Foto biblioteca

Foto biblioteca

23/02/22

23 de febreiro. Día de Rosalía

Ilustración de Viki Rivadulla

Este ano 2022 marca un fito no calendario rosaliano: o recente descubrimento, por parte da investigadora Sagrario Abelleira, do expediente matrimonial de Rosalía de Castro con Manuel Murguía, atopado no Arquivo Diocesano de Madrid, que permitía fixar definitivamente o día 23 de febreiro de 1837 como a verdadeira data de nacemento da escritora.


En realidade, xa existían moitos indicios de que este sería o verdadeiro día do nacemento de Rosalía. A anterior data (24 de febreiro) dábase por boa en virtude da única proba documental acreditada que existía até o momento, a partida bautismal da autora, mais xa Murguía, no seu Diccionario de escritores gallegos, escribía que Rosalía nacera en Santiago o 23 de febreiro de 1837.


Fonte: ‘Nós Diario’



Vídeo: 

Retratos creados por distintos artistas plásticos.

Música de Guadi Galego interpretando o poema “Tecín soia a miña tea”.


Tecín soia a miña tea,

sembrei soia o meu nabal,

soia vou por leña ó monte,

soia a vexo arder no lar.


Nin na fonte nin no prado,

así morra coa carrax,

el non ha de virm'a erguer,

el xa non me pousará.


¡Que tristeza! O vento soa,

canta o grilo ó seu compás...

Ferve o pote... mais, meu caldo,

soíña t'hei de cear.


Cala, rula, os teus arrulos

ganas de morrer me dan;

cala, grilo, que si cantas,

sinto negras soïdás.


O meu homiño perdeuse,

ninguén sabe en onde vai...

Anduriña que pasache

con el as ondas do mar;

anduriña, voa, voa,

ven e dime ond'está.


Rosalía de Castro: Follas Novas.

21/02/22

Concurso de poesía e imaxe

 
Ao longo da historia atopamos numerosos exemplos de representacións que xogan co texto e coa imaxe, pero é no século XIX, coas vangardas europeas, cando o caligrama convértese nun xénero específico da literatura. Un caligrama é unha representación gráfica a partir dun escrito, en moitas ocasións poético, na que as palabras dispóñense sobre o papel coa intención de representar o seu contido. 
A poesía visual vai máis aló do caligrama, xoga coas palabras pero tamén con imaxes debuxadas, fotografías, obxectos… apreciándose coma se fose un cadro, unha escultura ou calquera outra obra de carácter artístico. 

Para conmemorar o Día da Poesía, a Biblioteca e a ANPA do IES Illa de Ons propoñen ao alumnado do centro a participación no concurso de poesía e imaxe O teu mundo é unha poesía. Poetizas?, no que poderán presentarse creacións poéticas en galego, baseadas ou vinculadas a unha imaxe. Esta pode funcionar como elemento inspirador, como parte do poema, como poema en si mesmo…


BASES:


  1. Admítense obras en calquera tipo de soporte e técnica: papel, tea, colaxe, fotografía, creación dixital, audiovisual, performance, escultura…

  2. A temática é libre e cada alumno/a poderá presentar un máximo de tres obras.

  3. As creacións, escritas en lingua galega, deberán ser inéditas e entregaranse, antes do 16 de marzo de 2022, na biblioteca do centro. As obras deberán identificarse cun pseudónimo e con elas, nun sobre pechado co mesmo pseudónimo escrito no exterior, incluiranse os seguintes datos: título da obra, nome, apelidos e curso do/a autor/a.  

  4. O xurado estará constituído por persoal docente e non docente do IES Illa de Ons, algún membro da ANPA e por unha persoa relacionada co mundo da arte e da literatura.

  5. O fallo do xurado farase público o día 21 de Marzo, Día da Poesía, nun acto organizado na biblioteca do centro durante a hora do recreo. As obras finalistas serán expostas no centro e difundidas por distintos medios.

  6. Os traballos premiados recibirán cheques para trocar en distintos establecementos de Bueu. Outorgaranse tres premios por cada nivel educativo. De non contar co nivel axeitado, o xurado resérvase o dereito a deixar deserto algún premio.

  7. O feito de concursar neste certame implica a aceptación destas bases por parte do/a participante.

14/02/22

Día Mundial da Radio

 
    Para celebrar o 13 de febreiro, Día Mundial da Radio 2022, o noso centro colaborou con Ponte... nas Ondas! achegando as creacións audiovisuais #SonMonte realizadas cos grupos de 1º ESO o curso pasado. Na súa web podedes ver o programa que elaboraron con este e outros traballos de distintos centros educativos de Galicia e norte de Portugal. 
 
 
     PNO! é unha Asociación Cultural e Pedagóxica que realiza actividades educativas e culturais en Galicia e o norte de Portugal. Entre os fins da asociación están a promoción de actividades culturais e pedagóxicas así como a promoción da identidade común dos dous pobos dentro dunha perspectiva xeral de integración europea e do mundo lusófono.

10/02/22

SÓS

     O alumnado de 4º ESO estivo a traballar, na materia de Lingua e Literatura Galega, arredor de distintos autores das vangardas. Unha das actividades que se lles propuxo foi a elaboración dunha creación audiovisual sobre a obra poética de Manuel Antonio. 

     A continuación podedes ver exemplos dalgúns dos traballos baseados no poema Sós, incluído no libro De catro a catro. Follas sin data d'un diario d'abordo.




04/02/22

Obradoiro de banda deseñada

     Hoxe inaugurouse, na entrada do noso centro, unha exposición cos resultados do obradoiro de banda deseñada, realizado nos grupos de 3º ESO na materia de Lingua e Literatura Galega. A continuación podedes ver o listado de autores e autoras e unha selección de imaxes.