Foto biblioteca

Foto biblioteca

26/10/26

O Samaín chega ao IES Illa de Ons


     Achégase o Samaín e, para celebralo, o IES Illa de Ons organiza tres concursos nos que o alumnado poderá demostrar o seu talento e espírito terrorífico.

     Os días 29 e 30 de outubro, durante o recreo, a biblioteca encherase de historias arrepiantes. Recordamos ao alumnado que aínda está a tempo de anotarse no concurso de relatos de terror.

     O día 30 de outubro poderedes participar tamén no concurso de disfraces e no concurso de doces. Lembrade entregar as vosas obras de arte culinarias ese mesmo día na conserxería do centro, acompañadas da receita escrita en galego. Despois da valoración do xurado, haberá unha degustación para toda a comunidade educativa.

     Bases completas dos concursos

24/10/26

Día das bibliotecas

      Esta semana celebramos no centro o Día das Bibliotecas cunha serie de actividades para achegar o alumnado á biblioteca escolar e poñer en valor a súa importancia como espazo de aprendizaxe, investigación e cultura.

     A primeira actividade estivo dirixida ao alumnado de 1º da ESO e consistiu nunha sesión de formación de usuarios e usuarias.

     Tras presentar os diferentes espazos e seccións da biblioteca e explicar como localizar exemplares, tanto no espazo físico coma no catálogo virtual, propuxemos un reto por equipos no que o alumnado debía atopar unha serie de libros e identificar os seus autores e autoras. Os grupos que acadaron os primeiros postos recibirán como agasallo unhas libretas de bibliotecas escolares.

     A actividade completarase na aula, na materia de lingua castelá, cunha investigación sobre a historia das bibliotecas, desde as primeiras civilizacións ata a actualidade, para coñecer a súa evolución e o seu papel na conservación e difusión do coñecemento.

     Por último, traballaremos arredor dun fragmento da película Ágora, de Alejandro Amenábar, no que se recrea a Biblioteca de Alexandría e o intento de Hipatia por salvar o coñecemento que alberga. Ademais de analizar distintos aspectos da linguaxe cinematográfica nunha tarefa colaborativa, a partir desta escena faremos unha actividade creativa de expresión oral escrita e reflexionaremos sobre a importancia de preservar o patrimonio cultural.

22/10/26

Club de lectura manga

       O pasado luns celebramos a primeira xuntanza do noso club de lectura manga, na que participou alumnado de todos os niveis educativos e tamén catro profesoras. A sesión, guiada por Leire e Laura, de 4º ESO, foi unha oportunidade para comezar a coñecernos, compartir gustos e falar das nosas experiencias co manga e o anime.

     A finalidade desta iniciativa é crear un espazo distendido e participativo no que descubrir novas lecturas e aprender a valorar o manga como forma de expresión literaria e artística, independentemente da experiencia lectora de cada persoa.

     Durante a sesión, presentamos diferentes propostas de lectura e comentamos as súas historias e temáticas. Entre elas estaban:

  • Neon Genesis Evangelion I, de Yoshiyuki Sadamoto, unha obra de ciencia ficción e acción.
  • Goodbye, Eri, de Tatsuki Fujimoto, que aborda temas como a perda, a amizade e a memoria.
  • Tokyo Revengers, volume 1, de Ken Wakui, que combina acción, bandas xuvenís e viaxes no tempo.

      Despois de coñecer as distintas propostas, escollemos a lectura que máis nos chamou a atención para continuar a experiencia nas próximas xuntanzas. Dado o éxito de convocatoria e o interese espertado, a idea é organizar os vindeiros encontros en grupos máis reducidos, para favorecer a participación, o intercambio de opinións e unha conversa máis próxima arredor das obras.

13/10/26

Peixes de luz

      O mundo do mar, cos mariñeiros e as mulleres dos mariñeiros como protagonistas, co peirao e os barcos pesqueiros como escenario dun estilo de vida marcado polo sacrificio e a supervivencia, centra o novo poemario de Míriam Ferradáns, titulado Peixes de luz e publicado por KALANDRAKA. Luís Rei Núñez, director da colección Tambo, acompañará a autora na presentación do libro en Bueu, este domingo 18 de outubro a partir das 12:00 horas na sala multiusos do Centro Social do Mar. O encontro, co apoio da libraría Miranda, tamén contará coa participación do escritor Ismael Ramos. 

27/09/26

Hora de ler

     Coma todos os anos, comezamos coa Hora de ler despois de asentarnos as primeiras semanas de clase. Este curso van ser vintecinco minutos diarios dedicados á lectura que imos ir rotando semanalmente de sesión. Para non esquecer este tempo de pracer lector, colocáronse nos cortizos de todas as aulas calendarios coas horas sinaladas para todo o curso escolar e teremos ademais un recordatorio polo fío musical cunha pinga sonora.



25/09/26

Xa estamos de volta!

 


     Xa estamos de volta! Estas primeiras semanas de curso estivemos dándolle voltas a algunhas ideas para renovar a biblioteca e facendo distintas tarefas de xestión: un expurgo de enciclopedias, actualizando os fondos coa compra de títulos solicitados por varios departamentos, dando de alta aos novos usuarios... Tamén formamos ao voluntariado para poder utilizar o Koha e estamos a organizar os clubs de lectura e o calendario da Hora de Ler, ademais doutras actuacións previstas no PLEA.

19/06/26

Recomendacións lectoras

     Despedímonos deste curso cunha serie de recomendacións lectoras gravadas polo alumnado na radio de Polos Creativos, que se van publicar na nova canle de iVoox Podcast IES Illa de Ons.

     Ademais de acoller os consellos lectores no programa Radio Libros Ons, este novo espazo vai publicar tamén os podcast gravados en lingua inglesa, accesibles desde o programa Off the Record.


     Agardamos que estas propostas vos acompañen durante as vacacións e vos animen a descubrir novas historias.

     Bo verán e gozade da lectura!