Foto biblioteca

Foto biblioteca

01/04/17

Maruja Mallo en Bueu

     https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEiOuQCDgfyKoRL8nbBk_xBbQ8tno2jlqFubg9uVyyEEiNsCRCzMMj3dffHY_dPmu5xJIrwLlZNBuxKfxXrehljxfVZQ8PR13NnBQTZ3LgvX3H5gX4OHsRW2CA_Wmr5UL0cKlSH2RhZ06anW/s400/carlos+bern%25C3%25A1rdez+arquitectura+humana.png
     
     A Deputación de Pontevedra celebra hoxe en Beluso o Día das Artes Galegas, dedicada este ano á pintora Maruja Mallo. A artista estivo na parroquia de Bueu en xullo de 1936 e durante esta estancia realizou unha serie de traballos que hoxe se coñecen como "Caderno de Bueu". 
     O acto celebrarase na Casa do Pobo e contará con dúas partes diferenciadas: unha dirixida a todos os públicos, con especial atención aos máis pequenos, un contacontos do grupo Polo Correo do Vento,  e outra de carácter institucional. Enrique Mauricio e Carlos Taboada, compoñentes do grupo Polo Correo do Vento, escenificarán a través do debuxo e a palabra a traxectoria da artista e os fitos máis significativos da súa vida. Ambos ademais son autores do libro infantil Meiga nova, metade anxo, metade marisco. Pequena biografía de Maruja Mallo, no que se baseará o contacontos.


     O pasado 8 de marzo, para celebrar o Día Internacional da Muller, o Concello de Bueu tamén organizou un acto homenaxeando á artista galega que incluíu unha conferencia impartida por Carlos Bernárdez, historiador da arte e autor do libro Maruja Mallo. A pintura da nova muller.  

     Nunha entrevista concedida ao Faro de Vigo, o autor fala da presenza de Maruja Mallo en Bueu e na praia de Beluso:
Ela estivo en Bueu no verán de 1936, xusto co inicio do golpe militar que derivaría na Guerra Civil. Foi algo moi traumático para ela. A relación con Bueu foi breve, pero ten un significado moi especial na súa obra. Ela veu acompañada do sindicalista Alberto Fernández "Mesquita". Nesa estancia realiza un traballo moi interesante, cunha serie de debuxos nun caderno que hoxe en día se conserva e que se chama "Caderno de Bueu". Eses debuxos van servir de modelo para un novo tipo de pintura que vai realizar a partir do seu exilio en Arxentina, a principios de 1937. A súa obra posterior, nun primeiro ciclo de pinturas, está relacionada con ese caderno, con arquetipos femininos moi vinculados a elementos de traballo como a pesca e oficios. Son representacións iconográficas de mulleres moi potentes. Algúns deses debuxos inclúen a súa datación en Bueu e Beluso, co que sabemos que hai algúns que son posteriores ao 18 de xullo. Despois do golpe ela refúxiase na casa dos seus tíos, en Lavadores (Vigo), e continúa facendo algúns debuxos. Máis tarde, cando xa está en Arxentina vai deixar testemuño da represión nunha serie de artigos publicado na Vangarda en agosto de 1938, con referencias explícitas a Bueu [ a artista cita a Johán Carballeira; ao sindicalista e carpinteiro de Beluso José da Torre, que foi o primeiro represaliado; e a Didio Riobó, propietario da illa de Ons e que segundo a artista foi "perseguido como masón, aforcouse na illa da que era propietario; non puido soportar o derrame de tanto sangue, a veloz desaparición de tantas vítimas. Deixou sete cartas escritas aos verdugos de Bueu"].

Ningún comentario: