Foto biblioteca

Foto biblioteca

01/11/25

Unha xornada terrorífica

      O luns da pasada semana celebramos no noso centro o Samaín. No recreo da mañá tivo lugar un velorio na biblioteca, no que despedimos ao defunto Adrián Ticipado Palmou, con varios discursos elaborados polo alumnado de 1º ESO e cos prantos dun grupo de choronas. Na entrada do centro publicamos unha serie de noticias terroríficas, redactadas polo alumnado de 2º ESO a partir da lectura de relatos de terror de diversos autores.


     Pola tarde, o alumnado de 4º ESO aterrorizou ao resto dos estudantes nunha pasaxe arrepiante, na que eles mesmos interpretaron distintos personaxes e elaboraron varias escenografías sanguinolentas. Ademais celebramos no pavillón os habituais concursos de doces e de disfraces de terror. Noraboa a todos/as participantes! 

CONCURSO DE DISFRACES GRUPO:

  • 3º premio: Carmen Rebollo, Elena Pastoriza, Leyre Sotelo e Noa Gago (2ºA) coa profe Raquel.
  • 2º premio: Cloe Santos (1ºA) e Paula Costas (1ºB).
  • 1º premio: Noa Otero (3ºA), Laura Agulla e Leire Fernández (3ºB).

CONCURSO DE DISFRACES INDIVIDUAL:

  • 3º premio: Borja Freire (2ºA).
  • 2º premio: Pablo López (3ºA).
  • 1º premio: Iván Souto (2ºB).

CONCURSO DE DOCES:

  • 3º premio: Elena Novas (4ºA).
  • 2º premio: Yoel Sampedro e Rami García (2º A).
  • 1º premio: Hugo Rodríguez (4ºA).

24/10/25

Día das Bibliotecas contra a desinformación

  

    Este ano, o Día das Bibliotecas dedícase á loita contra a desinformación. Co obxectivo de concienciar ao alumnado sobre a importancia de acceder a fontes fiables, contrastar información e desenvolver o pensamento crítico, o xornalista César Rodríguez ofrecerá un relatorio sobre a IA (desInformAción) na biblioteca do IES Urbano Lugrís, de Malpica. Abordará cuestións como que é a desinformación, en que contexto se produce, a IA e a sabedoría das multitudes: algo é certo se se repite moito, imaxes e vídeos: autopistas para a desinformación e facilitará pautas para combater a desinformación clásica e a nova.

     A charla está pensada para alumnado de educación secundaria e emitirase en directo por diferentes canles de La Voz de Galicia e o seu programa educativo (Prensa-Escuela). Poderemos conectarnos hoxe en directo (10:00 horas) coa emisión e seguir o relatorio, así coma enviar preguntas pola canle de YouTube: https://youtube.com/@lavozdegalicia?si=E3pZQS9-cN8lJLv4

     Esta actividade quedará dispoñible en diferentes plataformas para que poidamos acceder ao contido en diferido.

22/10/25

Samaín no Illa de Ons

      Un ano máis o IES Illa de Ons festexará o Samaín con distintas actividades terroríficas. O luns 27 de outubro despediremos, durante a hora do recreo, a don Adrián Ticipado Palmou, cuxa necrolóxica redactou o alumnado de 3º ESO.

   Na biblioteca teremos expostas as noticias elaboradas polo alumnado de 2º ESO a partir da lectura de distintos relatos de terror e cara o final da mañá organizaranse visitas guiadas a un espazo ata agora descoñecido que nunca ninguén esquecerá… 

     Durante a tarde do luns celebraremos o concurso de doces espantosos Monsterchef e o concurso de disfraces de medo, aos que está todo o mundo invitado a participar. Animádevos!

    Se buscas ideas para un disfrace con estilo e historia, podes mergullarte na literatura de terror. Os libros están cheos de monstros, pantasmas e figuras que dan moito xogo, coma o Conde Drácula, elegante e escuro, ou a criatura de Frankenstein, con cicatrices e parafusos incluídos. Outras opcións son Mr. Hyde, o lado escuro de Dr. Jekyll, cun disfrace metade cabaleiro, metade monstro; o Corvo de Edgar Allan Poe, cunha capa negra, plumas e maquillaxe escura; o Home Invisible, con vendas e sombreiro, ou Carmilla, a vampira á que María Solar homenaxea en Adeline.

21/10/25

Obradoiro de Podcast e Radio

     A pasada semana tivemos o a sorte de contar coa visita de Damián Alonso, recoñecido profesional do mundo da comunicación e da dobraxe, que impartiu unha serie de obradoiros de radio e podcast, dirixidos ao alumnado de 1º de ESO e a parte do profesorado e do persoal non docente do Illa de Ons.

     Durante as distintas sesións, que se desenvolveron na aula de Polos Creativos, puidemos iniciarnos na creación de podcasts dunha maneira dinámica e participativa. Damián explicounos como deseñar grellas e guións radiofónicos e deunos pautas para mellorar a locución, coma os cambios de ritmo, de ton ou de intensidade. Tanto alumnado coma profesorado traballamos por parellas na creación dun pequeno podcast, desde a creación do guión ata a súa gravación.


Moitas grazas, agora tócanos a nós poñelo en práctica!

13/10/25

As nosas escritoras

      Desde a nosa biblioteca queremos sumarnos á celebración do Día das Escritoras, facendo visible o labor das mulleres que nos emocionan, nos fan pensar e nos axudan a entender o mundo a través dos libros.

     As autoras galegas ocupan un lugar fundamental nas lecturas do noso centro, desde Rosalía de Castro, Marilar AlexandreMaría Victoria Moreno ou Fina Casalderrey ata escritoras máis actuais como Ledicia Costas, Andrea Maceiras, Eva Mejuto, María Reimóndez, Iria Misa, María Solar, Rocío Leira ou Arantza Portabales, que fan da literatura galega un espazo vivo, diverso e cheo de talento.

    Tamén celebramos ás poetas contemporáneas, como Chus PatoOlga NovoYolanda CastañoMiriam Ferradáns, Montse Villar, Lucía Novas ou Sara Búho, que nos traen unha palabra fonda, necesaria e repleta de beleza.

     A fantasía, a novela xuvenil e a banda deseñada teñen tamén grandes voces femininas: Laura Gallego, Maite Carranza, Care Santos, Joana Marcús, Sonia Mirón, Deborah EllisAnnabel Pitcher, Alice Oseman ou Raina Telgemeier, que conectan coa mocidade e falan de identidade, amizade, medo, amor e liberdade.

     Na nosa biblioteca tamén hai espazo para as historias clásicas ou universais, como as de Jane Austen, Judith Kerr, Agatha Christie, Astrid Lindgren ou Sylvia Plath, que seguen a inspirar xeracións con voz propia.

    Grazas a todas as mulleres que escriben, por encher o mundo de palabras que abren os ollos, que conmoven e que fan pensar. Na nosa biblioteca, o voso traballo ten valor, espazo e memoria.

09/10/25

Pingas musicais

 


     Estamos de sorte no Illa de Ons, os timbres de entrada, saída e intercambios de clase veñen acompañados desde finais do curso pasado de Pingas musicais 💧🎵. Da selección destas ocúpase un equipo formado, polo momento, por profesorado e persoal non docente, capitaneado polo noso gurú musical Martiño Meira 😎🙌. Como el mesmo explica nun pequeno texto ao que temos acceso na aula virtual do centro, estas Pingas non teñen outra pretensión ca de humedecer os oídos cunha variedade extensa de música popular e tamén de música de culto. Neste sitio da aula virtual poderemos coñecer os intérpretes e os nomes das pezas e tamén beber das pingas acumuladas cada semana até fartar as orellas! 

     Se formas parte da comunidade educativa do IES Illa de Ons e non es usuario ou usuaria da aula virtual, podes solicitar o acceso a este espazo musical na secretaría do noso centro.

01/10/25

HORA DE LER

     Coma todos os anos, comezamos neste mes de outubro coa Hora de ler, vinte minutos que dedicamos diariamente a lectura libre e que imos rotando semanalmente de sesión. Para non esquecer este tempo de pracer lector, colocáronse nos cortizos de todas as aulas calendarios coas horas sinaladas para todo o curso escolar.

22/09/25

FICBUEU 2025

 O pasado venres, o FIC Bueu convidounos a asistir co alumnado de 3º e 4º ESO a unha sesión de proxección de curtas no Centro Social do Mar. 


     Antes de asistir realizamos na aula unha serie de actividades preparadas pola organización, co fin de activar as ideas previas sobre as posibles tramas das curtas. Despois do visionado o alumnado valorou individualmente cada unha das pezas audiovisuais cunha papeleta e, en grupo, debatemos sobre as temáticas tratadas nas distintas curtas así como a linguaxe audiovisual aplicada nalgunha delas. 


Moitas grazas un ano máis ao FIC por convidarnos a gozar desta experiencia.

15/09/25

Poñémonos en marcha!

 

GIF deseñado por Markus Magnusson

      Xa estamos de volta e comezamos un curso máis con moita ilusión e novos proxectos. Nestas primeiras semanas o equipo da biblioteca estivo a planificar algunhas das actividades que temos previsto desenvolver durante o curso e realizou algunhas das tarefas de xestión, como o expurgo do depósito de castelán, a detección de necesidades dos diferentes departamentos para a compra de novos títulos, a catalogación e etiquetado de materiais ou o pegado de códigos de barras.

     Estas son algunhas das novidades adquiridas:

21/06/25

Premios de Dinamización da Lingua Galega

     O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e a ANPA do IES Illa de Ons organizaron, un ano máis, o acto de entrega de premios dos certames audiovisuais "Tes un minuto?" e "A foto fala".  Para amenizar esta actividade, alumnas e alumnos de distintos cursos participaron en diversas actuacións coordinadas pola nosa compañeira Teté García. Ademais tivemos a sorte de contar coa colaboración de dous dos rapaces migrantes que viven actualmente en Bueu, que formaron parte da posta en escena dunha das performances.

     Os traballos premiados este ano foron os seguintes:

No Certame de Vídeos “Tes un minuto?”

    • Premio 1º ESO: Iria López Graña e Saray Martínez Martínez.
    • Premio 2º ESO: Laura Agulla Pastoriza, Leire Fernández Riveiro e Manuel Fernández Paredes.
    • Premio 3º ESO: David Dacosta Otero, Sara Rivadulla Bernárdez, Sheila Pouso Ribeiro e Tania Ogando Tilve.
    • Premio 4º ESO: Alba Gallego Gil, Eva Mª Míguez Barreiro, Sara Esperante García, Silvana Pena Juncal e Yanira Patiño Fervenza.
    • Premio á mellor serie: Clara Gómez Novas e Lucía Núñez Cruz.

No Certame de Fotografía “A Foto Fala”

    • 3º Premio 1º ESO: Noa Gago Miranda.
    • 2º Premio 1º ESO: Elena Pastoriza Cortizo.
    • 1º Premio 1º ESO: Xaquín Fernández Calo.
    • 1º Premio 3º ESO: Sabela Cancelas Estévez.

Ademais, entregouse un premio á alumna Clara Gómez Novas, como recoñecemento á súa participación como mestra no Obradoiro de Iniciación á Pandeireta que organizamos no centro polas Letras Galegas.

  Noraboa a todas e todos os participantes!

18/06/25

Premio Micromuseo e Antes de Nós

   O IES Illa de Ons acadou o segundo premio do concurso de microrrelatos audiovisuais Micromuseo, organizado pola Deputación de Pontevedra. A peza audiovisual gañadora titulada Superviventes, baseada en distintas das estampas creadas por Castelao, foi ideada e gravada por un grupo de alumnas de 4º ESO B: Alba Gallego, Eva Míguez, Sara Esperante, Silvana Pena e Yanira Patiño. Noraboa rapazas!


     Por outra banda, onte achegámonos co alumnado de 3º e 4º ESO ata os Multicines Norte de Vigo para ver Antes de Nós, o filme de Ángeles Huerta que supón unha homenaxe a Castelao no 75 aniversario do seu pasamento.

En 1918, Castelao abandona a súa vida estable como funcionario en Pontevedra para enfrontar a pandemia da gripe española como médico no seu Rianxo natal. Anos despois, en 1929, viaxan xuntos por Bretaña, tentando recompoñerse tras a perda do seu único fillo.

11/06/25

Non é unha historia, é unha vida.

      En Bueu, un grupo duns cen refuxiados, a maioría chegados de África tras unha difícil viaxe en barco ás Illas Canarias, están a comezar unha nova vida. Grazas á acollida que lles brinda a ONG ACCEM e á asistencia temporal dun hotel, estas persoas buscan reconstruír o seu futuro lonxe da violencia, a fame e a pobreza. 

     Hoxe, estudantes de 2º ESO de Bueu fixéronlles unha entrevista na radio de Polos Creativos, para coñecer as súas experiencias e comprender mellor a súa realidade. O alumnado interesouse sobre as súas vidas antes de vir a Bueu, sobre o momento de tomar a decisión de marchar e a dureza de deixar o seu país e as súas familias. Tamén falaron da complicada viaxe desde o seu país ata as Illas Canarias.

     En canto á súa estancia en Bueu, os alumnos e alumnas preguntáronlles acerca dos principais retos aos que se enfrontaron, como foron acollidos e se sufriron algún tipo de discriminación. Falaron sobre o acceso que teñen aquí á educación, á saúde e ao emprego; sobre os seus medos, preocupacións e soños, así como sobre as proxeccións que fixeron de futuro en España.

     A través desta entrevista, coñecemos de primeira man as dificultades coas que se atoparon e as esperanzas que teñen. A súa realidade móstranos que non buscan privilexios, senón unha oportunidade para vivir con dignidade e seguridade, coma todos os demais. É necesario que reflexionemos sobre a importancia da solidariedade, a comprensión e o respecto por aqueles que comezan de novo lonxe dos seus fogares.

    O alumnado tamén entrevistou a Belén, membro da ONG ACCEM en Bueu, onde están a medrar iniciativas locais que promoven a inclusión e a solidariedade.

     A través das súas palabras, entendemos que acoller refuxiados non é só un acto de xustiza e humanidade, senón tamén unha oportunidade de enriquecemento mutuo. Como sociedade, fortalecémonos cando abrimos as portas, non só das nosas institucións, senón tamén dos nosos corazóns e comunidades. Sobre todo, é evidente que a maioría dos mitos que circulan sobre as axudas e os privilexios non se sosteñen ante a realidade do acompañamento, o esforzo e o desexo de reconstruír unha vida.

05/06/25

Exposición "Animais Fantásticos"

    Este curso o alumnado de 1° ESO traballou no proxecto Animais Fantásticos, proposto polos departamemtos de Lingua Castelá, Bioloxía e Xeoloxía e Debuxo. 

     O alumnado investigou sobre distintos animais ficticios e creou un propio, facendo a súa descrición, representándoo mediante unha imaxe bidimensional ou tridimensional e elaborando a súa ficha científica, coa que construímos a nosa propia Guía Científica.

Con todo o material elaborado organizouse unha exposición na entrada do centro

31/05/25

Últimas adquisicións

 





26/05/25

Letras Galegas 2025

      Este curso celebramos as Letras Galegas con varias actividades que desenvolvemos durante o mes de maio. Ademais da exposición cos carteis gañadores do concurso convocado pola Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, organizamos un Obradoiro de Iniciación á Pandeireta, impartido por Clara Gómez Novas, alumna de 3º ESO. 


     Por outra banda, na aula de Polos Creativos fabricamos uns chaveiros de pandeireta coa impresora 3D, que despois decoramos con deseños impresos coa cortadora láser. 


     Ademais, profesorado, alumnado e persoal non docente, participamos nun acto dedicado ás cantareiras, no que recitamos o poema “A fala” de Manuel María, tocamos a gaita, cantamos a Foliada de San Amaro acompañadas de pandeiretas e bailamos unhas muiñeiras.

05/05/25

Obradoiro de iniciación á pandeireta

     A primeira das actividades organizadas no noso centro para conmemorar as Letras Galegas, dedicado este ano ás cantareiras, é un Obradoiro de Pandeireta que vai ser impartido por Clara Gómez Novas, alumna de 3º ESO do noso centro. Animamos ao alumnado e profesorado do centro a participar!

23/04/25

Libros favoritos

     Para conmemorar o Día do Libro, alumnado e profesorado dos distintos niveis educativos pasaron pola Biblioteca para fotografarse cos seus libros preferidos. Ademais fixeron recomendacións das lecturas que máis lles gustaron do que levamos de ano. Moitas grazas a todos e todas!

18/04/25

Tes terras?

 A pasada semana tivemos a sorte de contar coa visita de Pedro Meira e Joshua Acuña, de Gáidil Bueu, que organizaron na nosa biblioteca unha divertida xornada de ocio co xogo de mesa Tes terras? O alumnado dos distintos cursos, distribuído en pequenos grupos, aprenderon a mecánica deste xogo, no que a través dun taboleiro e unha serie de cartas inspiradas na cultura e lugares emblemáticos do Morrazo, os participantes teñen que usar estratexias para construír e mellorar propiedades aumentando o seu valor e rendibilidade.

14/04/25

Museo Massó

     Como actividade complementaria á lectura da obra de Julio Verne “Veinte mil leguas de viaje submarino”, o alumnado de 1º ESO visitou o Museo Massó e participou nunha serie de propostas relacionadas coa navegación e a orientación marítima. Puidemos ver unha exposición articulada ao redor da idea da conquista do mar, dedicada a disciplinas como a astronomía, a xeografía e a construción naval. Explicáronnos o funcionamento de distintos instrumentos de navegación, entre eles o astrolabio, usado para determinar a posición das estrelas e observar o seu movemento, medir distancias ou calcular a latitude a partir da hora. 

     Ademais, o alumnado fabricou un planisferio celeste (o astrolabio é un predecesor do moderno planisferio), a partir de dous discos de cartolina xiratorios, e fixeron prácticas de identificación de estrelas e constelacións. Tamén aprenderon a realizar distintos nós mariñeiros e a partir dun destes deseños elaboraron un chaveiro.

10/04/25

Adiviñas

     Como entretemento nestas pequenas vacacións que temos por diante, retámosvos a atopar as solucións a estas adiviñas, creadas con distintos recursos expresivos polo alumnado de 2º ESO na materia de Lingua Galega e Literatura.