instalada na Praza Massó. Haberá xogos, música, poesía, arte, experimentos e distintos produtos á venda, co fin de recadar fondos destinados á ONG Save the Children e a 13 grados, unha cooperativa dedicada á divulgación e conservación do medio mariño. Ademais hai organizadas conferencias, obradoiros e intervencións no exterior da carpa, no Centro Social do Mar e no Museo Massó, que completarán o programa desta feira solidaria.

     As actividades comezarán ás 8:00 h, coa confección por parte da Asociación de Cunchas e Flores dunha alfombra floral na Praza Massó, e a carpa principal abrirase ao público desde as 11:00 h. ata as 19:00 h. Consulta o programa para coñecer os horarios das distintas actuacións.

     O IES Illa de Ons terá, como os demais centros educativos, un posto de venda con produtos elaborados polo noso alumnado: bolsas, cadernos, linogravados, broches, chaveiros, colgantes e marcadores de páxinas. Ademais, unha parte do alumnado e do profesorado presentará ás 13:00 h., no exterior do Centro Social do Mar, a performance “Ninguén é ilegal”.

Mostra dalgúns produtos que teremos á venda na feira




25/04/23

Recomendacións lectoras


    O alumnado de 2º ESO fai unha serie de recomendacións lectoras dalgunhas das obras traballadas este curso na materia de Lingua e Literatura Castelá. "Bajo la misma estrella" de John Green, "Las lágrimas de Shiva" de César Mallorquí, "Los perros de agosto" de Alexis Ravelo e "Mentira" de Care Santos, son os libros dos que Mariña, Román, Anxo e Samuel falan nos seguintes vídeos.

Mariña Fernández Calo

Román Parada López

Anxo Martínez Vidal

Samuel Castro Souto

23/04/23

21/04/23

Marcadores, booktrailers e recomendacións lectoras

 Para conmemorar o 23 de abril, Día do Libro, na biblioteca do centro deseñamos distintos marcadores de páxinas combinando os haikus que o alumnado de 3ºESO creou para o Día da Poesía e algunhas das fotografías sobre a contorna mariña que propuxo facer o departamento de Bioloxía e Xeoloxía ao alumnado do centro. Estes deseños formarán parte do lote de produtos que o noso centro levará ao Festival Solidario Art for Changeque terá lugar en Bueu o próximo sábado 29 de abril.

    Por outra banda, o alumnado de 2º ESO está a elaborar unha serie de vídeos con booktrailers e recomendacións lectoras dalgunhas das obras que leron na materia de Lingua e Literatura Castelá neste trimestre. A vindeira semana publicaremos algúns deles.

01/04/23

Actividades do club de lectura

     Neste trimestre as xuntanzas do club de lectura co alumnado de 1º ESO centráronse na lectura do libro "La ratonera” de Agatha Christie. Na primeira sesión proxectamos un booktrailer da obra, protagonizado polo profesorado do noso centro, e realizamos lecturas compartidas para ir coñecendo as principais características dos personaxes. Nas seguintes xuntanzas o alumnado caracterizouse con distintos complementos para facer unha lectura dramatizada, poñéndose na pel dos oito protagonistas desta intrigante obra teatral.


     Por outra banda, o alumnado de 2º ESO que forma parte do club de lectura reuniuse na biblioteca para debater sobre distintos aspectos da obra de María Solar "Os nenos da varíola", unha novela baseada nun importante feito histórico, protagonizado por un grupo de nenos orfos que levaron a vacina da varíola a América. A viaxe, organizada en 1803 polo doutor Balmis e coa importante participación da enfermeira Isabel Zendal, supuxo a primeira expedición sanitaria a nivel mundial.