O pasado 23 de febreiro o noso alumnado de 3º e 4º ESO participou nun acto en Cangas para celebrar o Día de Rosalía xunto co IES Monte Carrasco e o IES de Rodeira. Durante o evento, que tivo lugar nos Xardíns de Félix Soage, os rapaces e rapazas dos distintos centros leron manifestos e recitaron distintos poemas da autora. A A.C. Son de Nós tocou o "Himno Galego", a "Muiñeira das milladas", a "Xota de Ordes" e "Alborada de Rosalía" e tamén houbo actuacións corais a cargo do IES Monte Carrasco e do noso centro que interpretaron"Airiños aires" e "Les Miserables".
MANIFESTO
Nos “novos séculos escuros” que estamos vivindo, reivindicar a Rosalía e a súa loita polo noso idioma, pola nosa cultura, é un acto revolucionario.
Hoxe estamos aquí para recordala, pero tamén para berrar forte no noso idioma. Na nosa lingua.
Rosalía escribía: “Eu canto, miña terra, na lingua galega”.
Esta frase non é só poesía, é unha declaración, porque cada vez que falamos galego non estamos falando só por nós, estamos falando polos que viñeron antes, polos que non puideron, polos que foron silenciados.
Porque, como diría Castelao, “...se aínda somo galegos é por obra e gracia do idioma”.
Pondal tamén deixou unha ferida aberta, unha pregunta que aínda hoxe doe: “¿Qué din os rumorosos na costa verdecente...?”
E hoxe respondemos nós:
Din que seguimos aquí, din que seguimos falando, din que seguimos resistindo.
Collamos exemplo de Celso Emilio Ferreiro e berremos xuntas: “Lingua proletaria do meu pobo, eu fáloa porque sí, porque me gusta, porque me peta e quero e dame a gaña porque me sai de dentro, alá do fondo”Unha cultura non se defende destruíndo outra. Deféndese facendo espazo.Espazo seguro no que poder falar e ser na nosa lingua.
Hoxe, nós, como estudantes, como xente nova, queremos tamén reivindicar un mundo onde caiban as linguas pequenas e as grandes, as persoas que naceron aquí e as que chegaron despois, os acentos diferentes, as historias distintas, as identidades diferentes.
Porque cando unha persoa é expulsada, humillada ou silenciada, non perde só esa persoa, perdemos todxs.
E aquí é onde Rosalía volve falar por nós.
Porque Rosalía non só escribía, Rosalía reivindicaba porque ela tamén sabía o que era que te mirasen por riba do ombro, que te silenciaran e humillaran.E por iso ela escribiu: “aquelas que cantan, que choren”.
E nós hoxe dicimos; As que cantan, que non calen. As que choran, que non se escondan. E os que escoitan, que se levanten.
Si, que se levanten e levantémonos tamén polo que está a suceder no noso redor.Levantémonos polo que está a suceder nos Estados Unidos. Polo que sucede alí, pero tamén aquí. Porque hai políticas e discursos que queren converter a diversidade nun inimigo.
Desde cando a diversidade é un problema?
Desde cando as linguas son un problema?
Desde cando as persoas son un problema?
Cantas veces sinalan ás persoas migrantes como se fosen unha ameaza, usando o medo e a forza para romper familias.Queren controlar quen pode quedar e quen ten que marchar.
E nós non podemos mirar para outro lado.
Porque hoxe é alí pero mañá pode ser aquí.
Porque cando se ataca unha cultura, unha lingua, unha persoa diferente... o mundo faise máis pequeno, máis salvaxe, menos humano.
E como dixo Bad Bunny:“No somos salvajes, no somos animales, somos humanos” e tamén deixou claro que“Lo único más poderoso que el odio es el amor”
Ninguén debería ter que pedir perdón por ser quen é, por falar como fala, por vir de onde vén.
Por iso hoxe, desde Galicia, desde Cangas, facemos unha promesa:
Que non imos deixar que nos rouben a lingua.
Que non imos deixar que nos rouben a diversidade.Que non imos deixar que nos rouben a humanidade.
E rematamos cos nosos lemas, para que se escoiten forte:
Sen lingua non hai pobo!
A diversidade non se deporta!
Galego vivo, pobo unido!
Ningunha persoa é ilegal!
Non hai fronteiras


Ningún comentario:
Publicar un comentario