Foto biblioteca

Foto biblioteca

30/06/19

Excursión dos clubs de lectura

     O pasado xoves foron de excursión a Ourense os participantes nos clubes de lectura de 1º, 2º e 3º ESO, acompañados polas profesoras Lourdes Garrido e Olalla García.

     A nosa primeira parada foi Celanova. Alí percorremos o conxunto arquitectónico do Mosteiro de San Salvador, facendo breves altos nalgúns dos espazos para recitar versos de Celso Emilio Ferreiro. 

     No mosteiro un guía explicounos con detalle a historia das distintas construcións: os claustros, a igrexa do século XVII (o retablo, o coro baixo, o órgano), a capela San Miguel... Na igrexa descubrimos que a profe Lourdes Garrido, coordinadora dos clubs de lectura, provén dunha familia de artistas, coñecidos como "Os escultores de Parderrubias", e que no seu taller de escultura relixiosa construíron algunhas das pezas que hoxe atopamos na igrexa. Dúas das cousas que  máis nos impresionaron foron a capela mozárabe de San Miguel (declarada monumento nacional en 1923) e a Biblioteca do IES Celanova Celso Emilio Ferreiro, que ten o seu espazo físico na antiga biblioteca dos monxes do  “Claustro do Poleiro”. A biblioteca conta cunha interesante exposición, organizada dentro da campaña Voces de Muller, con escolmas de mulleres célebres en diversos ámbitos (literatura, ciencia, política, artes escénicas...).


     O noso seguinte destino foi Allariz, onde paramos a comer e a darnos uns chapuzóns no río Arnoia, aínda que moita calor non ía. Algunha tamén aproveitou para botar unha sestiña...


     Para finalizar a nosa viaxe e relaxarnos un pouco fomos ás termas de Outariz, situadas á beira do río Miño, en Ourense. Alí estivemos a remollo nas distintas pozas de auga fría e quente.

     Para o vindeiro curso repetimos!!!! 

22/06/19

Recital poético. Miriam Ferradáns e Lucía Novas.

     Hai uns días visitaron o noso centro as poetas de Bueu Miriam Ferradáns e Lucía Novas. Neste acto participaron os alumnos e alumnas de 4º ESO que, tras gozar co recital destas grandes autoras, entrevistáronas e leron algunhas das súas composicións poéticas.
     
No seguinte vídeo podedes ver algúns dos momentos desta xornada
    

Andrea Cordeiro, Antía Piñeiro, Jennifer Freire, Teresa Bernárdez, Manuel Estévez e David Juncal recitando poemas de Míriam e Lucía.

Fotografía do alumnado de 4º A e B coas autoras e os profesores do Departamento de Lingua Galega





15/06/19

Concurso de relatos en galego - Gañadoras da modalidade B

 

 O mar é un camiño

     O mar é un camiño. Cada un decide o seu destino, mais non sabemos como vai ser o camiño polo que pasamos ata chegar a onde queremos chegar. Eu penso no meu camiño, pero aínda non sei a onde quero ir. O vento guiarame aos poucos, reconducíndome pola vida. Tropezarei con penedos, diso estou segura, pero tamén o estou de que sempre haberá un compás que me guíe pola dirección correcta.
     Eu penso no meu camiño, ainda que non saiba ben a onde quero ir, pero tamén penso nos camiños doutra xente. Xente ancorada no tempo, xente que se perdeu polo camiño. Entón, penso que o vento xa non guía aos poucos, o vento transfórmase nun ar frío que conxela a todo o que navega, todo o que traspasa unha fronteira que separa o que é o meu camiño, o indicado, dos outros camiños, cheos de silvas e perigos agochados a cada paso, cada onda que acariña o mar. A profundidade do oceano é a mesma ao meu lado da fronteira, mais ao outro lado do trópico todo parece tornarse escuro, como se dun momento a outro alguén puidera precipitarse ao baleiro.
     Penso se esa xente que cae até o baleiro é merecedora dese final só por partir de diferente saída, aínda procurando un mesmo destino. Eu non estou preocupada pola meta porque sei que o camiño será fácil.
     Esa xente si, a xente doutro lado do trópico paréceme incribelmente valente porque tropezan con mil penedos máis ca min durante o camiño. Eles si que saben cal é a meta que queren, porque non deixan de loitar, aínda que o vento se volvera un ar frío.
     Ogallá un día o vento estea do voso lado e vos guíe aos poucos, xente que vos amosades perdida polo camiño.
Teresa Camila Bernárdez López

Érase unha vez…

      Oh, espelliño, espelliño! Quen é o máis bonitiño?
     A miña armadura reloce á luz do solpor, que entra pola ventá tinxindo a estancia dunha cor amarela, laranxa e ocre. Poño unha pose parecida á dos reis da Idade Media, pero non hai resposta.
     Maldición! Serventa! Isto é un anaco de cristal, non o que che pedín!
Furioso, boto unha última mirada de desprezo ao espello e detrás miña, no reflexo, vexo algo que chama a miña atención. Un pequeno brillo, sutil e case imperceptible. Xírome e achégome aos grandes andeis, amodo, coma unha pantera que avanza con sixilo cara á súa presa, como se fora escapar. É un libro, cun lombo con decoracións douradas e unha cuberta desgastada, que anticipa que é un libro con historia. Ábroo con coidado e as páxinas brillan ao poñelas á luz. Que contos! Que aventuras! Vai ser a miña seguinte viaxe! Sento na miña butaca de veludo, botando para atrás a miña longa e fermosa capa, e observo un mapa que semella estar en latín. Comezo a narrar a historia, poñendo énfase nos sentimentos, vivindo cada frase como se fose o discurso da miña vida… e entra Rodriga.
     Chegas tarde, condenada! Chameite hai unha eternidade!
     Anda, Don Quixote! Toma a pílula, digo a “apócema”!
     Trago ese remedio do demo e ela vaise contenta.
___

     Pecho a porta e deixo a Afonso no seu cuarto delirando, coma sempre. Quen o ía dicir! Un Don Quixote do século XXI!

Sara Soliño Iglesias


Un tesouro esquecido

     Aquilo non tiña sentido. Deille voltas e voltas, e máis voltas, pero non logrei atoparlle nin pés nin cabeza. Ese anaco de papel vello e noxento non tiña sentido, mais sentía unha atracción inexplicable cara a el. De súpeto, ouvín unha voz que me chamaba. Era a miña nai, cansa de esperar a que lle levara aquilo que me pedira ir buscar a aquel escuro cuarto e do cal xa nin me lembraba. Decidín gardar o meu pequeno tesouro no peto e volver onda ela coa escusa de que non atopara o que pedira. Sorprendentemente, creume e tras librarme dunha reprimenda fun cara ao meu cuarto. Alí analicei cautelosamente o anaco de papel e cheguei á conclusión de que era parte dun mapa.
     Cando vin cara ao reloxo xa era a hora da cea. A miña nai non tardaría en chamarme, e efectivamente nun par de minutos volveu berrar o meu nome. Fun cear, sen poder sacar o misterioso anaco da cabeza. Pensei en preguntarlle ao meu pai, xa que só el coñecía o almacén; de feito se non fora así, a miña nai non me tería mandado buscar aquela cousa. Saquei o tema coidadosamente para que non se decatara de que collera algo seu sen permiso, e contoume unha historia sorprendente. Comezou a relatar unha lenda de piratas en que o protagonista era o meu tataravó. Resulta que fora un dos piratas máis intrépidos da súa época e que conseguira moitos tesouros que agochara en lugares remotos. Díxome que estas riquezas pertenceron á nosa familia e ían pasando de pais a fillos ata que o avó as perdeu. Mais eu sei que iso non é certo. Hai case dez anos que morreu e no tempo que pasei con el aprendín moitas cousas que me resultaron moi útiles. Podería ser un pouco frío e os anos chegáronlle a afectar á memoria, pero el non era capaz de perder algo así. Sei que era moi intelixente. O máis probable era que o ocultara. Seguro que en canto comezou a notar as perdas de memoria causadas pola idade decidiu agochar o seu tesouro. Lembro con claridade as historias de piratas que me contaba. El sentíase coma un auténtico pirata e seguro que non quería que o tesouro caera en malas mans. Por desgraza, non chegou a contarlle ao meu pai onde escondera o mapa e por iso el cría que o perdera.
     Tras darlle moitas voltas ao longo da noite concluín que o meu avó non agochara un mapa, senón varios. Para maior seguridade seguramente dividiu o mapa en anacos e os ocultou por separado. Iso explicaría por que só atopei este anaco. Esa noite tomei unha decisión que cambiaría a miña vida. Decidín comezar a procura da fortuna perdida da miña familia. Aínda non sabía como nin onde buscar, pero estaba decidido a atopala.


Paula Fernández Cruz

11/06/19

Premiados e premiadas nos concursos de relatos

     Hoxe tivo lugar na biblioteca do noso centro a entrega dos premios dos dous concursos de relatos convocados pola ANPA coa colaboración da Biblioteca e Dinamización Lingüística. O acto foi presentado por Lourdes Garrido, profesora de Lingua e Literatura Castelá e coordinadora dos clubs de lectura, que estivo acompañada por Mari Nores, representante da ANPA. Os premios para cada concurso e cada modalidade consistiron en VALES de 30€, 20€ e 10€ para trocar por produtos nos establecementos colaboradores coa ANPA do centro.

     
As gañadoras e gañadores dos premios no II Concurso de Relatos en Galego "Teresa López González" foron:

MODALIDADE A (1º e 2º ESO)
1º premio: Breixo Parada (2º ESO A)
2º premio: Laura Brocos (1º ESO A)
3º premio: Lois Carracelas (1º ESO A)

MODALIDADE B (3º e 4º ESO)
1º premio: Sara Soliño (3º ESO A)
2º premio: Paula Fernández (3º ESO A)
3º premio: Teresa Bernárdez (4º ESO B)*

As gañadoras e gañadores dos premios no I Concurso de Relatos en Castelán foron:

MODALIDADE A (1º e 2º ESO)
1º premio: Alejandro Aguete (1º ESO A)
2º premio: Laura Brocos (1º ESO A)
3º premio: Clara Costas (2º ESO B)

MODALIDADE B (3º e 4º ESO)
1º premio: Teresa Bernárdez (4º ESO B)*
2º premio: Sara Soliño (3º ESO A)
3º premio: Antía Novas (3º ESO A) 

Noraboa a todas e todos! Dentro de moi pouco publicaremos os vosos relatos.

* Os premios da alumna Teresa Bernárdez foron recollidos por Darío Camiña, ao non poder esta asistir ao acto.

09/06/19

Entrega de premios dos concursos de relatos


     O martes 11 de xuño, nun acto organizado na biblioteca do IES Illa de Ons, coñeceremos os premiados e premiadas nos dous concursos de relatos convocados pola ANPA en colaboración coa Biblioteca e Dinamización Lingüística. 

     Os relatos en castelán da modalidade A (1º e 2º ESO) debían comezar co seguinte frangmento:
     Tengo poca fortuna: nunca me ha tocado ninguna rifa y siempre lo pierdo todo, por eso sé que es difícil creer lo que me ocurrió. Abrí casualmente el cajón de aquella mesita vieja y carcomida por la polilla que llevaba tantos años en el cobertizo y allí encontré... 

     Os relatos en castelán da modalidade B (3º e 4º ESO) debían comezar co seguinte frangmento de La caja de música de Alfonso Zurro:
    Y cierra la tapa. Un bulto negro, que parece flotar en el aire y tal vez lleve tiempo observándola se acerca a ellla...
      O punto de partida para as dúas modalidades dos relatos en galego foi a seguinte imaxe:




05/06/19

Miserábeis. O Musical


     Alumnado, profesorado e persoal non docente do IES Illa de Ons está a realizar os últimos ensaios para a estrea, o 19 de xuño no Auditorio de Cangas, de Miserábeis. O Musical, un proxecto de carácter interdisciplinario baseado na obra de Víctor Hugo, no que a Comunidade Educativa do noso centro leva traballando desde o comezo do curso. No acto conmemorativo do 8 de marzo, celebrado no Centro Social de Bueu, xa avanzamos unha mostra coa adaptación á revolución feminista dalgunhas das escenas da obra.
    Esta adaptación con formato de teatro musical, xorde da reflexión do claustro de profesores e profesoras arredor da importancia dunha práctica docente que fomente a aprendizaxe cooperativa, competencial, dende unha óptica feminista e en lingua galega. Para a súa posta en práctica elaborouse un cronograma no que foron integrados a planificación de pequenas investigacións, proxectos sobre temáticas específicas, un calendario de ensaios e obradoiros de canto coral en galego, así como diversas tarefas de contido interdisciplinar.

     O obxectivo principal desta proposta non é unicamente a creación do produto final que veremos os días 19 e 21 de xuño, senón que, é no proceso de creación e produción do espectáculo onde se atopa o feito educativo; posto que é aquí onde se ocasiona a aprendizaxe significativa e a vinculación e asimilación de contidos en base á experiencia. 
Imaxes dalgúns dos ensaios


15/05/19

Concurso de relatos polas Letras Galegas

     A Biblioteca, en colaboración coa ANPA e o Equipo de Dinamización Lingüística do centro, está a promover a segunda edición do concurso de relatos en galego para conmemorar o Día das Letras Galegas. O certame, dirixido ao alumnado do IES Illa de Ons, desenvolverase na segunda quincena do mes de maio. 


    Ademais, durante esta semana, o alumnado do centro estivo a traballar sobre a figura de Antonio Fraguas Fraguas, autor homenaxeado este ano polas Letras Galegas. O centro expuxo o grupo de carteis gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, co fin de difundir a figura e o legado do autor entre a comunidade educativa.



08/05/19

O Illa de Ons na II Feira de Ciencia e Literatura

      O pasado sábado 4 de maio celebrouse, na Praza Massó de Bueu, a segunda edición da Feira de Ciencia e Literatura organizada polo IES Johan Carballeira e coa particiación de todos os centros educativos de primaria e secundaria do concello de Bueu. Tanto o alumnado coma o profesorado traballamos durante o curso sobre diferentes libros e novelas cun trasfondo científico. A señorita Bubble, Marie Curie: a actividade do radio, A culler  menguante, Cando Verne amarrou en Vigo, A volta ao mundo dun forro polar vermello, A chave secreta do universo, Jules Verne e a vida segreda das mulleres planta e O universo nas túas mans, deron pé nesta feira a demostrar que ciencia e literatura son disciplinas que se complementan. Estes libros foron os protagonistas de nove postos con actividades diversas que o público ía resolvendo e obtendo un pequeno premio: un cubo elaborado con impresora 3D; xuntando todos os cubos acadábase a frase II Feira de Ciencia e Literatura.

     O noso centro traballou sobre o libro A chave secreta do universo, de Lucy e Stephen Hawking, e presentou unha actividade de realidade aumentada baseada en diferentes curiosidades científicas e literarias sobre os planetas do Sistema Solar. 


     O alumnado de 3º e 4º ESO encargouse de orientar ao público sobre o uso dos iPads para poder descubrir esas curiosidades sobre un panel de planetas elaborados con volume.



    Ademais contamos cunha actividade artística para os máis pequenos, que fixeron debuxos inspirados no Universo sobre círculos de cartolina. O alumnado de 1º ESO convertiu en fermosas chapas os deseños realizados.

     Por último, e para darlle un punto marchoso á xornada, o noso posto contou cunha actividade de baile xunto con extraterrestres e astronautas virtuais, posible tamén á realidade aumentada.

Podes ver máis imaxes no seguinte vídeo:


Ligazóns con máis información:


03/05/19

Entrega de premios do Certame de Fotografía

     O luns 29 de abril tivo lugar a entrega de diplomas e premios aos autores e autoras das 6 fotografías gañadoras no II Certame de Fotografía "Obxectivo Bueu", convocado pola ANPA en colaboración coa Biblioteca do centro. Ademais do alumnado, profesorado e persoal non docente do centro; neste acto contamos coa presenza de María Nores, representante da ANPA, e o voluntariado da biblioteca escolar, que realizou fotografías aos gañadores e gañadoras.


     Antía Novas (3ºA), Abel Dopazo (3ºB) e María Méndez (3º B) foron premiados cun Curso de Perfeccionamento de Fotografía e cunha ampliación das súas imaxes en lenzo montada sobre bastidor. Ademais, Manuel Gámez (1ºB), Iria Villanueva (4ºB) e Maica Morgado (2º B) foron tamén premiados co Curso de Perfeccionamento de Fotografía, que impartirá unha fotógrafa profesional a finais de xuño, unha vez remate o curso escolar.


02/05/19

Club de lectura co CEIP de Ardán

   O pasado venres, unha parte do alumnado de 1º ESO do club de lectura "Ons, a illa do tesouro" gozamos dunha nova xornada de xogos e lecturas. Nesta ocasión recibimos a visita do alumnado de 6º do CEIP Ardán que viñeron acompañados do seu titor José Ángel. Coma noutras ocasións comemos todos xuntos e logo xogamos no patio aos xa coñecidos "Bull-dog" e "Catapún, chimpún". Na biblioteca, Telmo e David substituíron a Antía e Carla nos papeis da peza teatral que viñan representando nas anteriores xornadas do club de lectura compartido. Despois, algúns alumnos e alumnas de 1º ESO leron a obra teatral "Misterio no Instituto", creada pola profesora Lourdes Garrido. No seguinte vídeo podedes ver o resumo destas actividades.

23/04/19

Concurso de relatos para conmemorar o Día do libro

    Hoxe, día 23 de abril, celébrase en todo o mundo o Día do libro. 
 
    O 23 de abril de 1616 falecían Cervantes, Shakespeare e Inca Garcilaso de la Vega. Tamén nun 23 de abril naceron (ou morreron) outros escritores eminentes como Maurice Druon, K. Laxness, Vladimir Nabokov, Josep Pla ou Manuel Mejía Vallejo. Por este motivo, esta data tan simbólica para a literatura universal foi a escollida pola Conferencia Xeral da UNESCO para render unha homenaxe mundial ao libro e os seus autores, e alentar a todos, en particular aos máis novos, a descubrir o pracer da lectura e respectar a irreemplazable contribución dos creadores ao progreso social e cultural. 
 
     A idea orixinal da celebración do Día do Libro partiu de Cataluña, do escritor valenciano Vicente Caravel Andrés, propoñéndoa á Cámara Oficial do Libro de Barcelona en 1923 e aprobada polo rei Alfonso XIII de España en 1926. O 7 de Outubro de 1926 foi o primeiro Día do Libro, pouco despois, en 1930, instáurase definitivamente a data do 23 de abril como Día do Libro.
     
     Para conmemorar esta data, a ANPA do IES Illa de Ons en colaboración coa Biblioteca, propón ao  alumnado a participación nun Concurso de relatos en castelán




08/04/19

Premios II Certame de Fotografía

     A pasada semana, o xurado do II Certame de Fotografía Obxectivo Bueu formado por membros da Biblioteca, do Equipo de Dinamización da Lingua e da ANPA, decidiron as fotografías gañadoras desta segunda edición do concurso.

     Os autores e autoras das tres mellores fotografías serán premiados cunha ampliación das imaxes seleccionadas. As seis mellores imaxes obterán como premio un curso de perfeccionamento de fotografía.


Premiados/as cunha ampliación fotográfica e co curso de fotografía

“A arte non entende o vacío” de Antía Novas (3º ESO A)
Interior da factoría baleeira de Massó, Cangas.

"Ruínas" de Abel Dopazo (3º ESO B)
Capela de San Lourenzo de Chans, Bueu. 


"Castelo" de María Méndez (3º ESO B)
Leira dos Condes (Bosque Encantado), Aldán.


Premiado e premiadas co curso de fotografía

“Refuxio de pastores” de Manuel Gámez (1º ESO B)
Cabo Udra, Bueu.


“Massó, lugar de traballo abandoado” de Iria Villanueva (4º ESO B)
Exterior da factoría baleeira de Massó, Cangas.


"O Santo do Mar" de Maica Morgado (2º ESO B)
Praia do Santo, Marín.

Noraboa a todos e todas!


    Á volta da vindeira semana de vacacións terá lugar un acto no que se fará entrega, aos autores e autoras das distintas fotografías, dunha certificación pola súa participación.

29/03/19

Recital poético sobre Emma Pedreira

     O sábado 30 de marzo ás 12:00 h. terá lugar, na Sala Amalia Domínguez Búa de Bueu, un recital poético sobre a escritora galega Emma Pedreira, gañadora do premio Johan Carballeira de poesía nos anos 1998 e 2000.
    
     Grazas a Daniel Chapela, da Axencia de Lectura de Meiro, tivemos a sorte de dispoñer na biblioteca do noso centro dunha ampla selección da obra desta escritora.
     
     Moitas grazas!


22/03/19

Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

     Unha ano máis abre as súas portas o Salón do Libro Infantil e Xuvenil no Pazo da Cultura de Pontevedra. Exposicións, rutas, contacontos, obradoiros, teatro e espectáculos musicais serán de novo os protagonistas nesta XX edición que, a través da temática da revolución, pretende achegar á mocidade a reflexión e o pensamento crítico.
      O Salón permanecerá aberto desde o 22 de marzo ata o 12 de abril no seguinte horario:
  • De luns a xoves: De 17.00 a 20.00 h.
  • Os venres: De 17.00 a 20.30 h
  • Os sábados e domingos: De 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 h.
  • O Recinto Feiral, ademais, abre sábado e domingo todo o día.
     Recorda que algunhas das actividades requiren inscrición previa. Consulta o programa completo na imaxe seguinte.
https://pontevedraviva.com/uploads/arquivos/11_programa_salon_2019.pdf

18/03/19

Club de lectura e xogos co CEIP Torre-Cela

     O alumnado de 1º da ESO A do club de lectura "Ons, a illa do tesouro" recibimos o pasado venres ao alumnado do club de lectura CEIP Torre-Cela, acompañados da súa profesora Sandra. Comemos todos xuntos e logo xogamos no patio, nun día espléndido, ao "Bull-dog", "O pobo dorme" e ao "Catapún, chimpún". Na biblioteca, Antía (3ºA) e Noel (1ºA) -facendo estupendamente un papel feminino- representaron unha breve peza teatral sobre os problemas das parellas de adolescentes. Despois, unha parte do alumnado de 1ºA leu unha peza teatral creada á súa medida para reflectir as relacións entre eles e dentro do centro. Unha xornada realmente divertida que resumimos neste vídeo, editado por Ariadna Domínguez a partir das imaxes gravadas por Gabriel e Laura.


11/03/19

Conmemoración do 8 de Marzo

     O Concello de Bueu e o Centro de Información ás Mulleres (CIM) organizaron para o día de hoxe un acto co fin de conmemorar o Día Internacional da Muller. O noso centro foi o encargado de inauguralo cunha actuación baseada no musical Miserábeis, adaptada á revolución feminista. Esta posta en escena supón unha mostra do proxecto colaborativo e interdisciplinar sobre a obra de Víctor Hugo que estamos a levar a cabo no noso centro desde o inicio de curso e que representaremos publicamente ao remate deste.


      Ademais desta representación, tivo lugar a entrega dos premios correspondentes ao concurso "A igualdade no traballo" nas modalidades de ilustración e literatura. Antía Novas Arribas, alumna de 3º ESO A do noso centro, foi premiada no certame literario pola súa biografía de Christine de Pizan. Noraboa!
Fotografía dos participantes na actuación cos premiados e premiadas nos dous certames.
     
     Deixámosvos cun fragmento da Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá, redactada por Olympe de Gouges en 1791.

Home, es quen de ser xusto?
  1. A muller nace libre e permanece igual ao home en dereitos. 
  2.  O obxectivo de toda asociación política é a conservación dos dereitos naturais e imprescriptibles da Muller e do Home; estes dereitos son a liberdade, a propiedade, a seguridade e, sobre todo, a resistencia á opresión. 
  3.  O principio de toda soberanía reside esencialmente na Nación que non é máis que a reunión da Muller e o Home: ningún corpo, ningún individuo, pode exercer autoridade que non emane deles. 
  4. A liberdade e a xustiza consisten en devolver todo o que pertence aos outros; así, o exercicio dos dereitos naturais da muller só ten por límites a tiranía perpetua que o home lle opón; estes límites deben ser corrixidos polas leis da natureza e da razón. 
  5. As leis da natureza e da razón prohiben todas as accións prexudiciais para a Sociedade: todo o que non estea prohibido por estas leis, prudentes e divinas, non pode ser impedido e ninguén pode ser obrigado a facer o que elas non ordenan. 
  6. A lei debe ser a expresión da vontade xeral; todas as Cidadás e Cidadáns deben participar na súa formación persoalmente ou por medio dos seus representantes. Debe ser a mesma para todos; todas as cidadás e todos os cidadáns, por ser iguais aos seus ollos, deben ser igualmente admisibles a todas as dignidades, postos e empregos públicos, segundo as súas capacidades e sen máis distinción que a das súas virtudes e os seus talentos. 
  7. Ningunha muller pode ser eximida de ser acusada, detida e encarcerada nos casos determinados pola Lei. As mulleres obedecen como os homes a esta Lei rigorosa. 
  8. A Lei só debe establecer penas estritas e evidentemente necesarias e ninguén pode ser castigado máis que en virtude dunha Lei establecida e promulgada anteriormente ao delito e legalmente aplicada ás mulleres. 
  9. Sobre toda muller que fose declarada culpable caerá todo o rigor da Lei. 
  10.  Ninguén debe ser molestado polas súas opinións incluso fundamentais; se a muller ten o dereito de subir ao cadalso, debe ter tamén igualmente o de subir á Tribuna con tal que as súas manifestacións non alteren a orde pública establecida pola Lei. 
  11. A libre comunicación dos pensamentos e das opinións é un dos dereitos máis preciosos da muller, posto que esta liberdade asegura a lexitimidade dos pais con relación aos fillos. Toda cidadá pode, pois, dicir libremente, son nai dun fillo que vos pertence, sen que un prexuízo bárbaro a force a disimular a verdade; coa excepción de responder polo abuso desta liberdade nos casos determinados pola Lei. 
  12.  A garantía dos dereitos da muller e da cidadá implica unha utilidade maior; esta garantía debe ser instituida para vantaxe de todos e non para utilidade particular daquelas a quen é confiada. 
  13. Para o mantemento da forza pública e para os gastos de administración, as contribucións da muller e do home son as mesmas; ela participa en todas as prestacións persoais, en todas as tarefas penosas, por tanto, debe participar na distribución dos postos, empregos, cargos, dignidades e outras actividades. 
  14. As Cidadás e Cidadáns teñen o dereito de comprobar, por si mesmos ou por medio dos seus representantes, a necesidade da contribución pública. As Cidadás unicamente poden aprobala se se admite unha repartición igual, non só na fortuna senón tamén na administración pública, e se determinan a cota, a base tributaria, a recadación e a duración do imposto. 
  15. A masa das mulleres, agrupada coa dos homes para a contribución, ten o dereito de pedir contas da súa administración a todo axente público. 
  16. Toda sociedade na que a garantía dos dereitos non estea asegurada, nin a separación dos poderes determinada, non ten constitución; a constitución é nula se a maioría dos individuos que compoñen a Nación non cooperou na súa redacción. 
  17. As propiedades pertencen a todos os sexos reunidos ou separados; son, para cada un, un dereito inviolable e sagrado; ninguén pode ser privado dela como verdadeiro patrimonio da natureza a non ser que a necesidade pública, legalmente constatada, esíxao de maneira evidente e baixo a condición dunha xusta e previa indemnización.

03/03/19

Entroido 2019

     O venres 1 de marzo celebramos o entroido no IES Illa de Ons. Ademais dun concurso de disfraces por grupos houbo karaoke e os certames habituais de elaboración de doces típicos desta época e de caretas e cabezudos.

     Os traballos premiados no concurso de caretas e cabezudos foron os seguintes:

Primeiros premios
 Antía Novas Arribas (3ºA)
Ariadna Domínguez Cabanelas (1ºA)
Lois Carracelas Mayo (1ºA)

Segundos premios
 Zulema González Nores (1ºA)
Breixo Freire Álvarez (1ºB)
Noemí Fernández Barcia (1ºB)

Terceiros premios
Brais Castro Cabaleiro (1ºB)
Noel Martínez Parada (1ºA)
Saúl Cancelas Estévez (1ºB)

Noraboa a todos e todas pola calidade dos traballos presentados!

     Recordade que o entroido en Bueu continúa. Consulta o programa de actividades na seguinte imaxe.

https://concellodebueu.gal/wp-content/uploads/2019/02/programa-entroido-2019-1.pdf