Foto biblioteca

Foto biblioteca

16/05/26

Letras Galegas 26

    Un ano máis celebramos as Letras Galegas no IES Illa de Ons cunha serie de actividades arredor da figura homenaxeada, nesta ocasión a xornalista e escritora Begoña Caamaño.

     Na entrada do centro organizouse unha exposición cos carteis gañadores no certame anual proposto pola Xunta, elaborados polo alumnado do IES Castelao de Vigo, e rodeados este ano de certa polémica polo que os autores consideran un acto de censura nun dos seus carteis por parte da Secretaría Xeral da Lingua. “De Circe a Morgana” é unha mostra que nos achega á vida, á obra e ao contexto histórico e cultural da escritora e xornalista galega. A exposición complétase coa guía didáctica sobre a autora, tamén elaborada por este centro educativo, que serve de apoio para coñecer mellor o legado de Begoña Caamaño.

     Ademais, a biblioteca ampliou os seus fondos con dúas publicacións arredor da autora: Begoña ou o pracer da amizade, de Beatriz Maceda, e Os fíos de Begoña, de Eva Mejuto, dúas lecturas moi recomendables para afondar tanto na súa traxectoria literaria como na súa dimensión humana.

     Por outra banda, as “Pingas Musicais” desta semana para os intercambios de clase tiveron un marcado selo galego. Ao longo destes días soaron artistas como Dios Ke Te Crew, Ses, García MC ou Mondra, achegando ao alumnado diferentes estilos e voces da música actual en galego.

     E precisamente falando de Mondra, temos a sorte de contar coa súa presenza no noso centro a vindeira semana nunha actividade organizada para gozar da música, da creación contemporánea e da lingua galega en directo. Estamos desexando que chegue o día!

Ningún comentario: