Foto biblioteca

Foto biblioteca

26/04/23

Festival solidario ART FOR CHANGE

   O próximo sábado 29 de abril terá lugar en Bueu o II Festival Art for Change, unha iniciativa solidaria impulsada polo IES Johan Carballeira, apoiada polo Concello e diversos colectivos da contorna, na que participarán os centros educativos de Bueu.

     Ao longo desta xornada desenvolveranse distintas actividades nunha carpa que vai estar instalada na Praza Massó. Haberá xogos, música, poesía, arte, experimentos e distintos produtos á venda, co fin de recadar fondos destinados á ONG Save the Children e a 13 grados, unha cooperativa dedicada á divulgación e conservación do medio mariño. Ademais hai organizadas conferencias, obradoiros e intervencións no exterior da carpa, no Centro Social do Mar e no Museo Massó, que completarán o programa desta feira solidaria.

     As actividades comezarán ás 8:00 h, coa confección por parte da Asociación de Cunchas e Flores dunha alfombra floral na Praza Massó, e a carpa principal abrirase ao público desde as 11:00 h. ata as 19:00 h. Consulta o programa para coñecer os horarios das distintas actuacións.

     O IES Illa de Ons terá, como os demais centros educativos, un posto de venda con produtos elaborados polo noso alumnado: bolsas, cadernos, linogravados, broches, chaveiros, colgantes e marcadores de páxinas. Ademais, unha parte do alumnado e do profesorado presentará ás 13:00 h., no exterior do Centro Social do Mar, a performance “Ninguén é ilegal”.

Mostra dalgúns produtos que teremos á venda na feira




25/04/23

Recomendacións lectoras


    O alumnado de 2º ESO fai unha serie de recomendacións lectoras dalgunhas das obras traballadas este curso na materia de Lingua e Literatura Castelá. "Bajo la misma estrella" de John Green, "Las lágrimas de Shiva" de César Mallorquí, "Los perros de agosto" de Alexis Ravelo e "Mentira" de Care Santos, son os libros dos que Mariña, Román, Anxo e Samuel falan nos seguintes vídeos.

Mariña Fernández Calo

Román Parada López

Anxo Martínez Vidal

Samuel Castro Souto

23/04/23

21/04/23

Marcadores, booktrailers e recomendacións lectoras

 Para conmemorar o 23 de abril, Día do Libro, na biblioteca do centro deseñamos distintos marcadores de páxinas combinando os haikus que o alumnado de 3ºESO creou para o Día da Poesía e algunhas das fotografías sobre a contorna mariña que propuxo facer o departamento de Bioloxía e Xeoloxía ao alumnado do centro. Estes deseños formarán parte do lote de produtos que o noso centro levará ao Festival Solidario Art for Changeque terá lugar en Bueu o próximo sábado 29 de abril.

    Por outra banda, o alumnado de 2º ESO está a elaborar unha serie de vídeos con booktrailers e recomendacións lectoras dalgunhas das obras que leron na materia de Lingua e Literatura Castelá neste trimestre. A vindeira semana publicaremos algúns deles.

01/04/23

Actividades do club de lectura

     Neste trimestre as xuntanzas do club de lectura co alumnado de 1º ESO centráronse na lectura do libro "La ratonera” de Agatha Christie. Na primeira sesión proxectamos un booktrailer da obra, protagonizado polo profesorado do noso centro, e realizamos lecturas compartidas para ir coñecendo as principais características dos personaxes. Nas seguintes xuntanzas o alumnado caracterizouse con distintos complementos para facer unha lectura dramatizada, poñéndose na pel dos oito protagonistas desta intrigante obra teatral.


     Por outra banda, o alumnado de 2º ESO que forma parte do club de lectura reuniuse na biblioteca para debater sobre distintos aspectos da obra de María Solar "Os nenos da varíola", unha novela baseada nun importante feito histórico, protagonizado por un grupo de nenos orfos que levaron a vacina da varíola a América. A viaxe, organizada en 1803 polo doutor Balmis e coa importante participación da enfermeira Isabel Zendal, supuxo a primeira expedición sanitaria a nivel mundial.

    


    

26/03/23

O mar é poesía

 Esta semana celebramos, nas aulas do IES Illa de Ons, o Día da Poesía. A selección de libros, tanto para a hora de ler como para a realización de distintas actividades propostas por diferentes departamentos, centráronse neste xénero literario. 

     Este ano quixemos traballar arredor do tema do mar como elemento inspirador da creación poética e, desde as materias de linguas, fíxose fincapé na lectura de dúas obras concretas: De catro a catro. Follas sin data d´un diario d´abordo de Manuel Antonio e Os abrazos do mar de Montserrat Villar González. O alumnado de 3º ESO participou nunha saída ata a praia Banda do Río, organizada desde a materia de Lingua e Literatura Castelá, para contemplar o mar, meditalo e sentilo, para posteriormente crear haikús ilustrados. Os grupos de 1º ESO elaboraron poemas obxecto con forma de barco a partir dos textos de Manuel Antonio e Montserrat Villar, manuscritos por varios alumnos e alumnas de distintos cursos. Ademais, proxectáronse na entrada do centro as vídeo-creacións que o alumnado de 4º ESO elaborou na materia de Lingua Galega e Literatura inspirándose na obra poética de Manuel Antonio.


15/03/23

8M

     Para conmemorar o 8M, no IES Illa de Ons expuxemos e traballamos nas aulas cos carteis da campaña deseñada polo alumnado da materia de Igualdade, na que se reproducen mensaxes relacionados coa desigualdade, a violencia de xénero, os estereotipos aínda vixentes na sociedade e as causas da discriminación de xénero. Esta semana o Museo Massó expón nunha das súas salas os carteis desta campaña.

     Ademais alumnas e alumnos de distintos cursos elaboraron pancartas reivindicativas que exhibiron nas manifestacións e concentracións convocadas o 8 de marzo e deseñaron chapas de Rosalía cun fragmento do poema “A xustiza pola man”. 

     Por outra banda, o alumnado de 4º ESO leu o libro “Ocho señales. Cuestión de vida o muerte” e o 9 de marzo recibiu a visita de Noelia Míguez Vázquez, vítima de violencia machista e autora do libro no que relata a súa historia.


09/03/23

Tes un minuto?

 O Equipo de Dinamización da Lingua e a ANPA do IES Illa de Ons convocan o II Certame de vídeos “Tes un minuto???”, dirixido ao alumnado do centro.

07/03/23

PREMIO POLA PROMOCIÓN DA IGUALDADE


     O alumnado de 2º ESO do IES Illa de Ons resultou gañador dun 2º premio no concurso de carteis convocado pola Xunta de Galicia co gallo da celebración do Día Internacional da Muller. O deseño gañador forma parte dunha campaña para fomentar a promoción da igualdade na contorna escolar, elaborada desde a materia de Igualdade de Xénero e coa colaboración da Biblioteca Escolar.


     A campaña centrouse na visibilización de mensaxes e novas falsas e a súa contrarréplica real arredor de lemas relacionados coa violencia de xénero, cos estereotipos aínda vixentes entre a mocidade, así como as causas e a orixe da discriminación de xénero; todos eles temas que se veñen traballando desde o comezo do curso, co fin de expoñer os resultados en dous días dedicados á reflexión sobre os dereitos das mulleres na sociedade actual: o 25 de novembro, Día Contra a Violencia de Xénero e o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

     Este proxecto artellouse en dúas partes. Dun lado, a construción de mensaxes “revirad@s” nos seus múltiples significados, como ideas que amosan malas intencións -perversas, malvadas-, que non obedecen ao que se lle manda -retorto, arrevesado-, como algo que ten moitas voltas ou ao que se lle pode dar moitas voltas, etc. En segundo lugar, a idea de “Patriarcadas”, pois moitas destas mensaxes resúltannos repugnantes e moitas veces expúlsanse pola boca como un automatismo, sen dixerir, é dicir, vomítanse.

     Seguindo este fío condutor, o alumnado traballou en grupos cooperativos, procurando na súa contorna máis inmediata e na rede -vídeos, chats, redes sociais, mensaxes, etc.- os lemas machistas que adoita escoitar, e que non sabe se son ou non verdade, ou que lles fan dubidar sobre cuestións ligadas ao feminismo, á igualdade, á violencia que sofren as mulleres. Na aula, analizáronse cada unha das loiadas escollidas polo alumnado ata facer unha selección destinada a amosarse nunha proposta gráfica ou audiovisual orixinal. Cada grupo de alumnos e alumnas traballou con fontes de información oficiais para a busca de datos relacionados coas mensaxes seleccionadas e poder así elaborar respostas axeitadas a ditos embustes.

    A partir de aquí, formuláronse dúas opcións de carteis que puidesen reflectir de forma gráfica as ideas vertebrais do proxecto: as “patriarcadas”, na que alumnos e alumnas vomitan loiadas machistas habituais, e as mensaxes “revirad@s” partindo da simulación dunha conversa de Whatssap. 








01/03/23

Entroido 2023

     Esta semana entregamos os premios aos cabezudos deseñados polos rapaces e rapazas de 1º ESO. O xurado outorgou tres premios en cada unha das dúas categorías: mellor elaboración e maior creatividade.

 

     No seguinte vídeo podedes ver un resumo da festa que organizamos no centro para celebrar este ano o entroido, na que non faltaron disfraces, bailes, filloas e moita, moita diversión.

26/02/23

Concurso de caretas e cabezudos

Un ano máis o IES Illa de Ons animou ao alumnado de 1º ESO a participar nun concurso de caretas e cabezudos para celebrar o Entroido. Este ano a temática proposta foi o mar e os traballos foron moi variados: peixes, mariñeiros, faros e moitos outros elementos propios da paisaxe mariña. 


  Mañá saberemos que deseños resultaron premiados!


14/02/23

De catro a catro

    O alumnado de 4º ESO estivo a traballar, na materia de Lingua e Literatura Galega, arredor da obra de diferentes autores das vangardas galegas. Entre as propostas prácticas realizadas destacan as pezas audiovisuais inspiradas no libro De catro a catro, de Manuel Antonio. Esta obra, escrita en 1928 e a única publicada en vida, foi composta durante a primeira travesía marítima do autor; consta de 19 poemas e preséntase como unha especie de caderno de bitácora onde o poeta vai anotando as súas vivencias na viaxe. 

     Amosamos aquí algúns dos estupendos vídeos que fixeron os rapaces e rapazas.

Rocío Comedeiro


Pedro Costas


Laura Patiño


Cristina Cruz


Antón Otero

08/02/23

Cita a cegas cun libro

     Desde a biblioteca propoñemos a seguinte actividade para o 14 de febreiro. Atréveste?


14/12/22

Lecturas, música e xogos recomendados

    Un ano máis, a Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo elaborou as seguintes guías de lectura, música e xogos en galego, recomendados para agasallar nestas vacacións. Ademais das guías para secundaria, publicamos as dos demais niveis por se queredes comprar un galano aos máis pequenos.


12/12/22

Os abrazos do mar

 O vindeiro luns 19 de decembro, Montserrat Villar, poeta e profesora no noso centro durante o curso 2020/2021, fará a presentación do libro de poemas "Os abrazos do mar". 


Neste novo libro de poemas bilingüe castelán/galego, a poeta mira ao mar desde a beira, desde a fronteira e vaino contemplando e debullando en tres tons reflexivos, contidos, como un presente continuo cos adxectivos precisos: o mar como metáfora do eterno retorno e do perpetuo movemento da existencia; o mar da inmensidade, horizonte de ausencias sucado polas aves e os barcos, sempre lonxe; é o mar de todos os días, do porto e da praia coa súa trasfega ao longo das estacións. Non é o mar do ser amado que se afastou nunha cantiga. É o mar cos pés na terra, na area, onde se confunde o incontable co infinito, cachizas de montañas trituradas no tempo con cunchas, espiñas, esqueletos: Os pés pisan esa amálgama / de existencia e semente fosilizada / sen coñecer a exactitude do final .// As mans amasan a terra / que se empeña en fuxir entre os dedos / sen explicación nin conciencia. (Fragmento do prólogo)

            Comentario publicado pola Editorial Lastura 

05/12/22

Xuntanzas do club de lectura de 1º ESO

     Os días 28 de novembro e 5 de decembro comezamos coas primeiras actividades do club de lectura nos grupos de 1º ESO. Reunímonos despois do xantar co alumnado de 1º A e B na biblioteca, para ler e debater sobre distintos aspectos dunha das obras literarias máis coñecidas de Julio Verne, "Veinte mil leguas de viaje submarino". 


     A coordinadora do club animou ao alumnado a analizar as características dos personaxes e dos seus nomes; tamén fixemos un repaso cronolóxico de diferentes momentos da obra a través de varias das súas ilustracións e estudamos as particularidades dalgúns dos animais mariños que aparecen no libro. Ademais realizamos unha lectura compartida dunha parte deste, intercambiamos impresións sobre distintos fragmentos e visualizamos un anaco da versión de debuxos animados de 1985, do director Warwick Gilbert.

24/11/22

#25N_REVIRAD@S

Con motivo da conmemoración do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, as profesoras da materia de Igualdade propuxeron aos alumnos e alumnas de 2º ESO realizar unha pescuda sobre algunhas ideas falsas, relacionadas co feminismo e a violencia de xénero, que con frecuencia se vomitan nas redes e na rúa.

O fío condutor deste proxecto foi, por un lado, a idea de mensaxes reviradas nos seus múltiples significados, como ideas que amosan malas intencións ou que non obedecen ao que se lles manda. Por outro lado, a idea de "patriarcadas", pois moitas desas mensaxes resúltannos repugnantes e en numerosas ocasións expúlsanse pola boca como un automatismo, sen dixerir, é dicir, vomítanse.

O alumnado traballou en grupos indagando sobre as mensaxes machistas, seleccionando unha idea para traballar a súa resposta e elaborando un cartel creativo para visibilizala. Coa colaboración da Biblioteca creouse unha campaña publicitaria composta por dous grupos de carteis, na serie PATRIARCADAS alumnado e profesorado vomitan unha selección das distintas ideas machistas falsas ás que se lles dá a volta na serie REVIRAD@S, onde os argumentos expóñense por medio de conversas de Whatsapp.