Foto biblioteca

Foto biblioteca

26/05/23

Seguindo os pasos do Capitán Nemo

Escultura do Capitán Nemo e buzos do Nautilus na praia de Cesantes

    O 18 de febreiro de 1868, o capitán Nemo chegaba á Ría de Vigo a bordo do Nautilus para facerse cos tesouros de Rande. O capítulo VIII da segunda parte do libro "20.000 leguas de viaxe submarina", dá a coñecer a batalla librada en outubro de 1702 durante a Guerra de Sucesión entre españois e ingleses e que deu como resultado o afundimento da “Frota de Ouro”, cargada con tesouros procedentes do continente americano.

     "O capitán levantouse e rogoume que o seguise. Obedecinlle, xa recuperado o meu sangue frío. O salón estaba escuro, pero a través dos cristais transparentes refulxía o mar. Mirei.

     Nun radio de media milla en torno ao Nautilus as augas estaban impregnadas de luz eléctrica. Víase claramente o fondo areoso. Homes da tripulación equipados con escafandras ocupábanse de inspeccionar bocois medio podrecidos, cofres desfeitos no medio de restos ennegrecidos. Das caixas e dos barrís escapaban lingotes de ouro e prata, fervenzas de piastras e de xoias. O fondo estaba sementado deses tesouros. Cargados do precioso botín, os homes regresaban ao Nautilus, depositaban nel a súa carga e volvían emprender aquela inesgotable pesca de ouro e de prata.

     Comprendín entón que estabamos no escenario da batalla do 22 de outubro de 1702 e que aquel era o lugar no que se afundiron os galeóns fretados polo goberno español. Alí era onde o capitán Nemo cubría as súas necesidades e lastraba con aqueles millóns ao Nautilus."

     Pero o suposto tesouro de Rande non foi só froito da imaxinación de Julio Verne, senón que desde hai decenas de anos foron moitos os que tentaron a súa procura. Aínda que se descoñece o paradoiro dos seus tesouros e se os coñecidos como "Galeóns de Rande" seguen mergullados ou non entre a Illa de San Simón e a Ponte de Rande, o certo é que este lugar deu orixe a multitude de historias e lendas. 


     Esta semana viaxamos por mar co alumnado de 1° e 2° de ESO, desde Cangas ata a Enseada de San Simón, para visitar o Museo de Meirande e coñecer o acontecido na famosa Batalla de Rande, o patrimonio industrial e histórico desta zona e os tesouros arqueolóxicos e culturais da época. A continuación desembarcamos na Illa de San Simón, unida á illa de San Antón por unha ponte, na que descubrimos a súa interesante historia como mosteiro, lazareto, cárcere e fogar para nenos orfos.

     Placa conmemorativa dedicada ao Capitán Nemo e á tripulación do Nautilus na Illa de San Simón

21/05/23

Tes un minuto?

 


     Informamos ao noso alumnado de que ata o 31 de maio pode presentar os seus vídeos para participar no certame “Tes un minuto?”, convocado polo EDL e coa colaboración da ANPA do IES Illa de Ons.
Bases do certame.

20/05/23

Torneo de xadrez

 


     Desde a biblioteca do IES Illa de Ons queremos animar ao alumnado, profesorado e persoal non docente a participar nun torneo de xadrez que estamos a organizar para comezos do mes de xuño. Aínda que non sexas unha eminencia neste xogo de estratexia, na bibioteca contamos con persoal altamente cualificado para, polo menos, repasar contigo as normas, movementos e algún que outro truquiño. 

     Anotádevos antes do 25 de maio no listado da biblioteca indicando, de ser o caso, a solicitude dunha clase urxente de nocións básicas.

14/05/23

Francisco Fernández del Riego

     Esta semana o Departamento de Lingua Galega e Literatura montou na entrada do centro unha exposición cunha colección de carteis e unha guía didáctica sobre Francisco Fernández del Riego, figura homenaxeada nesta ocasión polas Letras Galegas. Este material, elaborado polo IES Castelao de Vigo, amosa a vida e obra do autor como un camiño que nos convida a percorrer Ramón Sanfiz, o guía e protagonista do seu libro "Galicia".

     Por outra banda, a finais do mes de maio contaremos coa visita de Anxo Xoán Rajó Pazó, antigo profesor do noso centro, que vén presentar a biografía "Francisco Fernández del Riego, galeguista de acción e cultura" que o falecido Xosé Luís Franco Grande fixera no ano 2000 e que a editorial Ir Indo recupera nunha edición revisada e aumentada coa colaboración do propio Anxo Rajó.


Letras Galegas no Concello de Bueu

      Para conmemorar esta data, o Concello de Bueu presenta un amplo programa con propostas literarias e musicais a través das cales se lembrará ao autor homenaxeado.

     

12/05/23

Fotografías pola igualdade

    A Federación de ANPAS Compostela en colaboración coa Confederación ANPAS Galegas presenta a 5ª edición do Concurso Fotografías pola Igualdade, un evento dirixido ao alumnado e ás familias dos centros de infantil, primaria, secundaria e bacharelato, conservatorios e escolas de música públicos de Galicia. 

     O obxectivo deste concurso é capturar nunha fotografía como se percibe a igualdade en calquera ámbito da vida e fomentar a reflexión sobre este tema tan importante. Ademais, o proxecto tamén inclúe diversas actividades posteriores como charlas, contacontos ou exposicións itinerantes das fotografías das anteriores edicións naqueles centros educativos que o soliciten.

     Un xurado seleccionará as 10 mellores fotografías por categoría entre todas as presentadas, as cales recibirán como premio un libro en lingua galega adaptado á idade da persoa participante, excepto na categoría de familia, onde recibirán un diploma e a copia impresa da súa fotografía.

     Desde a biblioteca animamos a todas as familias e alumnado do  noso centro a participar nesta iniciativa que busca promover unha sociedade máis igualitaria e libre de violencia.

PRAZO DE INSCRICIÓN: ata as 23.59 h do día 16 de maio de 2023

MÁIS INFORMACIÓN: na web oficial do concurso:  http://fotografiaspolaigualdade.fanpacompostela.gal.

11/05/23

Cinema con perspectiva

     O alumnado de 1º ESO participou esta semana no programa "Cinema con perspectiva", unha iniciativa para incentivar a reflexión sobre a igualdade de xénero a través do cinema. A actividade, organizada desde o FIC Bueu, consistiu na proxección dunha serie de curtametraxes cun posterior coloquio sobre o papel da muller na sociedade. “Island”, “The Soloistes”, “Ah, les crocodiles”, “Vlekkeloos”, “Purl” e “Spoon” son os títulos das curtas que propiciaron a reflexión arredor de conceptos como a pobreza menstrual, o aborto clandestino, o feminicidio, a muller trofeo, as desigualdades, etc.

04/05/23

Un mar de solidariedade

    Como xa anunciabamos na anterior entrada do blog, o pasado sábado celebrouse en Bueu o II Festival Solidario Art for Change, promovido polo IES Johan Carballeira e o Concello de Bueu. Ao longo de toda a xornada desenvolvéronse diferentes actividades centradas na temática do mar, organizadas polos distintos centros educativos de Bueu e outras entidades colaboradoras, que permitiron recadar fondos para 13 grados e Save the Children. Desde o IES Illa de Ons queremos transmitir o noso agradecemento a toda a xente que colaborou nesta iniciativa.

   O seguinte vídeo recolle imaxes das actividades realizadas dentro da carpa instalada na Praza Massó e da participación do noso centro nesta proposta solidaria.


26/04/23

Festival solidario ART FOR CHANGE

   O próximo sábado 29 de abril terá lugar en Bueu o II Festival Art for Change, unha iniciativa solidaria impulsada polo IES Johan Carballeira, apoiada polo Concello e diversos colectivos da contorna, na que participarán os centros educativos de Bueu.

     Ao longo desta xornada desenvolveranse distintas actividades nunha carpa que vai estar instalada na Praza Massó. Haberá xogos, música, poesía, arte, experimentos e distintos produtos á venda, co fin de recadar fondos destinados á ONG Save the Children e a 13 grados, unha cooperativa dedicada á divulgación e conservación do medio mariño. Ademais hai organizadas conferencias, obradoiros e intervencións no exterior da carpa, no Centro Social do Mar e no Museo Massó, que completarán o programa desta feira solidaria.

     As actividades comezarán ás 8:00 h, coa confección por parte da Asociación de Cunchas e Flores dunha alfombra floral na Praza Massó, e a carpa principal abrirase ao público desde as 11:00 h. ata as 19:00 h. Consulta o programa para coñecer os horarios das distintas actuacións.

     O IES Illa de Ons terá, como os demais centros educativos, un posto de venda con produtos elaborados polo noso alumnado: bolsas, cadernos, linogravados, broches, chaveiros, colgantes e marcadores de páxinas. Ademais, unha parte do alumnado e do profesorado presentará ás 13:00 h., no exterior do Centro Social do Mar, a performance “Ninguén é ilegal”.

Mostra dalgúns produtos que teremos á venda na feira




25/04/23

Recomendacións lectoras


    O alumnado de 2º ESO fai unha serie de recomendacións lectoras dalgunhas das obras traballadas este curso na materia de Lingua e Literatura Castelá. "Bajo la misma estrella" de John Green, "Las lágrimas de Shiva" de César Mallorquí, "Los perros de agosto" de Alexis Ravelo e "Mentira" de Care Santos, son os libros dos que Mariña, Román, Anxo e Samuel falan nos seguintes vídeos.

Mariña Fernández Calo

Román Parada López

Anxo Martínez Vidal

Samuel Castro Souto

23/04/23

21/04/23

Marcadores, booktrailers e recomendacións lectoras

 Para conmemorar o 23 de abril, Día do Libro, na biblioteca do centro deseñamos distintos marcadores de páxinas combinando os haikus que o alumnado de 3ºESO creou para o Día da Poesía e algunhas das fotografías sobre a contorna mariña que propuxo facer o departamento de Bioloxía e Xeoloxía ao alumnado do centro. Estes deseños formarán parte do lote de produtos que o noso centro levará ao Festival Solidario Art for Changeque terá lugar en Bueu o próximo sábado 29 de abril.

    Por outra banda, o alumnado de 2º ESO está a elaborar unha serie de vídeos con booktrailers e recomendacións lectoras dalgunhas das obras que leron na materia de Lingua e Literatura Castelá neste trimestre. A vindeira semana publicaremos algúns deles.

01/04/23

Actividades do club de lectura

     Neste trimestre as xuntanzas do club de lectura co alumnado de 1º ESO centráronse na lectura do libro "La ratonera” de Agatha Christie. Na primeira sesión proxectamos un booktrailer da obra, protagonizado polo profesorado do noso centro, e realizamos lecturas compartidas para ir coñecendo as principais características dos personaxes. Nas seguintes xuntanzas o alumnado caracterizouse con distintos complementos para facer unha lectura dramatizada, poñéndose na pel dos oito protagonistas desta intrigante obra teatral.


     Por outra banda, o alumnado de 2º ESO que forma parte do club de lectura reuniuse na biblioteca para debater sobre distintos aspectos da obra de María Solar "Os nenos da varíola", unha novela baseada nun importante feito histórico, protagonizado por un grupo de nenos orfos que levaron a vacina da varíola a América. A viaxe, organizada en 1803 polo doutor Balmis e coa importante participación da enfermeira Isabel Zendal, supuxo a primeira expedición sanitaria a nivel mundial.

    


    

26/03/23

O mar é poesía

 Esta semana celebramos, nas aulas do IES Illa de Ons, o Día da Poesía. A selección de libros, tanto para a hora de ler como para a realización de distintas actividades propostas por diferentes departamentos, centráronse neste xénero literario. 

     Este ano quixemos traballar arredor do tema do mar como elemento inspirador da creación poética e, desde as materias de linguas, fíxose fincapé na lectura de dúas obras concretas: De catro a catro. Follas sin data d´un diario d´abordo de Manuel Antonio e Os abrazos do mar de Montserrat Villar González. O alumnado de 3º ESO participou nunha saída ata a praia Banda do Río, organizada desde a materia de Lingua e Literatura Castelá, para contemplar o mar, meditalo e sentilo, para posteriormente crear haikús ilustrados. Os grupos de 1º ESO elaboraron poemas obxecto con forma de barco a partir dos textos de Manuel Antonio e Montserrat Villar, manuscritos por varios alumnos e alumnas de distintos cursos. Ademais, proxectáronse na entrada do centro as vídeo-creacións que o alumnado de 4º ESO elaborou na materia de Lingua Galega e Literatura inspirándose na obra poética de Manuel Antonio.


15/03/23

8M

     Para conmemorar o 8M, no IES Illa de Ons expuxemos e traballamos nas aulas cos carteis da campaña deseñada polo alumnado da materia de Igualdade, na que se reproducen mensaxes relacionados coa desigualdade, a violencia de xénero, os estereotipos aínda vixentes na sociedade e as causas da discriminación de xénero. Esta semana o Museo Massó expón nunha das súas salas os carteis desta campaña.

     Ademais alumnas e alumnos de distintos cursos elaboraron pancartas reivindicativas que exhibiron nas manifestacións e concentracións convocadas o 8 de marzo e deseñaron chapas de Rosalía cun fragmento do poema “A xustiza pola man”. 

     Por outra banda, o alumnado de 4º ESO leu o libro “Ocho señales. Cuestión de vida o muerte” e o 9 de marzo recibiu a visita de Noelia Míguez Vázquez, vítima de violencia machista e autora do libro no que relata a súa historia.


09/03/23

Tes un minuto?

 O Equipo de Dinamización da Lingua e a ANPA do IES Illa de Ons convocan o II Certame de vídeos “Tes un minuto???”, dirixido ao alumnado do centro.

07/03/23

PREMIO POLA PROMOCIÓN DA IGUALDADE


     O alumnado de 2º ESO do IES Illa de Ons resultou gañador dun 2º premio no concurso de carteis convocado pola Xunta de Galicia co gallo da celebración do Día Internacional da Muller. O deseño gañador forma parte dunha campaña para fomentar a promoción da igualdade na contorna escolar, elaborada desde a materia de Igualdade de Xénero e coa colaboración da Biblioteca Escolar.


     A campaña centrouse na visibilización de mensaxes e novas falsas e a súa contrarréplica real arredor de lemas relacionados coa violencia de xénero, cos estereotipos aínda vixentes entre a mocidade, así como as causas e a orixe da discriminación de xénero; todos eles temas que se veñen traballando desde o comezo do curso, co fin de expoñer os resultados en dous días dedicados á reflexión sobre os dereitos das mulleres na sociedade actual: o 25 de novembro, Día Contra a Violencia de Xénero e o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

     Este proxecto artellouse en dúas partes. Dun lado, a construción de mensaxes “revirad@s” nos seus múltiples significados, como ideas que amosan malas intencións -perversas, malvadas-, que non obedecen ao que se lle manda -retorto, arrevesado-, como algo que ten moitas voltas ou ao que se lle pode dar moitas voltas, etc. En segundo lugar, a idea de “Patriarcadas”, pois moitas destas mensaxes resúltannos repugnantes e moitas veces expúlsanse pola boca como un automatismo, sen dixerir, é dicir, vomítanse.

     Seguindo este fío condutor, o alumnado traballou en grupos cooperativos, procurando na súa contorna máis inmediata e na rede -vídeos, chats, redes sociais, mensaxes, etc.- os lemas machistas que adoita escoitar, e que non sabe se son ou non verdade, ou que lles fan dubidar sobre cuestións ligadas ao feminismo, á igualdade, á violencia que sofren as mulleres. Na aula, analizáronse cada unha das loiadas escollidas polo alumnado ata facer unha selección destinada a amosarse nunha proposta gráfica ou audiovisual orixinal. Cada grupo de alumnos e alumnas traballou con fontes de información oficiais para a busca de datos relacionados coas mensaxes seleccionadas e poder así elaborar respostas axeitadas a ditos embustes.

    A partir de aquí, formuláronse dúas opcións de carteis que puidesen reflectir de forma gráfica as ideas vertebrais do proxecto: as “patriarcadas”, na que alumnos e alumnas vomitan loiadas machistas habituais, e as mensaxes “revirad@s” partindo da simulación dunha conversa de Whatssap. 








01/03/23

Entroido 2023

     Esta semana entregamos os premios aos cabezudos deseñados polos rapaces e rapazas de 1º ESO. O xurado outorgou tres premios en cada unha das dúas categorías: mellor elaboración e maior creatividade.

 

     No seguinte vídeo podedes ver un resumo da festa que organizamos no centro para celebrar este ano o entroido, na que non faltaron disfraces, bailes, filloas e moita, moita diversión.

26/02/23

Concurso de caretas e cabezudos

Un ano máis o IES Illa de Ons animou ao alumnado de 1º ESO a participar nun concurso de caretas e cabezudos para celebrar o Entroido. Este ano a temática proposta foi o mar e os traballos foron moi variados: peixes, mariñeiros, faros e moitos outros elementos propios da paisaxe mariña. 


  Mañá saberemos que deseños resultaron premiados!


14/02/23

De catro a catro

    O alumnado de 4º ESO estivo a traballar, na materia de Lingua e Literatura Galega, arredor da obra de diferentes autores das vangardas galegas. Entre as propostas prácticas realizadas destacan as pezas audiovisuais inspiradas no libro De catro a catro, de Manuel Antonio. Esta obra, escrita en 1928 e a única publicada en vida, foi composta durante a primeira travesía marítima do autor; consta de 19 poemas e preséntase como unha especie de caderno de bitácora onde o poeta vai anotando as súas vivencias na viaxe. 

     Amosamos aquí algúns dos estupendos vídeos que fixeron os rapaces e rapazas.

Rocío Comedeiro


Pedro Costas


Laura Patiño


Cristina Cruz


Antón Otero

08/02/23

Cita a cegas cun libro

     Desde a biblioteca propoñemos a seguinte actividade para o 14 de febreiro. Atréveste?