Foto biblioteca

Foto biblioteca

21/03/25

Día da Poesía

     Coincidindo co equinoccio de primavera no hemisferio norte, cada 21 de marzo conmemórase o Día Mundial da Poesía, simbolizando así o florecemento da cultura e a lingua a través deste xénero literario. 

     No noso centro celebrámolo coa exposición dunhas fermosas Colaxes Literarias traballadas polo alumnado de 2º ESO na materia de Lingua Galega e Literatura.











13/03/25

Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra

   


     O domingo 16 de marzo inaugúrase en Pontevedra o XXVI Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil co espectáculo Contos de película! no Teatro Principal de Pontevedra.

     Francia é o país invitado desta edición, cunha programación específica que inclúe actividades deseñadas por persoas francesas e bretoas residentes en Galicia.

     Coma todos os anos, o Salón inclúe actividades dirixidas a todas as idades, para os máis pequenos hai contacontosespectáculos e visitas guiadas, mentres que os adultos poderán participar nos faladoiros VIP con autores como Ledicia Costas e Consuelo Vercherobradoiros de danza bretoa ou catas de viños.

     Recordámosvos que este ano un dos eventos máis esperados é a representación, por parte do noso centro, do musical Miserábeis, para o que as entradas están case esgotadas, así que xa podes ir a fume de carozo se aínda non tes a túa!

PROGRAMA COMPLETO DO SALÓN

08/03/25

8M

01/03/25

Miserábeis no Salón do Libro

     Queda moi pouco para o XXVI Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra e para o IES Illa de Ons esta edición é moi especial, xa que imos participar co musical Miserábeis. 

     Como a maioría de vós saberedes, esta obra presenta unha adaptación propia e integramente en galego da novela do escritor francés Victor Hugo. A historia, que na súa orixe transcorre na Francia do século XIX, trasládase agora a un ambiente máis galego, con referencias a temas actuais como a loita pola liberdade, a desigualdade social, a coraxe ou a revolución do pobo.


28 de marzo de 2025 ás 19:00 h
Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra

         Este proxecto desenvolveuse nunha primeira edición no curso 2018-2019, obtendo recoñecementos como o 1º Premio de Innovación en Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia e o 1º Premio na Categoría de Educación en Valores dos III Premios Provinciais á Xuventude da Deputación de Pontevedra. No curso 23-24 retomámolo coa participación de máis de 100 membros da comunidade educativa entre alumnado, profesorado, persoal de administración, familiares do alumnado e antigos alumnos e alumnas.

23/02/25

SAÚDE E TERRA!

Ilustración de Abi Castillo

Manifesto creado pola escritora Marga do Val para o Día de Rosalía de Castro. AELG. 


SAÚDE E TERRA!

Saúde e forza, animais terrestres!

Saúde e forza, para reclamarmos o dereito de vivirmos en galego, para sermos Galiza, esa palabra que nos sinala1.

Cantarte hei Galiza, na lingua galega, que así mo pediron, que así mo mandaron2.

Saúde, para a lingua pola que somos e seremos na terra que camiñamos, cuberta de palabras en todas as estacións do ano, de herbas e flores, de ventos que zoan cantigas e ríos e regatos pequenos, fervedoiros de arte a remexer pelouros... Palabras que nadan mares e bican cons, furnas e puntas sinaladas... Palabras, rapaciñas do lugar, palabras, toleirona mocidade.

 

Saúde para a lingua!

A lingua de Nós que quere facer bárbara e que con razóns e coñecementos espurios despreza, quen deserta da lama, da area, da laxe, da curota, por un banco de plástico dourado na opereta madrileña3, que confunde coa antesala das portas do Parnaso4. Tristes e vellos entes literarios, de vós, nada aprenderán en Terras de deserto, e nada tendes que ofrecer, tan lonxe da forza sedutora, da innovación na palabra travestida en cabaleiro das botas azuis5, trasno lúcido e único... Tristes entes, que querendo repenicar e bailar na festa ao mesmo tempo, regresan en texto traducido, agora pola IA e, sen vergoña, entran nos concursos literarios para representaren a nosa cultura.

Entes de lingua bífida, da Galicia boi de palla6, que imploran coa súa vasalaxe a mercé na casa do amo7, na sedución dun poder que non terán, aínda que poidan mover cada unha das dúas partes do seu músculo seccionado.

Esa casa do amo, que Rosalía de Castro nunca ocupou.

Pobre Galiza, non debes chamarte nunca española!8

 

Saúde, para pronunciarmos Gaza

Pola memoria de todas as Cándidas de Sobredo9, sementes de vida, mártires asasinadas en Palestina

Pola memoria de todos os meniños de manteiga, bonitos coma caraveis10, asasinados en Palestina

Pola memoria de todas as raparigas gabaxeiras e lindas, Estreliñas11, asasinadas en Palestina

Pola memoria de todas as Siñas Sinforosas12, que levan as contas das mortes do lugar, asasinadas en Palestina.

Pola memoria de toda a mocidade, de todas as alboradas, asasinadas en Palestina

Saúde, para non sermos cómplices deste xenocidio, despois de Armenia, despois de Auschwitz, despois de Rwanda...

 

Saúde para Nós, na Terra de Galiza, para reclamarmos o dereito de vivir en harmonía co lugar que desexamos traballar, suco vai, suco vén13; onde queremos que vivan todos os outros animais e sexan libres todas as marxes coloridas.

Saúde, desde o Ortegal ao Miño14, desde o Pico de Trevinca ao Aloia, desde o Careón15 ao Tegra,

Saúde, pola banda de Laiño, pola banda de Lestrove16, por cada lugar que mediu Fontán17 e situou con precisión no mapa, rostro do país.

Saúde, para defendermos a paisaxe e a vida, contra os pirómanos do monte, coa voz de Pura Vázquez18, contra o brazo armado do neoliberalismo máis letal, polas bestas e as vacas, polos soutos, as fragas e as carballeiras, porque aquí os muíños do vento19 son xigantes que nos mudan o sentido.

Saúde, para impedirmos o espolio, ese franquismo no interior da mina de Touro, toxicidade que mata, para berrarmos alto e claro: Non, Mina de Touro, Non!20

Saúde, para impedirmos a destrución da terra que queremos e labramos, do país dos mil ríos21, para contra todo, nun abrazo popular, de mans dadas polo Ulla, berrarmos até a Ría de Arousa22, alto e claro: Altri, Non!23

Porque vencerse é cousa de se tratar24.

Saúde, para defendermos quen nos cura e nos atende, para reclamarmos un ensino de calidade, neste mundo onde mingou a verdade25.

Saúde para Nós, e para ti, que vés de fóra, que chegas de duras travesías, agora connosco. Quero que veñas da man de Castelao26, aínda que non te chames Panchito... Quero que me contamines, para ennobelar as túas palabras coas miñas e aprendermos os nomes dos paxaros, os das árbores e atoparmos a flor do xilmendro27, e que cando eu che diga: come, neniña come, Ti me digas: iso é Teranga28, alimento das palabras entre linguas.

Saúde, para en alegre veciñanza dicirmos: Ola, ríos, Ola, fontes, Ola, regatos pequenos, vista dos meus ollos en que sempre nos veremos29...

Porque aquí, a festa facémola Nós: Arriba, toleirona mocidade! Que atruxaremos cantaremos o ala... lá30!

Saúde e Terra!31

 

1 Luísa Villalta, "Galiza, esa palabra", columna publicada no semanario A Nosa Terra, nº 1093 (don 31 de xullo ao 3 de setembro de 2003). Recollido en Libro das columnas, A Nosa Terra, 2005 e Editorial Galaxia, 2024.

2 Rosalía de Castro, "Has de cantar", Cantares gallegos, 1863.

3 Manifesto "Máis alá" de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro, 1922.

4 Rosalía de Castro, "Prólogo", Cantares gallegos, 1863.

5 Rosalía de Castro, El caballero de las botas azules, Cuento extraño, 1867.

Xoan Manuel Pintos, "Ou, Galicia, Galicia boi de palla" en A gaita gallega, 1853.

7 María Reimóndez: A casa do amo. Unha análise do discurso colonial e racista na literatura galega, Edicións Xerais, 2024.

8 Rosalía de Castro, "A GAITA GALLEGA. Resposta", Cantares gallegos,1963.

9 Cándida Rodríguez González, Mártir de Sobredo, asasinada o 28 de novembro de 1922 na protesta veciñal agrarista de Sobredo (Guillarei-Tui), fito da loita antiforal.

10 A. D. R. Castelao, "Era un meniño de manteiga...", Cousas, 1926.

11 R. Dieste, "Na morte de Estreliña", Dos arquivos do trasno, 1926.

12 A. D. R. Castelao, "Todos canto sabían algo da historia da vila", Cousas, 1926.

13 Xosé María Díaz Castro, "Penélope", Nimbos, 1961.

14 R. Cabanillas, "Himno de Acción Gallega", Da terra asoballada,1917.

15 Lorenzo Varela, "Ofrenda a los franceses", Correo literario, (1-X-1944); número especial da revista de Bos Aires dedicado á liberación de Francia da Alemaña nazi. Lorenzo Varela desde o seu exilio escribe este poema en que lle regala aos franceses, unha palabra, o topónimo Cairón (Monte Careón), símbolo da súa infancia.

16 Rosalía de Castro, "Como chove miudiño", Cantares gallegos, 1863.

17 Domingo Fontán Rodríguez, (Portas, 1788- Cuntis, 1866), ilustrado galego, autor da Carta xeométrica de Galicia, un mapa físico de Galiza. Traballo que realizou desde 1817 a 1834, utilizando métodos científicos e medicións matemáticas, foi o primeiro mapa topográfico e trigonométrico da Península Ibérica.

18 Pura Vázquez, "Ós pirómanos do monte", Desmemoriado río, Espiral Maior, 1997. Pode encontrarse o poema na revista Festa da palabra silenciada, núm. 22, 2006.

19 Rede Galega Stop Eólicos (RGSE).

20 Plataforma Veciñal Mina Touro- O Pino NON.

21 R. Otero Pedraio, Os país dos mil ríos, Edt. Castrelos, 1977.

22 Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.

23 Plataforma Veciñal Ulloa Viva.

24 Xela Arias, "Vencerse é cousa de se tratar", Intempériome, Espiral Maior, 2003.

25 "Porque no mundo menguou a verdade", cantiga de escarnio do trobador e clérigo do século XIII, Airas Nunes.

26 María Xosé Queizán, "Bueno Barato", Fóra de min, Sons Galicia, 1994.

27 Rosalía de Castro, "Miña Santa Margarida", Cantares gallegos, 1863.

28 Beatriz Maceda, Teranga, Edicións Xerais, 2024.

29 Rosalía de Castro, "Adiós ríos, adiós fontes", Cantares gallegos, 1863.

30 Rosalía de Castro, "Alborada", Cantares gallegos, 1863.

31 Saúdo empregado como acollemento ou despedida polas Irmandades da Fala. Frase coa que remata a editorial do primeiro número da revista Nós.

20/02/25

Día de Rosalía

     O 23 de febreiro é o Día de Rosalía e para celebralo elaboramos na nosa biblioteca un xogo de Pasapalabra. Moitas das palabras deste xogo están nalgúns poemas da autora que o alumnado poderá ler para completar o “rosco”.


     Queres xogar? Proba o Pasapalabra virtual.

11/02/25

XI Certame de Relato Curto

     Recordamos ao noso alumnado que ata o 31 de marzo poden presentarse ao certame de relato curto que anualmente convoca a FANPA


  • Os relatos deberán ser orixinais, inéditos, de temática libre e escritos en lingua galega. 
  • Poderá presentarse o alumnado dos centros públicos da provincia de Pontevedra e as persoas adultas (familiares, profesorado e alumnado universitario dos campus de Pontevedra e Vigo).
  • Cada autor/a só poderá presentar un relato que terá unha extensión mínima de 200 palabras e máxima de 300. 

BASES COMPLETAS

FORMULARIO DE INSCRICIÓN

28/01/25

Comeza o torneo de xadrez

 


     Durante os recreos dos mércores das vindeiras semanas terá lugar, no anexo da biblioteca, o torneo de xadrez do IES Illa de Ons.

22/01/25

A Foto Fala e Tes un minuto?

     Un ano máis, o Equipo de Dinamización da Lingua do IES Illa de Ons coa colaboración da ANPA, propón a participación do alumnado en dous certames audiovisuais: “A foto fala” e “Tes un minuto?”. 

     Consulta as bases nos seguintes carteis:


20/01/25

Torneo de xadrez

     Recordamos ao alumnado, profesorado e persoal non docente do IES Illa de Ons que aínda están a tempo de inscribirse no torneo de xadrez que terá lugar na biblioteca nas vindeiras semanas. Aínda que non controles moito deste xogo podes pasarte pola biblioteca un recreo a repasar as normas, movementos e algún que outro truquiño. 

     Anotádevos antes do 24 de xaneiro!

17/01/25

Últimas adquisicións da biblioteca

     Aquí tedes algunhas das adquisicións deste último mes da nosa biblioteca: xogos, historia, gramática e humor, igualdade, diversidade, lectura fácil... 
     Queremos destacar entre elas Tes terras? un xogo de mesa creado en Bueu por Pedro Meira e Paula Pastoriza, no que poderedes apropiarvos de diferentes lugares e parroquias do Morrazo e que, polo momento, atoparedes á venda en GÁIDIL.

26/12/24

Premio no X Concurso de Traballo por Proxectos

     A proposta #TransformARTE2.0: Arte en Acción traballada o pasado curso no noso centro coa colaboración da biblioteca, acaba de recibir un novo premio no X Concurso de Traballo por Proxectos. Este proxecto de carácter interdisciplinario combina a arte coa concienciación ambiental e a loita pola Igualdade co fin de crear unha campaña visual para expor a situación do planeta ante os efectos do cambio climático e as desigualdades aínda existentes.

     O traballo premiado analiza a pegada de xénero en todos os ámbitos da vida, tamén nos propios contidos e referentes que se propoñen dende as diferentes disciplinas e o eido educativo, ante o cal reivindicamos o liderado feminino no activismo polos dereitos humanos ou a creación de mulleres artistas non só como referentes históricos senón como parte esencial da conformación da mirada actual ante os temas que nos afectan no día a día.

17/12/24

Lecturas recomendadas

 


     Un ano máis, a Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo elaborou as seguintes guías de lectura en galego, recomendadas para agasallar nestas vacacións. Ademais das guías para secundaria, publicamos as dos demais niveis por se queredes comprar un regalo aos máis pequenos.

01/12/24

25 N

Para conmemorar o Día Internacional da non Violencia Contra as Mulleres, no IES Illa de Ons desenvolvéronse distintas actividades:


    O alumnado de 3º ESO participou nun Xogo de Escape con perspectiva de xénero, onde tiveron que liberar cadeados seguindo unha serie de pistas. A actividade estivo guiada por Anacos Educativos.




     Na materia de Educación en Valores o alumnado, organizado en grupos, deseñou distintas propostas baseadas na temática do feminismo, co obxectivo de reflexionar sobre distintas condutas machistas coas que diariamente nos atopamos.


     Ademais, no espazo de Polos Creativos, puxéronse a disposición do alumnado dos diferentes niveis varias actividades lúdicas nas que se abordaban temas como a alerta ante os micromachismos, os distintos tipos de violencia machista, a educación en igualdade ou a autoestima e a valoración persoal.


23/11/24

Premio ás Boas Prácticas en Igualdade

    O xoves 21 de novembro o IES Illa de Ons recolleu, na Deputación de Pontevedra, o I Premio de Boas Prácticas en Igualdade na categoría de Educación. 


     Os traballos presentados ao concurso e que foron desenvolvidos polo noso alumnado no pasado curso académico foron os seguintes:

CABEZUDAS POLO CLIMA (ALUMNADO DE 1º ESO)

     Campaña visual centrada no liderado de mozas de diferentes partes do mundo referentes no activismo climático e a prol da loita polos dereitos humanos. O alumnado acometeu unha fonda investigación sobre ditas activistas, así como sobre as catástrofes naturais acaecidas nas súas zonas de orixe para analizar a súa traxectoria histórica, as súas contribucións significativas no eido dos dereitos humanos, así como o seu impacto e legado para as vindeiras xeracións.


TRANSFORMARTE (ALUMNADO DE 2º E 3º ESO)

     Campaña visual desenvolvida a partir da transformación gráfica de obras de arte históricas reinterpretando o seu significado en relación cos Obxectivos de Desenrolo Sostible. Ao longo do proxecto creativo traballáronse os ODS relacionados directamente coa Igualdade de xénero, mais promoveuse tamén a revisión da pegada de xénero en aqueles ODS e contidos cunha relación indirecta; ademais, promoveuse o traballo a partir de obras de mulleres artistas.



#PELEXA (ALUMNADO DE 3º ESO)

    Proxecto de composición musical ligado á campaña de concienciación sobre as metas propostas polos ODS e a Igualdade, a partir da creación dunha letra e melodía orixinal inspirada na peza musical “Pelea” da artista galega Wöyza


CAMIÑOS NA MEMORIA (1º ESO)

     Esta iniciativa pon o foco na visibilidade da voz e imaxe das mulleres maiores, onde o alumnado preparou entrevistas ás súas avoas e desenvolveu un taller de fotografía para realizar unha exposición a partir dos seus retratos e a descrición emocional das súas figuras.


18/11/24

Novembro. Mes da ciencia en galego.



     Para conmemorar o Mes da Ciencia en Galego, o departamento de Bioloxía e Xeoloxía montou unha exposición na Biblioteca do centro sobre a célula. Os coloridos traballos, elaborados polo alumnado de 1º ESO, representan células animais e vexetais e as súas partes con distintos tipos de materiais.



     A Asesoría de bibliotecas escolares realizou unha recompilación de recursos dixitais, relacionados coa ciencia, en galego: libros e unidades didácticas descargables en formato pdf, páxinas web de institucións, museos e asociacións de profesores e divulgadores científicos, convocatorias e propostas, blogs de ciencia dos centros educativos, experiencias de bibliotecas escolares, etc. 

14/11/24

Concursos de terror

     A pasada semana tivo lugar na biblioteca o acto de entrega de premios dos tres concursos de terror convocados para celebrar o Samaín. No seguinte vídeo podedes ver imaxes das actividades realizadas e da entrega dos premios. 

Noraboa a todos/as participantes! 

CONCURSO DE DISFRACES GRUPO:

  • 3º premio: Elena Pastoriza e Yoel Sampedro (1º A).
  • 2º premio: Alexandre Costas e Mar Rodríguez (4º B).
  • 1º premio: Ángela Lino (2º B) e Elena Novas (3º A).

CONCURSO DE DISFRACES INDIVIDUAL:

  • 3º premio: Mario Villanueva (1º A).
  • 2º premio: Xaquín Fernández (1º A).
  • 1º premio: Carmen Rebollo (1º A).

CONCURSO DE DOCES:

  • 3º premio: Saínza Naveira e Iria López Rial (1º B).
  • 2º premio: Elena Pastoriza Cortizo (1º A).
  • 1º premio: Ángela Lino Pequeño (2º B).

CONCURSO DE RELATOS:

  • 1º- 2º ESO 
    • 2º premio: Miguel Vázquez (2º A).
    • 1º premio: Yoel Sampedro, Elena Pastoriza, Noa Gago e Carmen Rebollo (1º A).
  • 3º- 4º ESO 
    • 2º premio: Pablo López (3º A).
    • 1º premio: Elena Novas (3º A).

11/11/24

Biblioteca escolar, a escena!

   O pasado sábado 9 de novembro, a nosa compañeira Teté García presentou o proxecto Miserábeis, o Musical do IES Illa de Ons na Xornada de Bibliotecas Escolares 2024, celebrada no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. Baixo o lema "Biblioteca escolar, a escena!", nas xornadas deste curso falouse do poder do Teatro como soporte para diferentes relatos, da interpretación como linguaxe poderosa, o papel facilitador da biblioteca a través das novas linguaxes e espazos…