O alumnado de 2º ESO traballou na materia de Lingua Galega o microrrelato. A continuación podedes ver unha selección dos textos acompañados con imaxes.
Foto biblioteca
25/01/24
17/01/24
Campionato de xadrez
A partir do día 31 de xaneiro, durante os mércores do resto do trimestre, celebraremos na biblioteca do centro un campionato de xadrez. Todo o alumnado, profesorado e persoal non docente interesado en participar, pode pasar pola biblioteca para anotarse antes desa data.
14/01/24
Visita ao Museo Massó
O pasado 12 de xaneiro o alumnado de 1º ESO visitou o Museo Massó en Bueu. Nas distintas salas de exposicións descubrimos a orixe do museo e explicáronnos o funcionamento de varios instrumentos e obxectos curiosos de navegación, quedamos abraiados coas impresionantes maquetas de barcos e as pedras litográficas coas que estampaban os deseños nas latas da conserveira e marabillounos a valiosa colección de libros antigos de temática naval, algúns deles incunables.
Ademais participamos nun obradoiro práctico de nós mariñeiros básicos: cote, as de guía, oito, ballestrinque... e puidemos elaborar un chaveiro de bóla moi chulo.
20/12/23
Lecturas recomendadas
Un ano máis, a coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo achega un listado de lecturas recomendadas para infantil, primaria, secundaria e persoas adultas.
16/12/23
“A foto fala” e “Tes un minuto?”
Un ano máis, o Equipo de Dinamización da Lingua do IES Illa de Ons propón a participación do alumnado en dous certames audiovisuais: “A foto fala” e “Tes un minuto?”.
Os prazos para presentar as creacións son o 8 de marzo e o 26 de abril respectivamente.
01/12/23
CULTURGAL 2023
27/11/23
Actividades 25N
Para conmemorar o Día Internacional da non Violencia Contra as Mulleres, o IES Illa de Ons organizou distintas actividades:
- Difusión do proxecto #25NPatriarcadas_Revirad@s: os carteis que elaboramos no noso centro, e que recentemente foron premiados pola Deputación de Pontevedra, expuxéronse en distintas entidades e centros educativos da nosa comunidade.
- Xogo de escape na biblioteca. O alumnado de 4º ESO participou nesta actividade, centrada na temática da violencia de xénero e guiada por Anacos Educativos.
- Material audiovisual para traballar nas titorías. O alumnado dos distintos niveis educativos visualizou, durante as horas de titoría, diferentes propostas audiovisuais que lles permitiron reflexionar e debater sobre aspectos como a violencia nas relacións adolescentes, o papel dos homes na igualdade, as fases nunha situación de maltrato, os condicionantes aos que se ven sometidas as mulleres, decálogos para educar en igualdade, etc.
19/11/23
Premio en Educación en Valores
O pasado venres o IES Illa de Ons recibiu o 2º premio á Educación en Valores nos VII Premios Provinciais á Xuventude, da Deputación de Pontevedra. O proxecto galardoado, #PatriarcadasRevirad@s, foi realizado o curso pasado na materia de Igualdade de 2º ESO e baseouse na reflexión arredor dalgunhas ideas falsas, relacionadas co feminismo e a violencia de xénero. Os alumnos e alumnas indagaron sobre distintas mensaxes machistas, seleccionaron ideas para traballar a súa resposta e bosquexaron carteis creativos para visibilizala. Coa colaboración da Biblioteca creouse unha campaña publicitaria composta por dous grupos de carteis, na serie PATRIARCADAS alumnado e profesorado vomitan unha selección das distintas ideas machistas falsas ás que se lles dá a volta na serie REVIRAD@S, onde os argumentos expóñense por medio de conversas de Whatsapp.
17/11/23
25 N_ Bolboretas de papel
Minerva, Patria e María Teresa Mirabal eran tres irmás defensoras da liberdade que fixeron fronte á ditadura de Rafael Leónidas Trujillo. Dentro do movemento antiditatorial do que formaban parte eran coñecidas como "As Bolboretas", porque ese era o nome co que Minerva adoitaba identificarse nas relacións políticas.
Durante a vindeira semana realizaremos no centro distintas actividades para conmemorar esta data e homenaxear a todas as mulleres vítimas de violencia de xénero. Ademais de traballar con diferentes materiais audiovisuais nas titorías, durante os recreos organizarase un obradoiro de marcapáxinas de bolboretas na biblioteca.
16/11/23
Presentación dos Premios Xerais en Bueu
Este sábado, 18 de novembro, terá lugar no Centro Social do Mar de Bueu a presentación dos Premios Xerais 2023: "Ninguén contará a verdade" de Pedro Feijoo, ”A botella de lentellas" de Leticia Barbadillo e "Furia" de María Reimóndez. Animamos á comunidade educativa do IES Illa de Ons a acudir a este acto, organizado pola Librería Miranda e o Concello de Bueu, ao que asistirán os autores e autoras premiadas.
08/11/23
Aulas de xadrez
07/11/23
Premiadas e premiados nos concursos de terror
Despois dunha terrorífica semana, cuns igualadísimos resultados nas votacións dos distintos xurados, por fin temos as gañadoras e gañadores dos distintos concursos de terror.
28/10/23
Subnormal. Unha historia de acoso escolar.
Este mes de outubro iniciamos as primeiras actividades dos clubs de lectura lendo a obra de banda deseñada "Subnormal", unha historia real de acoso escolar, guionizada por Fernando Llor e debuxada por Miguel Porto. Iñaki Zubizarreta, ex xogador de baloncesto que sufriu acoso durante a súa etapa escolar, é o protagonista deste durísimo relato ilustrado.
Tras ler o libro organizamos na biblioteca dúas xuntanzas co alumnado de 1º ESO, nas que realizamos distintas actividades co obxectivo de rachar cos prexuízos e fomentar a empatía. Reflexionamos sobre os alcumes e sobrenomes que damos aos demais, os roles que podemos atopar na maioría de situacións de acoso e como debemos actuar para evitalas ou darlles unha solución. Por último fixemos unha posta en común dos sentimentos que espertou en nós a lectura deste libro.
27/10/23
Semana do terror
Chega o Samaín ao IES Illa de Ons!
Durante os recreos do martes, xoves e venres da vindeira semana celebrarémolo con diversos concursos verdadeiramente terroríficos: disfraces de medo, doces espantosos e relatos arrepiantes. Recordamos ao alummado que os premios son entradas para o cinema e que o luns poden inscribirse en calquera dos concursos propostos.
24 de outubro: Día das Bibliotecas
Esta semana celebramos no centro o Día das Bibliotecas cunha actividade de formación de usuarios, na que participou o alumnado de 1º ESO. Despois de facer unha presentación dos distintos espazos e seccións e de explicar como facer a procura de exemplares, tanto no espazo físico como virtual, propuxemos un reto por grupos. O alumnado debía atopar unha serie de libros, xogos e películas e recoller nun formulario o nome do seu autor ou autora. Os grupos que acadaron o 1º e 2º posto recibiron como premio libretas de bibliotecas escolares.
16/10/23
Día das escritoras
Para conmemorar o Día das Escritoras, hoxe montamos na entrada do noso centro unha pequena exposición para visibilizar a obra dalgunhas das autoras máis lidas na nosa biblioteca.
O Día das Escritoras é unha iniciativa organizada entre a Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mujeres Directivas e Executivas Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a asociación Clásicas e Modernas, Asociación para a igualdade de mulleres e homes na Cultura. Ademais, contará coa colaboración de Asociación Colexial de Escritores (ACE)e o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO). Desde 2016 búscase reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.
07/10/23
Certames de creación literaria e audiovisual
Para todo o alumnado e/ou profesorado interesado en participar, publicamos información sobre algúns certames relacionados coa creación literaria e audiovisual: o XXII Concurso de Relato Oral "Tíralle da Lingua", o XIII Certame de Curtas AS-PG e o 6º Concurso de Poesía e Relato Curto "Cambados Mar das Letras 2023". Podedes acceder ás bases completas nas ligazóns vinculadas ás imaxes.





























































