Foto biblioteca

Foto biblioteca

18/03/20

POESÍA NO TEU SOFÁ, en galego

       Achégase o Día da Poesía e nós con estes pelos! A situación que estamos a vivir colleunos por sorpresa e aquí ficamos, nas nosas casiñas, gastando máis sofá da conta... Desde a biblioteca propoñemos achegarlle un pouco de arte a este tempo de apoltrone que provoque algo máis que o luír extra dos mobles da casa.
       Nos últimos días están a xurdir nas redes múltiples recomendacións para levar algo mellor o tempo de illamento: bibliotecas dixitais, novo cinema galego, museos virtuais, teatroteca, documentais, concertos en directo, cultura en 360º, salón do libro virtual... Entre todas elas hai unha iniciativa para combater a corentena a ritmo de verso: #PoesíaEnTuSofá. Este festival, que terá lugar os próximos días 20, 21 e 22 de marzo, propón a un grupo de artistas de distintas disciplinas o recitado de poemas desde cada un dos seus perfís de Instagram.

     Na biblioteca ímonos apropiar da súa idea para facer a nosa versión particular:
POESÍA NO TEU SOFÁ en galego
Versión en galego da imaxe orixinal 
 
     Animamos a toda a Comunidade Educativa do IES Illa de Ons a participar nesta proposta que consiste en recitar poemas en galego (propios ou alleos) e gravalos para compartilos a través do blog da biblioteca. Podedes enviar os vosos vídeos ou audios, durante os días que dure esta reclusión inevitable, á conta de correo da biblioteca: biblioteca@iesillaons.com. Unha vez revisados publicarémolos de maneira gradual.

     Aquí tedes unha axuda → Listaxe de obras de poesía en galego

     Moitas grazas por participar!

1 comentario:

Esther dixo...

Hoxe escoitei as poesías que me faltaban. Noraboa a Olalla pola iniciativa e a todos e todas os que recitaron os poemas. Encantoume esta actividade! Esther