Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o noso centro desenvolveu ao longo da semana diferentes actividades de sensibilización para promover a igualdade, o respecto e as relacións afectivas libres de violencia.
Unha das iniciativas foi a montaxe dunha exposición de bolboretas, elaboradas polo alumnado de 1º e 4º ESO con técnicaas libres. A elección deste símbolo está relacionada coas irmás Mirabal, coñecidas como Las Mariposas: Patria, Minerva e María Teresa, tres activistas dominicanas asasinadas o 25 de novembro de 1960 pola súa oposición á ditadura de Trujillo. A súa historia converteunas nun símbolo internacional da loita pola liberdade e contra a violencia cara ás mulleres. Así, cada bolboreta quixo ser unha homenaxe á memoria de todas as mulleres maltratadas e unha mensaxe de liberdade, transformación e esperanza. As creacións acompañáronse de textos poéticos creados polo propio alumnado ou extraídos dos libros El amor se escribe sin sangre e o Libro do mal amor: Haikus contra a violencia de xénero.
Desde a biblioteca seleccionáronse tamén varias curtametraxes para traballar nas titorías e promover o debate sobre a violencia machista, os mitos do amor romántico e as relacións saudables. Entre os materiais empregados destacan a campaña #NoTePierdas. Sin libertad no hay amor e No mires para otro lado, do CIM de Úbeda.
A música, a poesía, o baile e o teatro tiveron tamén o seu espazo. Desde as materias de Música e Proxecto Competencial preparouse unha actuación colectiva na que participou alumnado e profesorado, con bailes, recitados poéticos, cancións e pequenas teatralizacións para transmitir mensaxes de igualdade e compromiso fronte á violencia contra as mulleres.
Ademais, durante esta semana, a Hora de Ler dedicouse á lectura compartida de varios relatos curtos, para reflexionar sobre as emocións, as relacións e o respecto.

Ningún comentario:
Publicar un comentario