Foto biblioteca

Foto biblioteca

19/11/17

25 de novembro

     Os equipos de Dinamización Lingüística e Biblioteca están a organizar unha xornada con actividades contra a violencia de xénero para conmemorar o día 25 de Novembro. 
     Unha das propostas da biblioteca é a elaboración dun grande *caligrama con forma de bolboreta (imaxe representativa desta data) e con textos en cores que rexeiten a violencia de xénero.

     A vindeira semana, os voluntarios e voluntarias da Biblioteca proxectarán o contorno da bolboreta nun grande papel branco, onde cada un/unha de nós poderá escribir a súa palabra, frase, poema, canción...

*Caligrama:
 A representación gráfica a partir dun escrito coñécese co nome de poesía visual ou caligrama. Xeralmente, os textos nos que se basea son poéticos e neles as palabras dispóñense coa intención de representar graficamente o seu contido.
Ao longo da historia, atopamos numerosos exemplos de representacións que xogan co texto e coa imaxe: os xeroglíficos exipcios, as iconográficas escrituras orientais..., pero as orixes da poesía visual cunha intención artística sitúanse na literatura occidental cos technopaegnia (caligramas) ou carmina figurata (en latín).
Os primeiros caligramas coñecidos foron realizados por poetas gregos do período helenístico (Simias de Rodas, Teócrito, Dosíadas…). Xorden de ofrendas relixiosas sobre as que se inscribían o nome do doador e a doazón distribuídos en liñas que, por necesidade, se adaptaban á forma do obxecto ofrecido.
Máis tarde, xa na Idade Media e sobre todo no Manierismo (literatura labiríntica e xeroglífica), retómanse de novo, pero non será ata o século XIX coas vangardas europeas cando se converta nun xénero específico da literatura.
Co poeta vangardista francés Guillaume Apollinaire, os caligramas póñense de moda nas primeiras décadas do século XX. Tamén na literatura hispánica destacan grandes autores como Guillermo Cabrera Infante, Juan José Tablada, Oliverio Girondo e, no panorama literario español, foron creadores de caligramas, entre moitos outros, Ramón Gómez de la Serna ou o catalán Joan Brossa.
Actualmente, existe unha xeración de poetas visuais que empregan os medios dixitais nas súas creacións; esta recente modalidade de xerar arte mesturando texto e imaxe coñécese como Net.Art ou Net.Poesía.

Ningún comentario: