Foto biblioteca

Foto biblioteca

15/03/24

Cabezudas polo clima

     Este curso o IES Illa de Ons está a participar en TransformARTE 2.0: Arte en acción, un proxecto que combina arte e concienciación ambiental, co obxectivo de crear unha campaña visual para tomar conciencia sobre a situación do planeta ante os efectos do cambio climático.

    En 1ºESO colaboramos coa actividade “Cabezudas polo clima”, na que o alumnado investigou sobre distintas activistas ambientais que loitan, desde distintos lugares do mundo, contra o cambio climático. A pasada semana organizamos no centro unha exposición con carteis que recollen os resultados deste traballo de investigación, acompañados pola imaxes elaboradas en volume das cabezas das doce activistas.













13/03/24

Homenaxe ás avoas no 8M

    O venres pasado tivemos na biblioteca unha visita moi especial e das que máis ilusión fixo ao noso alumnado. Algunhas das avoas das rapazas e rapaces de 1º ESO achegáronse ao centro para compartir con nós unha data tan importante coma o 8 de marzo. O alumnado preparou, na materia de Lingua e Literatura Castelá, unha entrevista cunha serie de cuestións para coñecer un pouco máis as vivenzas destas mulleres desde a súa infancia. Ao finalizar, os netos e netas de cada unha delas entregáronlles unhas cartas redactadas con moito agarimo e agasalláronas cuns broches de flores de origami elaborados polo alumnado colaborador da biblioteca.

     Ademais, aproveitamos a súa visita para realizar con elas unha práctica de retrato fotográfico como parte do proxecto "Fotografía en curso", que estamos a desenvolver este ano no noso centro dentro do Plan Proxecta.

   Moitas grazas a todas! 

12/03/24

"A foto fala” e "Tes un minuto?"

      Lembramos á comunidade educativa do IES Illa de Ons que o Equipo de Dinamización da Lingua convocou para o presente curso dous certames audiovisuais: “A foto fala” e “Tes un minuto?”.

     O prazo para presentar os documentos do certame "A foto fala" amplíase ao 15 de abril e os vídeos de "Tes un minuto?" poderán entregarse ata o 26 de abril.



07/03/24

Delmira Agustini. A estraña dor dun pensamento.

    Esta semana tivemos a sorte de contar coa presenza da poeta Míriam Ferradáns na biblioteca. "¿No habéis sentido nunca el extraño dolor de un pensamiento? Delmira Agustini, la intrusa del Modernismo" é o título deste encontro literario co alumnado de 4ºESO, proposto desde a materia de Lingua e Literatura Castelá.

     Durante a súa exposición, Míriam falou das características fundamentais do Modernismo para entender a importancia da figura de Delmira, que foi capaz de ser quen quixo ser a pesar da súa procedencia e das circunstancias do seu país e que tratou o tema do desexo feminino, prohibido neses tempos para as mulleres.


“No me mata la muerte”. Curtametraxe realizado con intelixencia artificial sobre Delmira Agustini que foi proxectado durante a actividade.

02/03/24

Míriam Ferradáns e Delmira Agustini

     Esta semana, a escritora Míriam Ferradáns visitará o noso centro para realizar unha actividade co alumnado de 4º ESO, enmarcada no programa “Por qué leer a los clásicos”, promovido pola Dirección Xeral do Libro, do Cómic e da Lectura (Ministerio de Cultura e Deporte). Neste encontro literario, a autora achegará ao alumnado á figura de Delmira Agustini, unha das poetas máis representativas da poesía hispanoamericana do século XX.

29/02/24

25 anos do Salón do Libro

O vindeiro día 1 de marzo dará comezo o XXV Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra ata o día 17 de marzo.

     Baixo o lema "Maxia", a mostra, que este ano cumpre a súa vixésimo quinta edición, terá como protagonista principal a literatura infantil e xuvenil, mais contará cunha programación dirixida para público de todas as idades con multitude de propostas como actuacións teatrais, sesións de cinema, concertos de música ou charlas-coloquio, entre outras

     O horario do salón será de 17:00 a 20:00 h. de luns a venres e de 11:00 a 14:00 h. e de 16:30 a 20:00 h. os sábados e domingos.

23/02/24

Día de Rosalía

   

     Para conmemorar o 23 de febreiro, Día de Rosalía, propuxemos unha actividade para realizar cos distintos niveis educativos no espazo da biblioteca. Trátase dun xogo no que o alumnado, organizado en pequenos equipos, debía relacionar unha serie de obxectos con fragmentos de poemas de Rosalía.

30/01/24

O valo

     Para conmemorar a data de hoxe, Día da Paz, a coordinadora dos Clubs de Lectura propón para 1º ESO a obra “O valo”, de Carlos Labraña. 

"No medio do deserto, o Soldadiño de Chumbo, un neno soldado, chanta unha bandeira e coloca un valo de arame xusto onde o mapa marca a fronteira. Do outro lado do valo, Sahara, unha rapaza que foxe da guerra, trata de convencelo de que a deixe pasar, xa que está procurando un pozo onde saciar a súa sede. Peza dun único lance para dous personaxes coa guerra de Siria como pano de fondo, “O valo” propón unha emocionante reflexión sobre a igualdade e a paz entre todas as persoas e comunidades."

Sinopse publicada por Editorial Xerais

      Durante as vindeiras xuntanzas do club faremos unha lectura dramatizada, na que o alumnado caracterizarase interpretando os personaxes da obra.

27/01/24

Lecturas de Miserábeis

      Este curso retomamos no centro Miserábeis. O Musical, un proxecto de carácter interdisciplinario baseado na obra de Víctor Hugo, no que a nosa Comunidade Educativa traballou con grande dedicación durante os cursos 18/19 e 19/20. En marzo de 2020 a pandemia impediu a súa continuidade e agora o claustro do centro aprobou poñelo novamente en marcha, facendo partícipe ao alumnado, profesorado, persoal non docente, nais e pais do IES Illa de Ons. 

     Desde a biblioteca seleccionáronse tres adaptacións da obra mestra de Víctor Hugo para a súa lectura nos grupos de 2º ESO, 3º ESO e 4º ESO. Deste xeito facilitarase ao alumnado coñecer mellor a historia de Jean Valjean e dos personaxes das distintas clases sociais que o rodean na Francia do século XIX.

25/01/24

Microrrelatos

 O alumnado de 2º ESO traballou na materia de Lingua Galega o microrrelato. A continuación podedes ver unha selección dos textos acompañados con imaxes.




























17/01/24

Campionato de xadrez

     A partir do día 31 de xaneiro, durante os mércores do resto do trimestre, celebraremos na biblioteca do centro un campionato de xadrez. Todo o alumnado, profesorado e persoal  non docente interesado en participar, pode pasar pola biblioteca para anotarse antes desa data.



PRÓXIMAS PARTIDAS:




CLASIFICACIÓN:

14/01/24

Visita ao Museo Massó

     O pasado 12 de xaneiro o alumnado de 1º ESO visitou o Museo Massó en Bueu. Nas distintas salas de exposicións descubrimos a orixe do museo e explicáronnos o funcionamento de varios instrumentos e obxectos curiosos de navegación, quedamos abraiados coas impresionantes maquetas de barcos e as pedras litográficas coas que estampaban os deseños nas latas da conserveira e marabillounos a valiosa colección de libros antigos de temática naval, algúns deles incunables.

     Ademais participamos nun obradoiro práctico de nós mariñeiros básicos: cote, as de guía, oito, ballestrinque... e puidemos elaborar un chaveiro de bóla moi chulo.