O próximo sábado 29 de abril terá lugar en Bueu o II Festival Art for Change, unha iniciativa solidaria impulsada polo IES Johan Carballeira, apoiada polo Concello e diversos colectivos da contorna, na que participarán os centros educativos de Bueu.
Ao longo desta xornada desenvolveranse distintas actividades nunha carpa que vai estar instalada na Praza Massó. Haberá xogos, música, poesía, arte, experimentos e distintos produtos á venda, co fin de recadar fondos destinados á ONG Save the Children e a 13 grados, unha cooperativa dedicada á divulgación e conservación do medio mariño. Ademais hai organizadas conferencias, obradoiros e intervencións no exterior da carpa, no Centro Social do Mar e no Museo Massó, que completarán o programa desta feira solidaria.
As actividades comezarán ás 8:00 h, coa confección por parte da Asociación de Cunchas e Flores dunha alfombra floral na Praza Massó, e a carpa principal abrirase ao público desde as 11:00 h. ata as 19:00 h. Consulta o programa para coñecer os horarios das distintas actuacións.
O IES Illa de Ons terá, como os demais centros educativos, un posto de venda con produtos elaborados polo noso alumnado: bolsas, cadernos, linogravados, broches, chaveiros, colgantes e marcadores de páxinas. Ademais, unha parte do alumnado e do profesorado presentará ás 13:00 h., no exterior do Centro Social do Mar, a performance “Ninguén é ilegal”.
Mostra dalgúns produtos que teremos á venda na feira
Ningún comentario:
Publicar un comentario