Foto biblioteca

Foto biblioteca

11/04/26

Semana da Poesía

    As pasadas semanas celebramos o Día da Poesía baixo lema “Poesía eres tú”Entre outras actividades organizamos un recital poético colectivo no que as voces do alumnado, profesorado e persoal non docente do noso centro, acompañadas de música en directo, deron vida a textos de autores e autoras contemporáneos como Fran Pintadera, Sara Búho, Javier García Rodríguez, Montse Villar ou Manu Erena, entre outros. Un dos momentos máis especiais foi a homenaxe a Montse Villar, antiga compañeira do noso centro, á que o profesorado dedicou unha parte do recital cunha selección dos seus poemas.

    Outra das actividades programadas foi un encontro literario con Defreds, quen compartiu co alumnado a súa experiencia como escritor, falando do seu percorrido, das súas inspiracións e do proceso creativo. Na celebración tamén houbo espazo para a creación, a propia Montse Villar impartiu un obradoiro de creación poética no que o alumnado puido explorar a súa voz interior e experimentar coa linguaxe poética. Pola súa banda, Marisé Barreiro guiou un obradoiro de escritura expresiva, no que se traballaron emocións, lembranzas e vivencias persoais como punto de partida para a escrita.

     Como remate destas xornadas tivemos a sorte de contar cun obradoiro de Hip-Hop, impartido polo artista García MC, no que o alumnado traballou a rima, o ritmo e a composición de letras de rap, descubrindo novas formas de expresión poética máis próximas ao seu día a día.

24/03/26

Poesía eres tú

     Estes días o IES Illa de Ons estivo a organizar a Semana da Poesía baixo o lema Poesía eres tú, unha proposta que pretende achegar o alumnado ao xénero poético. Desde as materias de linguas os rapaces e rapazas implicáronse na elaboración de videopoemas e na creación de caligramas a partir de textos poéticos. Esta programación completarase cun recital musicado, no que fusionaremos poesía e música, contando coa participación de alumnado, profesorado e persoal non docente.

      Remataremos a semana cunha serie de encontros literarios e obradoiros creativos nos que distintas autoras e autores compartirán as súas experiencias e o alumnado poderá experimentar con diferentes recursos estilísticos e explorar a súa propia voz.

22/03/26

Videopoemas

    O alumnado de 3º da ESO, na materia de Lingua e Literatura Galega, mergullouse as pasadas semanas nunha actividade de creación de videopoemas, unha proposta que combina poesía e linguaxe audiovisual. 

    A partir dun texto literario escollido libremente, cada estudante creou unha peza propia na que incluíu un texto escrito, imaxes e elementos sonoros como o recitado e a música. Ademais, traballouse a importancia de non só sumar estes elementos, senón de integralos de maneira coherente para transmitir unha mensaxe clara. O resultado final amosa unha forma de achegarse á poesía desde unha perspectiva creativa e audiovisual.

Sara Torres

Leire Fernández

Laura Agulla

Raúl Aguete

Mateo Parada

Óliver Menduíña

Mara Martínez

Mauro Curra

Aitor Álvarez

17/03/26

Día do Cómic


    O 17 de marzo conmemórase o Día do Cómic en homenaxe ao inicio da publicación da lendaria revista TBO, que deu nome ao fenómeno de lectura de banda deseñada en España. Na biblioteca do noso centro queremos celebrar esta data cunha proposta creativa para todo o alumnado, un concurso de debuxo de personaxes literarios levándoos ao estilo cómic.

    Os deseños gañadores converteranse en marcapáxinas imantados para agasallar no Día do Libro.

  • Prazo de entrega: 6 de abril

  • Lugar: Biblioteca do centro

  • Formato: Debuxo en papel (recomendado A5)

  • Técnica: Libre

Anímate a participar!!!

12/03/26

Diarios de lectura



     No noso centro educativo estamos a impulsar unha iniciativa para fomentar o gusto pola lectura a través dun diario de lectura. Nel, o alumnado non só recolle a sinopse dos libros que vai lendo, senón que tamén anota reflexións persoais, pensamentos que lles xorden a partir da historia, citas que lles resultaron especialmente significativas e outros detalles que lles axudan a conectar coa lectura dun xeito máis profundo. Este proceso converte cada libro nunha experiencia máis consciente e persoal, favorecendo a comprensión lectora, o pensamento crítico e a expresión escrita.

04/03/26

XXVII Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

    A XXVII edición do Salón do Libro de Pontevedra celebrarase do 6 ao 22 de marzo no Pazo da Cultura baixo o lema “Que non pare a música”, cunha programación centrada na música e con Palestina como país convidado.

     A programación inclúe encontros lectores para persoas adultas, actividades para bebés, obradoiros creativos (cociña, bordado e outras propostas artísticas) e concertos de artistas como De Ninghures, Mondra ou Sés.

     Entre as novidades desta edición destaca o Orbilfest, un festival musical arredor da mascota do Salón que se celebrará o sábado 14 de marzo en sesión continua de mañá e tarde. 

01/03/26

Microrrelatos

     O alumnado de 1º ESO elaborou, na materia de Lingua Galega e Literatura, unha serie de microrrelatos como parte dunha práctica de escritura creativa na aula.

O reloxo detívose. Ninguén notou o silencio excepto el.
 
Noa

 

Espertou aliviado, pero o pesadelo seguía ao seu lado.
Noa

 
Había moita tensión na casa. Mamá achegábase ameazante. Íame matar! E… gañou ela a partida de parchís. 
Mara

 

Dous puntos estaban saíndo. Ninguén sabe quen puxo final a esa historia. 
Mara

 

Estaba buscando unha letra, pero non aparecía na sopa.
Ainhoa

  

CONVERSA DE PEIXES
- Onte empecei a ensinar a nadar a meu fillo.
- E como lle foi?
- Nada mal.
- Oh, que mal!
- Nada ben! 
- Entón nada ben ou mal?
Clara G. 

BUCLE
PROFESORA: Carla, vai ler.
CARLA: Leo?
LEO: Ah, vale, leo agora.
PROFESORA: Pero se está todo moi claro, a resposta á Clara.
CLARA: Leo eu?

Clara G.


Había unha vez un compás que facía cadrados.
Clara G.
 
NO PSICÓLOGO
“Sinto que me estou partindo en anacos e que todo o mundo me usa”. Dixo unha goma de borrar na consulta.
Clara G. 

 

CONTO
- Unhas tesoiras e unha tea querían casar.
- E casaron?
- Non, a súa relación non funcionaba. 
Carla G.

Eu odiaba tanto os meus problemas que, ao final… suspendín matemáticas. 
Xoel
 
Unha vez vin que un xardineiro choraba e choraba. Cando lle preguntei díxome: “É que me deixaron plantado!”.
Xoel

 

Era un gran futbolista, un crack. E iso foi o que arruinou a súa carreira.
Xoel 

Mirou o reloxo. Eran as doce. Suspirou e pensou que xa non podía facer nada máis. 
Clara
 
Nunca pensou que iso pasaría. Os números coincidían. De repente todos os soños pareceron posibles.

Clara

 

Pediu un desexo ao ver unha estrela fugaz. “Quero paz no mundo”, dixo ela. Ao rematar de pronunciar estas palabras, disparáronlle. 
O que non soubo foi que despois diso non houbo guerras nin inxustizas.
Aixa

 

Un reloxo dixital quedou sen batería e o analóxico riuse del.
Daniel

A Lúa dille ao Sol: “Tan maior e non che deixan saír de noite!”

Daniel

28/02/26

"D'aquelas que cantan..."

 O pasado 23 de febreiro o noso alumnado de 3º e 4º ESO participou nun acto en Cangas para celebrar o Día de Rosalía xunto co IES Monte Carrasco e o IES de Rodeira. Durante o evento, que tivo lugar nos Xardíns de Félix Soage, os rapaces e rapazas dos distintos centros leron manifestos e recitaron distintos poemas da autora. A A.C. Son de Nós tocou o "Himno Galego", a "Muiñeira das milladas", a "Xota de Ordes" e "Alborada de Rosalía" e tamén houbo actuacións corais a cargo do IES Monte Carrasco e do noso centro que interpretaron"Airiños aires" e "Les Miserables".


MANIFESTO

Nos “novos séculos escuros” que estamos vivindo, reivindicar a Rosalía e a súa loita polo noso idioma, pola nosa cultura, é un acto revolucionario.  

Hoxe estamos aquí para recordala, pero tamén para berrar forte no noso idioma. Na nosa lingua. 

Rosalía escribía: “Eu canto, miña terra, na lingua galega”.  

Esta frase non é só poesía, é unha declaración, porque cada vez que falamos galego non estamos falando só por nós, estamos falando polos que viñeron antes, polos que non puideron, polos que foron silenciados. 

Porque, como diría Castelao, “...se aínda somo galegos é por obra e gracia do idioma”.  

Pondal tamén deixou unha ferida aberta, unha pregunta que aínda hoxe doe: “¿Qué din os rumorosos na costa verdecente...?” 

E hoxe respondemos nós:  

Din que seguimos aquí, din que seguimos falando, din que seguimos resistindo.

Collamos exemplo de Celso Emilio Ferreiro e berremos xuntas: “Lingua proletaria do meu pobo, eu fáloa porque sí, porque me gusta, porque me peta e quero e dame a gaña porque me sai de dentro, alá do fondo”

Unha cultura non se defende destruíndo outra. Deféndese facendo espazo.
Espazo seguro no que poder falar e ser na nosa lingua. 

Hoxe, nós, como estudantes, como xente nova, queremos tamén reivindicar un mundo onde caiban as linguas pequenas e as grandes, as persoas que naceron aquí e as que chegaron despois, os acentos diferentes, as historias distintas, as identidades diferentes. 

Porque cando unha persoa é expulsada, humillada ou silenciada, non perde só esa persoa, perdemos todxs. 

E aquí é onde Rosalía volve falar por nós. 

Porque Rosalía non só escribía, Rosalía reivindicaba porque ela tamén sabía o que era que te mirasen por riba do ombro, que te silenciaran e humillaran.
E por iso ela escribiu: “aquelas que cantan, que choren”. 

E nós hoxe dicimos; As que cantan, que non calen. As que choran, que non se escondan. E os que escoitan, que se levanten. 

Si, que se levanten e levantémonos tamén polo que está a suceder no noso redor.
Levantémonos polo que está a suceder nos Estados Unidos. Polo que sucede alí, pero tamén aquí. Porque hai políticas e discursos que queren converter a diversidade nun inimigo. 

Desde cando a diversidade é un problema? 

Desde cando as linguas son un problema? 

Desde cando as persoas son un problema?

Cantas veces sinalan ás persoas migrantes como se fosen unha ameaza, usando o medo e a forza para romper familias.
Queren controlar quen pode quedar e quen ten que marchar. 

E nós non podemos mirar para outro lado. 

Porque hoxe é alí pero mañá pode ser aquí.

Porque cando se ataca unha cultura, unha lingua, unha persoa diferente... o mundo faise máis pequeno, máis salvaxe, menos humano. 

E como dixo Bad Bunny:
“No somos salvajes, no somos animales, somos humanos” e tamén deixou claro que
“Lo único más poderoso que el odio es el amor” 

Ninguén debería ter que pedir perdón por ser quen é, por falar como fala, por vir de onde vén. 

Por iso hoxe, desde Galicia, desde Cangas, facemos unha promesa: 
Que non imos deixar que nos rouben a lingua. 
Que non imos deixar que nos rouben a diversidade. 
Que non imos deixar que nos rouben a humanidade.

E rematamos cos nosos lemas, para que se escoiten forte: 

Sen lingua non hai pobo!   
A diversidade non se deporta!
Galego vivo, pobo unido! 
Ningunha persoa é ilegal! 
Non hai fronteiras 

24/02/26

Encontro literario con Sonia Mirón


    O alumnado de 2º da ESO participou onte nun encontro literario coa escritora Sonia Mirón, autora da novela xuvenil Mi corazón en una caja de zapatos, obra que leron e traballaron na aula durante as últimas semanas. 

    Sonia falou sobre o proceso de creación desta obra e os sentimentos e conflitos que viven os seus personaxes, pero tamén das súas outras novelas e da súa traxectoria como escritora. Destacou que o seu labor como docente inflúe directamente na súa obra, xa que o contacto diario coa mocidade lle permite coñecer de primeira man as preocupacións e situacións que forman parte da súa realidade. Os temas que afectan á adolescencia como a autoestima, as relacións persoais, os conflitos familiares ou o acoso escolar convértense así en fonte de inspiración para crear personaxes e historias coas que os lectores e lectoras poden sentirse identificados.

    O alumnado tivo ocasión de facer preguntas sobre o oficio de escribir, os seus hábitos de lectura ou os seus referentes literarios e a autora respondeu animando aos mozos e mozas a ler, a escribir e a expresar as súas emocións a través das palabras.

18/02/26

Día de Rosalía

      Este ano o Día de Rosalía celebrarémolo participando nun acto organizado no concello de Cangas xunto con outros centros educativos da contorna. Agardámosvos o 23 de febreiro!


15/02/26

Día da Muller e a Nena na Ciencia

    Con motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o alumnado de 1º e 2º da ESO participou nunha actividade artístico-científica na que colaboraron os departamentos de Tecnoloxía, Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía e Debuxo. A proposta consistiu na representación de distintas mulleres científicas, ilustrándoas con elementos simbólicos relacionados co seu labor e empregando técnicas e materiais variados. Coas imaxes creadas montouse unha exposición sobre as portas e paredes do corredor das aulas de 1º e 2º ESO. Os nomes identificativos de cada científica foron elaborados en goma EVA coa cortadora láser da aula de Polos Creativos, integrando así tamén o traballo co deseño e a fabricación dixital.

     As mulleres representadas foron: Marie Curie, con distintos elementos propios dun laboratorio; Ángeles Alvariño, representada debaixo do mar rodeada de plancto e elementos mariños; Dorothy Crowfoot Hodgkin, xunto á estrutura molecular da penicilina; Mary Agnes Chase, cun caderno de campo con ilustracións de especies vexetais e referencias ás gramíneas; Ellen Swallow Richards, representada con elementos relacionados coa auga e o medio ambiente e o edificio do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts; Gerty Cori, acompañada do ciclo metabólico que leva o seu nome; Jane Goodall, xunto cun pequeno chimpancé e rodeada de vexetación propia de selvas tropicais; Mae Jemison, ilustrada no espacio e rodeada de distintos planetas; Asima Chatterjee, rodeada de caixas de fármacos polos seus avances en tratamentos contra a malaria e o cancro; Ángela Ruiz Robles, acompañada de referencias á Enciclopedia Mecánica, precursora do libro electrónico; Katherine Johnson, simbolizada con planetas e estrelas polas súas achegas ás misións espaciais da NASA; Hedy Lamarr, representada con ondas e sistemas de comunicación; Marie Maynard Daly, cunha ratiña de laboratorio e un corazón como icona de saúde cardiovascular; Ada Lovelace, simbolizada con algoritmos e engrenaxes e Jeanne Baret, representada cunha buganvílea, planta descuberta por ela nunha das súas expedicións polo mundo en barco.

     A actividade permitiu unir creatividade e coñecemento científico, visibilizando o papel fundamental das mulleres na historia da ciencia e fomentando referentes femininos entre o alumnado.

02/02/26

Concurso de microrrelatos

 "Abondan moi poucas palabras para dicir moito. Para expresar medos e alegrías, para compartir arelas e contar o que nos mexe o corazón, no íntimo ou no colectivo. Para narrar os grandes temas da vida, da literatura universal. Acadar a máxima expresión no mínimo número de palabras é toda unha arte da escritura."

   A Real Academia Galega e PuntoGal promoven a novena edición do Concurso de microrrelatos, dirixido a persoas de todas as idades. Cada participante poderá concorrer con ata dúas historias dun máximo de 200 palabras na categoría que lle corresponda: infantil (ata 11 anos), xuvenil (de 12 a 17 anos) e adultos (a partir dos 18 anos). 

     Todos os detalles da convocatoria poden consultarse en relatos.gal onde está habilitado o formulario para presentar os textos ata o 28 de febreiro.

     Animamos a toda a comunidade educativa a participar nesta proposta!

31/01/26

Desexos de paz

 

    Para conmemorar o Día da Paz e a Non Violencia, a semana pasada gravamos na biblioteca un vídeo no que o alumnado de 1º e 3º participou expresando os seus desexos, reflexións e mensaxes en favor da paz e en contra dos conflitos que existen no mundo.

     Cada alumno e alumna escribiu na materia de Lingua Galega un desexo pola paz e achegou a súa voz a esta proposta que reflicte a súa ilusión de vivir nun mundo máis xusto, pacífico e respectuoso.



O vídeo elaborado proxectámolo na entrada do centro durante o recreo do pasado venres.

21/01/26

Obradoiro de escritura expresiva

     O alumnado de 1º da ESO participou nun obradoiro de iniciación á escritura expresiva, dirixido por Marisé Barreiro e promovido pola biblioteca en colaboración co departamento de Lingua Castelá. Nas distintas sesións achegámonos á escrita desde unha perspectiva diferente á habitual, entendéndoa como un espazo de liberdade no que plasmar a nosa propia experiencia sen a preocupación inmediata pola ortografía, a gramática ou o estilo.

     O obxectivo principal da actividade foi descubrir que a escritura vai máis aló do ámbito académico e pode converterse nunha ferramenta de diálogo con nós mesmos, que nos axuda a coñecernos mellor mediante esta práctica persoal e reflexiva.

15/01/26

Torneo de xadrez

 partir do día 2 de febreiro celebraremos durante os recreos dos mércores un torneo de xadrez na biblioteca. O alumnado, profesorado e persoal non docente interesado en participar, pode pasar pola biblioteca para inscribirse.