Foto biblioteca

Foto biblioteca

24/06/22

Premios “Tes un minuto?”

    O pasado martes 21 de xuño tivo lugar, no Centro Social do Mar de Bueu, o acto de entrega de premios do certame de vídeos “Tes un minuto?”, organizado polo Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro e coa colaboración da ANPA.

    A este evento, no que participou toda a comunidade educativa do IES Illa de Ons, foron invitados Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Manuel Pena, director do Festival Internacional de Curtametraxes FIC Bueu. O acto comezou coa lectura do poema de Manuel María “A fala” por parte do alumnado e profesorado.

O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.

O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.

O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.

O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.

O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.

O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!

O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.

Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!

     A continuación fíxose entrega dos premios ás mellores creacións audiovisuais. Na categoría de vídeo titorial a gañadora foi Mariña Fernández, na de vídeo familiar, Pablo Loira, na de vídeo documental, Román Parada, o máis creativo foi o vídeo musical “Tola tras de ti” dun grupo de alumnos e alumnas de 3° ESO B, e na categoría de mellor vídeo á promoción da igualdade o gañador foi Pedro Costas. Tamén foron entregados dous galardóns a series de vídeos; o accésit foi para o vídeo sobre o tempo, de Antía Riobó e Saray Santomé, e as gañadoras do primeiro premio foron Daniela, Catalina e Mariña cos tres vídeos de un minuto explicando como facer o cacho de San Xoán. Fóra das categorías temáticas entregáronse os premios aos mellores vídeos, o primeiro recibiuno Cristian Verde, o segundo, Manuel Soliño, o terceiro, Xavi Martínez, o cuarto, Daniela Otero e o quinto, Alba Gallego.

     A gala contou con varias interpretacións musicais, nas que participaron alumnas e alumnos dos distintos cursos, e rematou cunha actuación na que alumnado, profesorado, persoal non docente e ANPA bailaron en prol da diversidade e o respecto a ritmo de Tanxugueiras co seu “Pano corado”.

Ningún comentario: