Foto biblioteca

Foto biblioteca

24/06/18

Excursión dos clubs de lectura a Celanova

     O pasado venres 22 de xuño fomos de excursión a Celanova os participantes nos clubes de lectura de 1º e 2º ESO: Andrés, Alex, Breixo, Iria, Jesús, Joel, José, Maica, Noa, Pedro, Víctor, Xoán, Alba, Antía, Diana, Gisela, Sara e Víctor, acompañados polas profes Lourdes e Olalla.
     
     A nosa primeira visita en Celanova foi a "Casa dos Poetas", a casa familiar de Manuel Curros Enríquez, formada por dous edificios: un coa estructura dunha casa tradicional galega, onde se conserva a lareira e a cheminea e outro, con características máis urbanas, ao que pertence a fachada.

     Alí guiáronnos por unha exposición que repasa a vida e a obra do autor, e momentos tan importantes como a chegada do tren a Ourense, a emigración a Cuba ou a creación da Real Academia Galega. Na exposición tamén se fai un achegamento a outros autores celanoveses como Celso Emilio Ferreiro ou Xosé Luis Méndez Ferrín que, xunto a Curros, dan nome ao lugar: "Casa dos Poetas".
     
     Aproveitamos a nosa visita para interpretar todos xuntos a versión "Aí vén o maio" de Luis Emilio Batallán. A guía que nos acompañou sacounos unha fotografía e, ao día seguinte, o Club de Lectura do IES Illa de Ons saiu no xornal por ser o último centro deste curso en visitar a casa de Curros.


MAIO

Aí vén o maio
de frores cuberto ...
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno! ...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero ...

Queredes castañas
dos meus castiñeiros? ...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Manuel Curros Enríquez, Aires da miña terra

     A continuación paseamos pola vila. Achegámonos ata a Praza Maior, na que hai unha fonte do século XVIII, visitamos o claustro barroco do Mosteiro de San Salvador e a capela mozárabe de San Miguel.

     O noso seguinte destino foi Allariz, onde paramos a comer e a refrescarnos no río Arnoia. Este, sen dúbida, foi un dos momentos máis divertidos da xornada onde non faltaron xogos, chapuzóns e moitas risas.

     Para finalizar a nosa viaxe e relaxarnos un pouco fomos ás termas de Outariz, situadas á beira do río Miño, en Ourense. Alí estivemos a remollo nas distintas pozas de auga fría e quente que resultan tan pracenteiras que algún case queda durmido.



   Quedamos todos e todas con desexos de repetir!

Ningún comentario: