Foto biblioteca

Foto biblioteca

20/12/18

Se non vou nun bou...

     Mañá comezan a navegar as novas maletas viaxeiras: coloridas bibliotecas móviles cheas de libros, filmes e música, que botarán amarras nas casas do noso alumnado, para que poidan gozar co seu contido en familia. Agardamos que sexan do voso agrado. 


10/12/18

Día Internacional dos Dereitos Humanos

  Os alumnos e alumnas de 1º ESO do noso centro participaron hoxe, xunto co alumnado dos outros centros educativos de Bueu, nos actos organizados pola Asociación de Veciños da Banda do Río e a Asociación de Alfombras Florais, con motivo da conmemoración do setenta aniversario da Declaración dos Dereitos Humanos da ONU.


     O acto consistiu na confección dunha alfombra duns sete metros de diámetro, con deseños seleccionados dos debuxos do concurso escolar sobre os Dereitos Humanos celebrado o pasado mes de setembro. A composición completouse cunha serie de figuras de papiroflexia, representando as esculturas da obra Universo iluminado do artista Cristóbal Gabarrón, creadas para celebrar o aniversario da ONU en 2015.
     Ademais, desde o concello fíxose unha lectura dos trinta dereitos humanos a cargo de diversos persoeiros, entre eles o ciclista Álvaro Pino, a poetisa Oriana Méndez, o cociñeiro Pepe Solla, a cantante Uxía Senlle, o ilustrador Marc Taeger ou Rosmy Gabarrón, a filla de Cristóbal Gabarrón. O alcalde de Bueu, Félix Juncal, foi o encargado de pechar o acto lendo o último dos 30 dereitos humanos.
     Deixámosvos cun vídeo que inclúe as prácticas de papiroflexia dos rapaces e un resumo dos actos do día de hoxe na Praza Massó de Bueu.


05/12/18

Calendario 2019

     Xa está aquí, xa chegou, o calendario do 2019!


     Recordades que o pasado mes de maio a Biblioteca, en colaboración coa ANPA, convocou un concurso de fotografía? Pois ben, este curso deseñamos varios calendarios utilizando as 12 imaxes gañadoras para ilustrar cada mes do ano. Se estades interesados/as en comprar un calendario de parede (tamaño A3), un de mesa ou un de bolsillo, poñédevos en contacto co alumnado de 2º, 3º ou 4º ESO. Cos cartos recadados custearán dúas saídas educativas propostas polo centro, a viaxe á neve e a viaxe de fin de estudos.

     Moitas grazas pola vosa colaboración.


03/12/18

Guías de lectura e música

     Un ano máis compartimos con todos e todas vós as guías de lectura elaboradas pola Coordinadora dos Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo. Podedes atopar nelas ideas para agasallar, tanto para os máis pequenos como para os maiores da casa.