Foto biblioteca
06/03/22
Entroido
23/02/22
23 de febreiro. Día de Rosalía
En realidade, xa existían moitos indicios de que este sería o verdadeiro día do nacemento de Rosalía. A anterior data (24 de febreiro) dábase por boa en virtude da única proba documental acreditada que existía até o momento, a partida bautismal da autora, mais xa Murguía, no seu Diccionario de escritores gallegos, escribía que Rosalía nacera en Santiago o 23 de febreiro de 1837.
Fonte: ‘Nós Diario’
Vídeo:
Retratos creados por distintos artistas plásticos.
Música de Guadi Galego interpretando o poema “Tecín soia a miña tea”.
Tecín soia a miña tea,
sembrei soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
el non ha de virm'a erguer,
el xa non me pousará.
¡Que tristeza! O vento soa,
canta o grilo ó seu compás...
Ferve o pote... mais, meu caldo,
soíña t'hei de cear.
Cala, rula, os teus arrulos
ganas de morrer me dan;
cala, grilo, que si cantas,
sinto negras soïdás.
O meu homiño perdeuse,
ninguén sabe en onde vai...
Anduriña que pasache
con el as ondas do mar;
anduriña, voa, voa,
ven e dime ond'está.
Rosalía de Castro: Follas Novas.
21/02/22
Concurso de poesía e imaxe
BASES:
Admítense obras en calquera tipo de soporte e técnica: papel, tea, colaxe, fotografía, creación dixital, audiovisual, performance, escultura…
A temática é libre e cada alumno/a poderá presentar un máximo de tres obras.
As creacións, escritas en lingua galega, deberán ser inéditas e entregaranse, antes do 16 de marzo de 2022, na biblioteca do centro. As obras deberán identificarse cun pseudónimo e con elas, nun sobre pechado co mesmo pseudónimo escrito no exterior, incluiranse os seguintes datos: título da obra, nome, apelidos e curso do/a autor/a.
O xurado estará constituído por persoal docente e non docente do IES Illa de Ons, algún membro da ANPA e por unha persoa relacionada co mundo da arte e da literatura.
O fallo do xurado farase público o día 21 de Marzo, Día da Poesía, nun acto organizado na biblioteca do centro durante a hora do recreo. As obras finalistas serán expostas no centro e difundidas por distintos medios.
Os traballos premiados recibirán cheques para trocar en distintos establecementos de Bueu. Outorgaranse tres premios por cada nivel educativo. De non contar co nivel axeitado, o xurado resérvase o dereito a deixar deserto algún premio.
O feito de concursar neste certame implica a aceptación destas bases por parte do/a participante.
14/02/22
Día Mundial da Radio
10/02/22
SÓS
O alumnado de 4º ESO estivo a traballar, na materia de Lingua e Literatura Galega, arredor de distintos autores das vangardas. Unha das actividades que se lles propuxo foi a elaboración dunha creación audiovisual sobre a obra poética de Manuel Antonio.
A continuación podedes ver exemplos dalgúns dos traballos baseados no poema Sós, incluído no libro De catro a catro. Follas sin data d'un diario d'abordo.
04/02/22
Obradoiro de banda deseñada
Hoxe inaugurouse, na entrada do noso centro, unha exposición cos resultados do obradoiro de banda deseñada, realizado nos grupos de 3º ESO na materia de Lingua e Literatura Galega. A continuación podedes ver o listado de autores e autoras e unha selección de imaxes.
24/01/22
Concurso de literatura. Letras galegas 2022.
A Escola Galega de Administración Pública convoca, un ano máis, o Concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galega 2022.
- Participantes: poderán optar aos premios os nenos e nenas que teñan a súa vecindade administrativa en calquera dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia con idades comprendidas entre estas dúas categorías: de 9 a 11 anos e de 12 a 14 anos. A idade estará referida á data de finalización do prazo de presentación de traballos.
- Contido: Os contos deberán redactarse en lingua galega e a súa temática será libre, á elección das persoas participantes. Os textos deberán ser presentados en folios A4, mecanografados por unha soa cara, a un espazo e medio, con formato de fonte Times New Roman, tamaño 12, e cunha extensión mínima dun folio e máxima de cinco.
- Premios: en cada categoría existirán tres premios en metálico coa seguinte dotación económica:
- De 9 a 11 anos:
- 1º premio: 250 euros
- 2º premio: 200 euros
- 3º premio: 150 euros
- De 12 a 14 anos
- 1º premio: 250 euros
- 2º premio: 200 euros
- 3º premio: 150 euros
- Presentación de solicitudes: presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (PR775A). Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
- Prazo: un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia.
18/01/22
O humor en Carlos Casares
Durante estas semanas, o IES Illa de Ons acolleu a exposición Sorrisos por un mundo. O humor en Carlos Casares, unha mostra formada por sete paneis que tratan distintos aspectos do humor e procuran responder preguntas como Que é? Como xorde? Cantos tipos de humor hai? Para que serve? Cal e a histo‐ ria do humor en Galicia?
A exposición divídese en tres partes: a primeira trata de explicar o humor a partir da súa definición e características científicas esenciais (bioloxía, neuroloxía, sociedade, teorías sobre a súa finalidade…); a segunda trata de contextualizar a aparición no mundo do humor, así como de dar unha clase sobre o humor na literatura galega, desde a literatura popular ata os memes; e a terceira parte analiza a vida e a obra de Carlos Casares desde o humor, para pasar a desmitificar a figura do escritor mediante imaxes, fotografías e caricaturas aparecidas en prensa e durante as Letras Galegas de 2017.
A seguinte ligazón ofrece un libro-guía da exposición.
13/01/22
Textos vangardistas
Durante as últimas semanas do trimestre pasado, o alumnado de 4º ESO estivo a traballar sobre distintos textos vangardistas na materia de Lingua e Literatura Galega. Tras analizar as técnicas utilizadas por diferentes autores, crearon as súas propias composicións con colaxes de textos e imaxes que seleccionaron de xornais e revistas.
16/12/21
Nee Barros e Identidade
Unha das actividades que o alumnado de 4º ESO, matriculado na materia de Valores, realizou este primeiro trimestre foi a lectura de Identidade, unha obra teatral escrita polo autor Nee Barros. Onte Nee visitou o noso centro, charlou co alumnado sobre a súa obra e aclarou distintos aspectos relacionados coa identidade de xénero e a diversidade sexual, resolvendo diferentes dúbidas plantexadas de xeito anónimo polos rapaces e rapazas.
Ademais Nee colaborou cun grupo de rapazas na gravación dunha escena para un booktrailer sobre o libro Identidade, traballo proposto desde a materia de Educación Plástica Visual e Audiovisual.
13/12/21
Guía de lecturas e música recomendadas
Un ano máis, a coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo achega un listado de lecturas e música recomendadas para infantil, primaria, secundaria e persoas adultas. Este ano a guía está ilustrada por Fernanda Patricia, do IES As Barxas.
02/12/21
25N
O día 25 de novembro conmemoramos no noso centro o Día Internacional da Non Violencia contra as Mulleres.
Na materia de Igualdade, impartida en 2º ESO pola profesora Diana Vilas, o alumnado reflexionou arredor do concepto de masculinidade tradicional, co fin de obter un listado de actitudes e posicionamentos necesarios para crear unha nova masculinidade, alonxada do machismo e das desigualdades entre homes e mulleres. Unha parte do alumnado e do profesorado participou nunha sesión fotográfica na biblioteca para ilustrar a selección dos “10 HITS DA REVOLUCIÓN MASCULINA", cos que se deseñaron diferentes carteis seguindo a estética dos pósters publicitarios de moda. Con todo o material elaborado montouse unha exposición na entrada do centro.
Por outra banda, alumnos e alumnas de distintos cursos, dirixidos por Teté García, participaron nunha actividade no pavillón interpretando diferentes cancións, tocando instrumentos, bailando e recitando poemas, estes últimos escritos por Carlota Nores, alumna de 2º ESO. No seguinte vídeo podedes ver imaxes das actuacións nas que, coma todos os anos, destápanse moitos talentos ocultos dos rapaces e rapazas. Noraboa e grazas pola vosa participación.
26/11/21
CULTURGAL
Do 26 ao 28 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Venres 26 de 17 a 21h.
Sábado 27 e domingo 28, de 11 a 21h.
Consulta o programa cultur.gal
24/11/21
Encontro literario con Montse Villar
14/11/21
Escribíndome
“Tod@s levamos dentro historias fascinantes que rexistrar, para non esquecer, para saber quen somos, para aprender das experiencias vividas.É un exercicio de autoridade persoal que cando se practica regularmente enriquece a conversa con nós mesm@s e co mundo que nos rodea, mellora a nosa capacidade de comunicación, equilibra a nosa vida emocional e favorece a creatividade”.
Marisé Barreiro
10/11/21
Historias de terror
O pasado venres reunímonos na biblioteca para escoitar as interpretacións que unha parte do alumnado de 2º ESO fixo de distintas historias de terror. Brais, Saray, África, Tania, Óscar, Anxo, Nuria, Antía, Hugo, José Ángel, Óliver, Xoel, Carlota, Asier, Pepe, Adrián, María Ese, Eva, Juan e Ángel lograron facernos tremer de medo cos seus relatos, traballados na materia de Lingua Castelá coa profesora Marisa Mallo. As alumnas voluntarias da biblioteca, Ari, Leire e Dafne, colaboraron na ambientación do espazo.
No seguinte vídeo podedes ver algunhas imaxes desta xornada.
28/10/21
Tes un minuto?
1. A elaboración dun vídeo2. En galego3. Cunha duración de un minuto4. En formato mp4 e peso máximo de 90 MB.









