Foto biblioteca

Foto biblioteca

24/06/22

Premios “Tes un minuto?”

    O pasado martes 21 de xuño tivo lugar, no Centro Social do Mar de Bueu, o acto de entrega de premios do certame de vídeos “Tes un minuto?”, organizado polo Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro e coa colaboración da ANPA.

    A este evento, no que participou toda a comunidade educativa do IES Illa de Ons, foron invitados Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Manuel Pena, director do Festival Internacional de Curtametraxes FIC Bueu. O acto comezou coa lectura do poema de Manuel María “A fala” por parte do alumnado e profesorado.

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

     A continuación fíxose entrega dos premios ás mellores creacións audiovisuais. Na categoría de vídeo titorial a gañadora foi Mariña Fernández, na de vídeo familiar, Pablo Loira, na de vídeo documental, Román Parada, o máis creativo foi o vídeo musical “Tola tras de ti” dun grupo de alumnos e alumnas de 3° ESO B, e na categoría de mellor vídeo á promoción da igualdade o gañador foi Pedro Costas. Tamén foron entregados dous galardóns a series de vídeos; o accésit foi para o vídeo sobre o tempo, de Antía Riobó e Saray Santomé, e as gañadoras do primeiro premio foron Daniela, Catalina e Mariña cos tres vídeos de un minuto explicando como facer o cacho de San Xoán. Fóra das categorías temáticas entregáronse os premios aos mellores vídeos, o primeiro recibiuno Cristian Verde, o segundo, Manuel Soliño, o terceiro, Xavi Martínez, o cuarto, Daniela Otero e o quinto, Alba Gallego.

     A gala contou con varias interpretacións musicais, nas que participaron alumnas e alumnos dos distintos cursos, e rematou cunha actuación na que alumnado, profesorado, persoal non docente e ANPA bailaron en prol da diversidade e o respecto a ritmo de Tanxugueiras co seu “Pano corado”.

13/06/22

Fitofaladoiro Ons


     Durante este curso o noso centro participou no proxecto Fitofaladoiro Ons, incluído dentro do Plan Proxecta, cuxo obxectivo principal consistiu en facer unha labor de investigación sobre o tipo de vexetación da nosa contorna máis próxima. O ámbito familiar e veciñal foi unha das principais fontes de información acerca dos nomes e diferentes usos das plantas, que os propios rapaces e rapazas rexistraron nun herbario. A concienciación da importancia de preservar o noso patrimonio e do proveito da memoria colectiva así como o fomento do uso do galego, foron outros dos obxectivos que promoveron as actividades incluídas no proxecto. 

     Na web do FITOFALADOIRO ONS recóllense os resultados deste traballo no que, ademais da Biblioteca, participaron os departamentos de Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química, Lingua e Literatura Galega, Educación Física e Debuxo.

11/06/22

Poemas con preposicións

     As preposicións son palabras que serven de enlace dunhas unidades gramaticais con outras. Poñendo como exemplo este poema de Cristóbal Malló Ferrer, a profesora Amalia Graña propuxo ao alumnado de 4º a creación de poemas utilizando preposicións no inicio de cada verso.

Ó vento. 
Ante o mar. 
Baixo a terra. 
Cabe o sol. 
Coa lúa. 
Contra o tempo. 
Desde o día. 
Na luz. 
Entre a néboa. 
Cara a Deus. 
Ata a morte. 
Polo amor.
Para o amor. 
Segundo o desexo. 
So os bicos. 
Sobre os ósos. 
Tralos teus ollos.

Amosamos a continuación unha selección dos poemas creados.






02/06/22

Tes un minuto?

 


     Lembramos ao noso alumnado que o prazo de entrega dos vídeos para o proxecto “Tes un minuto?” foi ampliado ata o día 15 de xuño.