Foto biblioteca

Foto biblioteca

27/11/25

Culturgal

Os días 28, 29 e 30 de novembro volve a Pontevedra Culturgal, a Feira das Culturas Galegas. Ademais dos numerosos expositores, o público de todas as idades poderá gozar de variadas actividades: concertos, espectáculos, contacontos, obradoiros, etc.

As entradas poden adquirirse en liña a 3€ o público adulto (5€ en despacho de billetes) e a 2€ o público xuvenil ata os 15 anos (3€ en despacho de billetes). Os menores de 3 anos poderán acceder gratuitamente. Tamén hai posibilidade de mercar abonos e paquetes familiares.

Programación completa

20/11/25

Bueu en imaxes

     O Concello de Bueu, coa colaboración do Festival Internacional de Cinema de Bueu (FICBUEU), busca imaxes antigas para constituír un arquivo fotográfico da vila, unha iniciativa que ten como obxectivo recuperar e conservar a memoria fotográfica.


     O proxecto nace coma unha forma de reivindicar a memoria individual e colectiva, de analizar a historia local a través das imaxes e de tentar construír un fondo que poida estar a disposición de calquera persoa que o desexe consultar.

     Aínda que o obxectivo deste ano é recompilar imaxes relacionadas con costumes e tradicións, a idea é poder desenvolver a actividade nos próximos anos con outras temáticas.

     Animamos ao noso alumnado e ás súas familias a participar nesta proposta achegando as súas fotografías ata o noso centro para xestionar a súa dixitalización, ou os luns de 10 a 19 horas na entrada da Biblioteca Municipal de Bueu. A data límite de recollida de imaxes é o 26 de xaneiro.

18/11/25

Trebellos con voz


     Neste Mes da Ciencia o noso centro decidiu retomar, co alumnado de 1º ESO, as visitas á exposición "Trebellos con voz", un proxecto multidisciplinario que abrangue a toda a comunidade educativa do IES Illa de Ons e que supón unha viaxe no tempo ao ano 1998, cando se abriu o centro, mostrando a tecnoloxía que se empregaba entón. 

     O proxecto, iniciado o curso pasado con esta exposición e coordinado polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega e Polos Creativos, dos que a Biblioteca forma parte, continúa neste curso coa programación de actividades interdisciplinarias coas que se pretende que a lingua galega sexa unha ferramenta de comunicación moderna e válida no mundo das tecnoloxías da información e da comunicación. Está iniciativa implica a todo o alumnado de 1º a 4ª da ESO, apostando polo traballo cooperativo entre estudantes de diferentes idades e niveis e promovendo a aprendizaxe entre iguais.


16/11/25

San Simón

     O pasado venres o alumnado do IES Illa de Ons acudiu ao cine de Seixo para ver a longametraxe San Simón, dirixida por Miguel Ángel Delgado.

 A actividade, organizada pola ANPA e coa colaboración do centro, adquire unha relevancia particular ao enmarcarse na conmemoración do 50 aniversario da morte do dictador Francisco Franco. O filme aborda un capítulo escuro e silenciado da historia, o funcionamento da Illa de San Simón como campo de concentración franquista, e visibiliza o horror e a represión sufrida polos presos. 

     Tal e como explica o seu director, San Simón é froito dun exhaustivo traballo de investigación con historiadores, documentalistas e familiares das vítimas, contou coa participación no equipo artístico e técnico de fillos e netos dalgúns presos, o que subliña a necesidade de transmitir esta memoria ás novas xeracións, evitando o esquecemento e contribuíndo a un relato máis completo do pasado.

12/11/25

Premios Literarios Minerva

     Un ano máis o Colexio M. Peleteiro convoca os Premios Literarios Minerva, nos que poderán participar alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO, Bacharelato e FP que cursen estudos en Galicia, e non teñan cumpridos os 20 anos o 31 de decembro de 2025.

   Os traballos deberán ser orixinais e inéditos, escritos en lingua galega e poderán concorrer nas modalidades de poesía (un conxunto de tres poemas, de tema e forma libres) e narración (con extensión máxima de seis folios e mínima de dous mecanografados a dobre espazo e de tema libre).

     Concederanse tres premios en cada modalidade, de 800, 400 e 250 € respectivamente, medalla conmemorativa do certame e publicación das obras galardoadas nun libro editado polo Colexio M. Peleteiro. Se na opinión do xurado a calidade das obras así o requirise poderán outorgarse accésits. Os premios poderán declararse desertos.

      O prazo de presentación remata o día 14 de xaneiro.

01/11/25

Unha xornada terrorífica

      O luns da pasada semana celebramos no noso centro o Samaín. No recreo da mañá tivo lugar un velorio na biblioteca, no que despedimos ao defunto Adrián Ticipado Palmou, con varios discursos elaborados polo alumnado de 1º ESO e cos prantos dun grupo de choronas. Na entrada do centro publicamos unha serie de noticias terroríficas, redactadas polo alumnado de 2º ESO a partir da lectura de relatos de terror de diversos autores.


     Pola tarde, o alumnado de 4º ESO aterrorizou ao resto dos estudantes nunha pasaxe arrepiante, na que eles mesmos interpretaron distintos personaxes e elaboraron varias escenografías sanguinolentas. Ademais celebramos no pavillón os habituais concursos de doces e de disfraces de terror. Noraboa a todos/as participantes! 

CONCURSO DE DISFRACES GRUPO:

  • 3º premio: Carmen Rebollo, Elena Pastoriza, Leyre Sotelo e Noa Gago (2ºA) coa profe Raquel.
  • 2º premio: Cloe Santos (1ºA) e Paula Costas (1ºB).
  • 1º premio: Noa Otero (3ºA), Laura Agulla e Leire Fernández (3ºB).

CONCURSO DE DISFRACES INDIVIDUAL:

  • 3º premio: Borja Freire (2ºA).
  • 2º premio: Pablo López (3ºA).
  • 1º premio: Iván Souto (2ºB).

CONCURSO DE DOCES:

  • 3º premio: Elena Novas (4ºA).
  • 2º premio: Yoel Sampedro e Rami García (2º A).
  • 1º premio: Hugo Rodríguez (4ºA).