Un ano máis o IES Illa de Ons festexará o Samaín con distintas actividades terroríficas. O luns 27 de outubro despediremos, durante a hora do recreo, a don Adrián Ticipado Palmou, cuxa necrolóxica redactou o alumnado de 3º ESO.
Na biblioteca teremos expostas as noticias elaboradas polo alumnado de 2º ESO a partir da lectura de distintos relatos de terror e cara o final da mañá organizaranse visitas guiadas a un espazo ata agora descoñecido que nunca ninguén esquecerá…
Durante a tarde do luns celebraremos o concurso de doces espantosos Monsterchef e o concurso de disfraces de medo, aos que está todo o mundo invitado a participar. Animádevos!
Se buscas ideas para un disfrace con estilo e historia, podes mergullarte na literatura de terror. Os libros están cheos de monstros, pantasmas e figuras que dan moito xogo, coma o Conde Drácula, elegante e escuro, ou a criatura de Frankenstein, con cicatrices e parafusos incluídos. Outras opcións son Mr. Hyde, o lado escuro de Dr. Jekyll, cun disfrace metade cabaleiro, metade monstro; o Corvo de Edgar Allan Poe, cunha capa negra, plumas e maquillaxe escura; o Home Invisible, con vendas e sombreiro, ou Carmilla, a vampira á que María Solar homenaxea en Adeline.
Ningún comentario:
Publicar un comentario