Foto biblioteca

Foto biblioteca

16/05/22

Florencio Delgado Gurriarán

    Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas, a Biblioteca do IES Illa de Ons adquiriu dous libros para coñecer un pouco máis a obra e a vida de Florencio Delgado Gurriarán. Miro Villar e Héctor Cajaraville recollen nestas dúas biografías a traxectoria do poeta valdeorrés.

      O alumnado do noso centro estivo a traballar esta semana en distintas actividades arredor da figura do autor e da época na que desenvolveu a súa obra, utilizando como material orientativo a guía didáctica e os carteis divulgativos da exposición que puxo á nosa disposición a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

12/05/22

Contacontos en 1º e 2º ESO

O pasado luns visitou o noso centro Boniface Ofogo, contacontos camerunés especialista en fábulas, lendas, mitos e tradicións da África negra.


Boniface naceu en Bogondo, pobo situado no centro de Camerún, en 1966. É autor de Unha vida de conto, unha autobiografía na que se resalta a importancia da tradición oral en África, e do libro O león Kandinga, que forma parte da inesgotable tradición oral dos bantú, unha tribo que vive nas sabanas e selvas africanas, desde o centro de Camerún ata Sudáfrica.

10/05/22

Letras Galegas e Colectivas en Bueu

    Coa colaboración de diversos colectivos culturais e veciñais da vila,  O Concello de Bueu organiza as ‘Letras Galegas e Colectivas’. Cinema, música, contacontos ou recitais poéticos serán algunhas das actividades que levarán as Letras Galegas a diversos lugares, como Beluso, Sanamedio, Cela ou Meiro.
    
Ciclo de Cinema Galego
    O Cineclub Bueu organiza todos os venres deste mes unha serie de proxeccións de cinema galego, que se poderán ver ás 21 horas no Centro Social do Mar. 
 Na parroquia de Beluso
    A Asociación Cultural Novos Ventos, coa colaboración do Concello de Bueu e da Deputación de Pontevedra, programará na Casa do Pobo da parroquia diversos eventos tanto para a cativada como para o público adulto. 
    Desenvolverase tamén un obradoiro de iniciación ao baile tradicional e o mesmo día das Letras Galegas celebrarase a XXI Romaría das Letras.
Na parroquia de Cela
    A Asociación Cultural Costumes de Cela organiza o 21 de maio un festival que se celebrará a partir das 17.30 horas no Eirado de Cela. Alí terá lugar a representación teatral de “Sabela e o paxaro máxico” da compañía Tarabelos Teatro e a entrega de premios do concurso de microrrelatos e de debuxo. A xornada rematará coa actuación do grupo tradicional Retrouso e coa animación e xogos tradicionais para a cativada a cargo de Barafunda Teatro.
No lugar de Meiro
    Da man da Asociación Veciñal A Morada celebraranse as Letras Galegas na Casa da Aldea de Meiro o domingo 22 de maio a partir das 19 horas, cando terá lugar a presentación do libro Peroxo. Un rapaz de aldea.