Foto biblioteca

Foto biblioteca

25/04/22

Contacontos en francés

     O xoves 21 de abril recibimos no noso centro a visita de Samuel Mountoumnjou, un profesor de linguas e contacontos camerunés que viu compartir con nós tres contos tradicionais africanos: O cazador e os seus tres fillos, O elefante que perdeu o seu ollo e Os catro amigos. Foi unha actividade enriquecedora e divertida na que non só ampliamos os nosos coñecementos lingüísticos senón tamén persoais xa que todas as historias que Samuel compartiu con nós agochaban importantes mensaxes sobre a moderación, a calma e a convivencia. Unha oportunidade para comunicarnos en francés e coñecer outras culturas que o noso alumnado soubo aproveitar cunha activa participación.

 
   Aínda recordo, coma se fose onte, aquelas marabillosas noites da miña infancia, en África… Os nenos e adolescentes, sentabámonos no patio da casa, en torno ao lume, baixo a luz da lúa. Mirabamos atentamente ao avó, tombado na súa cadeira de brazos de bambú, calado e  pensativo. Despois dalgún momento de meditación – que para nós parecía unha eternidade – o avó dicía, con voz profunda: “ Ahula  hula!” Satisfeitos e entusiasmados, todos contestabamos: “Ahula!” Así empezaba a noite de contos, a noite das mil e unha marabillas…

                                                                    Samuel Mountoumnjou

07/04/22

Encontro literario con Eva Mejuto

     O luns tivo lugar na biblioteca do noso centro un encontro literario dos grupos de 4º ESO con Eva Mejuto. Tras unha breve presentación do seu traballo xeral como escritora, a autora expuxo as súas motivacións para crear o relato de “Matilde”, premiado no XI Certame de Relatos de Muller Matilde Bares. Eva explicou como se desenvolveu o seu traballo de investigación sobre a figura da mestra Matilde Bares, que exerceu a docencia entre finais do século XIX e principios do XX nunha escola situada no barrio de Banda do Río na nosa localidade. 

     Durante o encontro, Eva Mejuto preguntou ao alumnado se coñecía a existencia desta muller e do seu importante labor educativo, non só no ámbito escolar senón tamén polo seu grande compromiso social, xa que polas tardes ensinaba a ler, a escribir, matemáticas básicas… aos veciños do pobo que decidían emigrar, co obxectivo de que tivesen unha formación mínima para ser capaces de saír adiante na súa nova vida. A autora animou ao alumnado a opinar e debater sobre varios temas que se tratan no libro, como a violencia silenciada que se exercía sobre as mulleres, o problema do analfabetismo, a situación social da época e a necesidade de emigrar. Tamén falou dos distintos personaxes que aparecen no libro, algúns deles reais, e a súa importancia no desenvolvemento do relato. Finalmente comentáronse as imaxes creadas por Bea Gregores para ilustrar “Matilde” e a súa importancia á hora de transmitir sentimentos utilizando distintos recursos visuais.

04/04/22

Premios do concurso de poesía e imaxe

     Hoxe tivo lugar o acto de entrega de premios aos gañadores e gañadoras do concurso O teu mundo é unha poesía. Poetizas?, organizado pola Biblioteca e a ANPA do IES Illa de Ons para conmemorar o Día da Poesía. O alumnado interesado en participar podía presentar ata un máximo de tres creacións poéticas en galego, con temática e técnica libre, baseadas ou vinculadas a unha imaxe.

     Da entrega dos agasallos fixéronse cargo María Portal, profesora de Lingua e Literatura Castelá, e Mari Nores, presidenta da ANPA; ambas membros do xurado encargado de valorar as propostas presentadas. As alumnas e alumnos premiados recibiron un diploma e vales para trocar nos distintos establecementos de Bueu adheridos á ANPA. Tamén outorgáronse mencións especiais a tres traballos poéticos que recibiron unhas caixas moi chulas de bombóns.

   Nas seguintes imaxes podedes ver as creacións gañadoras do certame. Noraboa a todas e todos os participantes.









Se os teus ollos soubesen 
Lucía Pretel (4º B)

02/04/22

Encontro literario con Sonia Mirón

    A semana pasada visitou o noso centro a escritora Sonia Mirón, autora do libro Mi corazón en una caja de zapatos. O alumnado de 3º ESO asistiu a este encontro, no que a autora explicou distintos aspectos desta obra e das súas outras novelas xuvenís, Si tú quieres y Un corazón dentro de mí. 

    Os rapaces e rapazas que leron neste trimestre Mi corazón en una caja de zapatos fixéronlle distintas preguntas sobre o seu traballo como escritora, como cando empezou e escribir e que lle animou a facelo, en que ou quen se inspira para crear as historias e os personaxes, canto tempo lle leva escribir unha novela, se está a traballar xa na súa seguinte obra...