Foto biblioteca

Foto biblioteca

24/06/23

Entrega de premios "Tes un minuto?"

 O pasado luns 19 de xuño celebramos, no salón de actos do IES Johan Carballeira, o acto de entrega de premios do certame de vídeos “Tes un minuto?”, organizado un ano máis polo Equipo de Dinamización Lingüística do noso centro e coa colaboración da ANPA.


    A este evento, no que participou toda a comunidade educativa do IES Illa de Ons, acudiron tamén Xosé Leal, Concelleiro de Cultura de Bueu, e María Ruiz, en representación do Festival Internacional de Curtametraxes FIC Bueu. O acto comezou cunha serie de actuacións dirixidas pola profesora Teté García, nas que o alumnado das materias de Proxecto Competencial, Oratoria e Música mostraron as súas excepcionais aptitudes para o canto, a música e a interpretación.

     A continuación fíxose entrega dos premios ás mellores creacións audiovisuais do certame, outorgándose en primeiro lugar os accésits aos traballos de Álvaro Paz (1ºA), Adrián Graña (4ºA) e Pedro Costas (4ºA). Os premios aos mellores vídeos por cursos foron para Sabela Cancelas e Candela Santos (1ºB); Samuel Castro (2ºA);  Gabriela Docampo, Eva Mª Míguez, Carlota Nores, Lucía Vázquez e Eva Vidal (3ºB) e Rocío Comedeiro (4ºA). O premio á mellor serie foi para  Mariña Fernández (2ºA),  Catalina González (2ºA) e Daniela Otero (2ºB). 

     A gala rematou co anuncio da festa que está a organizar o centro co gallo da celebración do seu 25 aniversario, que terá lugar o día 29 de xuño no Aturuxo de Bueu, e que provocou o trouleo sobre o escenario de alumnado, profesorado, persoal non docente e ANPA.

     Agardámosvos o 29 de xuño no Aturuxooooooooooo!!!!

22/06/23

Torneo de xadrez

   Este mes de xuño organizouse, na biblioteca, un pequeno torneo de xadrez dirixido ao alumnado, profesorado e persoal non docente do centro. Os gañadores foron os seguintes:

  • 1º posto: Xulián Fernández Barros (1º ESO A)
  • 2º posto: José Manuel Cordeiro Enríquez (4º ESO A)
  • 3º posto: Alberto Rosales Fernández (4º ESO A)
Onte, antes do acto de graduación do alumnado de 4º, recibiron cadanseus trofeos con enigmas de xogadas para descubrir. Noraboa aos tres!

08/06/23

Semana do Medio Ambiente

Para conmemorar dúas datas significativas desta semana, o 5 de xuño Día Mundial do Medio Ambiente e o 8 de xuño Día Mundial dos Océanos, presentamos no seguinte vídeo fotografías do noso litoral realizadas polo alumnado dos distintos cursos para a materia de Bioloxía e Xeoloxía.

Cada 5 de xuño celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente co fin de lembrar a importancia de coidar o noso planeta e, ademais, para realizar accións concretas e urxentes que axuden a mitigar a contaminación e remediar os danos xa xerados. Celébrase desde 1973 e foi elixido o día 5 de xuño porque nesa mesma data, en 1972, desenvolveuse en Estocolmo (Suecia) a primeira gran conferencia sobre temas relativos ao medio ambiente, coñecida como o “Cume de Estocolmo”.

O 8 de xuño, Día Mundial dos Océanos, lembra a todos o seu papel fundamental na vida cotiá e a importancia de informar sobre o impacto dos humanos no océano, desenvolver un movemento mundial de apoio e unir á poboación nun proxecto para a xestión sostible dos nosos mares.

04/06/23

Don Paco, galeguista de acción e cultura

     O pasado mércores tivemos unha visita moi especial no Illa de Ons, Anxo Rajó veu presentar o libro "Francisco Fernández del Riego, galeguista de acción e cultura” da editorial Ir Indo, unha biografía escrita no 2000 por Xosé Luís Franco Grande, aumentada nesta edición por Anxo Rajó. Anxo profunda nesta revisión na vida e obra de Don Paco, completando o traballo de Franco Grande e coas aportacións de Marián Vidal e Bieito Ledo. 

     Despois da presentación o alumnado tivo ocasión de participar nun kahoot con preguntas sobre o libro e de conversar co seu antigo profesor para recordar vellos tempos. Os gañadores e gañadoras da proba foron agasallados coa biografía dedicada polo autor.