Foto biblioteca

Foto biblioteca

24/03/26

Poesía eres tú

     Estes días o IES Illa de Ons estivo a organizar a Semana da Poesía baixo o lema Poesía eres tú, unha proposta que pretende achegar o alumnado ao xénero poético. Desde as materias de linguas os rapaces e rapazas implicáronse na elaboración de videopoemas e na creación de caligramas a partir de textos poéticos. Esta programación completarase cun recital musicado, no que fusionaremos poesía e música, contando coa participación de alumnado, profesorado e persoal non docente.

      Remataremos a semana cunha serie de encontros literarios e obradoiros creativos nos que distintas autoras e autores compartirán as súas experiencias e o alumnado poderá experimentar con diferentes recursos estilísticos e explorar a súa propia voz.

22/03/26

Videopoemas

    O alumnado de 3º da ESO, na materia de Lingua e Literatura Galega, mergullouse as pasadas semanas nunha actividade de creación de videopoemas, unha proposta que combina poesía e linguaxe audiovisual. 

    A partir dun texto literario escollido libremente, cada estudante creou unha peza propia na que incluíu un texto escrito, imaxes e elementos sonoros como o recitado e a música. Ademais, traballouse a importancia de non só sumar estes elementos, senón de integralos de maneira coherente para transmitir unha mensaxe clara. O resultado final amosa unha forma de achegarse á poesía desde unha perspectiva creativa e audiovisual.

Sara Torres

Leire Fernández

Laura Agulla

Raúl Aguete

Mateo Parada

Óliver Menduíña

Mara Martínez

Mauro Curra

Aitor Álvarez

17/03/26

Día do Cómic


    O 17 de marzo conmemórase o Día do Cómic en homenaxe ao inicio da publicación da lendaria revista TBO, que deu nome ao fenómeno de lectura de banda deseñada en España. Na biblioteca do noso centro queremos celebrar esta data cunha proposta creativa para todo o alumnado, un concurso de debuxo de personaxes literarios levándoos ao estilo cómic.

    Os deseños gañadores converteranse en marcapáxinas imantados para agasallar no Día do Libro.

  • Prazo de entrega: 6 de abril

  • Lugar: Biblioteca do centro

  • Formato: Debuxo en papel (recomendado A5)

  • Técnica: Libre

Anímate a participar!!!

12/03/26

Diarios de lectura



     No noso centro educativo estamos a impulsar unha iniciativa para fomentar o gusto pola lectura a través dun diario de lectura. Nel, o alumnado non só recolle a sinopse dos libros que vai lendo, senón que tamén anota reflexións persoais, pensamentos que lles xorden a partir da historia, citas que lles resultaron especialmente significativas e outros detalles que lles axudan a conectar coa lectura dun xeito máis profundo. Este proceso converte cada libro nunha experiencia máis consciente e persoal, favorecendo a comprensión lectora, o pensamento crítico e a expresión escrita.

04/03/26

XXVII Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

    A XXVII edición do Salón do Libro de Pontevedra celebrarase do 6 ao 22 de marzo no Pazo da Cultura baixo o lema “Que non pare a música”, cunha programación centrada na música e con Palestina como país convidado.

     A programación inclúe encontros lectores para persoas adultas, actividades para bebés, obradoiros creativos (cociña, bordado e outras propostas artísticas) e concertos de artistas como De Ninghures, Mondra ou Sés.

     Entre as novidades desta edición destaca o Orbilfest, un festival musical arredor da mascota do Salón que se celebrará o sábado 14 de marzo en sesión continua de mañá e tarde. 

01/03/26

Microrrelatos

     O alumnado de 1º ESO elaborou, na materia de Lingua Galega e Literatura, unha serie de microrrelatos como parte dunha práctica de escritura creativa na aula.

O reloxo detívose. Ninguén notou o silencio excepto el.
 
Noa

 

Espertou aliviado, pero o pesadelo seguía ao seu lado.
Noa

 
Había moita tensión na casa. Mamá achegábase ameazante. Íame matar! E… gañou ela a partida de parchís. 
Mara

 

Dous puntos estaban saíndo. Ninguén sabe quen puxo final a esa historia. 
Mara

 

Estaba buscando unha letra, pero non aparecía na sopa.
Ainhoa

  

CONVERSA DE PEIXES
- Onte empecei a ensinar a nadar a meu fillo.
- E como lle foi?
- Nada mal.
- Oh, que mal!
- Nada ben! 
- Entón nada ben ou mal?
Clara G. 

BUCLE
PROFESORA: Carla, vai ler.
CARLA: Leo?
LEO: Ah, vale, leo agora.
PROFESORA: Pero se está todo moi claro, a resposta á Clara.
CLARA: Leo eu?

Clara G.


Había unha vez un compás que facía cadrados.
Clara G.
 
NO PSICÓLOGO
“Sinto que me estou partindo en anacos e que todo o mundo me usa”. Dixo unha goma de borrar na consulta.
Clara G. 

 

CONTO
- Unhas tesoiras e unha tea querían casar.
- E casaron?
- Non, a súa relación non funcionaba. 
Carla G.

Eu odiaba tanto os meus problemas que, ao final… suspendín matemáticas. 
Xoel
 
Unha vez vin que un xardineiro choraba e choraba. Cando lle preguntei díxome: “É que me deixaron plantado!”.
Xoel

 

Era un gran futbolista, un crack. E iso foi o que arruinou a súa carreira.
Xoel 

Mirou o reloxo. Eran as doce. Suspirou e pensou que xa non podía facer nada máis. 
Clara
 
Nunca pensou que iso pasaría. Os números coincidían. De repente todos os soños pareceron posibles.

Clara

 

Pediu un desexo ao ver unha estrela fugaz. “Quero paz no mundo”, dixo ela. Ao rematar de pronunciar estas palabras, disparáronlle. 
O que non soubo foi que despois diso non houbo guerras nin inxustizas.
Aixa

 

Un reloxo dixital quedou sen batería e o analóxico riuse del.
Daniel

A Lúa dille ao Sol: “Tan maior e non che deixan saír de noite!”

Daniel