A FANPA (Federación Provincial de Anpas de Centros Públicos) de Pontevedra bota a andar unha nova edición do Certame de
Relato Curto que convoca en colaboración con Kalandraka Editora, e que
conta co apoio do Concello de Pontevedra e da Deputación provincial.
Poderán presentarse todos os alumnos e alumnas dos centros públicos
da provincia de Pontevedra de primaria, secundaria, bacharelato e
formación profesional. Na categoría de adultos poderán participar
profesorado e familiares que convivan co alumnado, así como o alumnado
matriculado nas facultades dos campus de Pontevedra e Vigo. Cada persoa
poderá presentar un relato inédito que conteña entre 200 e 300 palabras
que deberá enviar por correo electrónico antes do 28 de febreiro ao
enderezo certame.relatocurto@nontedurmas.org.
Establécense catro
categorías –primaria, secundaria, bacharelato e formación profesional, e
adultos– e un premio para cada unha dun vale de 200 euros, un lote de
libros de Kalandraka, un xogo e unha lámina autenticada polo ilustrador
Óscar Villán. Ademais, os 120 finalistas recibirán un libro colectivo
cos seus relatos, que incluirá unha historia elaborada expresamente para
o certame polo escritor Antonio García Teijeiro. Estes relatos tamén
serán publicados polo Diario de Pontevedra durante as vacacións de verán.
Dos 120 finalistas, o xurado destacará 20 relatos finalistas, entre os
que escollerá o gañador de cada categoría, que poderán participar nun
obradoiro de creación literaria que impartirá no mes de xuño a escola de
escritores da AELG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario